DEPORTIVO FEMININO 1-1 EIBAR SD : “MERECEU MÁIS O EQUIPO BRANQUIAZUL NO DUELO CO LIDER”.

 

Deportivo Feminino 1-1 Eibar SD

Fixo méritos dabondo e gozou de numerosas ocasións o equipo deportivista, en especial na segunda metade. Fermoso encontro o que brindaron en Abegondo o lider e o segundo clasificado.

Crónica de rcdeportivo.es :

Dépor ABANCA e SD Eibar, que chegaban nas dúas primeiras posicións da táboa da Primera Federación FutFem, elevaron o seu nivel e a súa igualdade ao marcador, que sinalou un empate a un gol ao final dos noventa minutos.

O conxunto vasco foi o primeiro en deixar claras as súas intencións, exercendo unha asfixiante presión alta que, con todo, non lle permitiu xerar situación de perigo algunha. A zaga branquiazul repúxose con acerto a cada perda de pelota en campo propio.

Nos primeiros minutos, só cabe destacar dúas accións invalidadas. Por parte coruñesa, un córner botado por Henar que cabeceou fóra Raquel García após cometer falta sobre a súa marcadora. Por parte eibarresa, unha situación de gol da colombiana Geraldyne Saavedra a centro de Andrea Sierra, anulada por claro fóra de xogo.

O primeiro disparo a porta chegou no minuto 18. Foi a brasileira Jujuba a que enganchou coa súa bota dereita no punto de penalti un córner a media altura, enviando a pelota por encima do traveseiro.

O partido discorría con moitos contactos e interrupcións e escasas chegadas ás áreas, cando no minuto 35 produciuse unha falta en tres cuartos do ataque deportivista. Paula e Henar xogaron un túa-miña para abrir á defensa visitante. A asturiana meteu unha pelota picada ao corazón da área onde Raquel García, en posición correcta, controlouna co peito e bateu a Noelia cun disparo co seu pé esquerdo.

O Dépor ABANCA soubo arrefriar os últimos minutos e o resultado mantívose á conclusión do primeiro tempo.

O segundo período comezou sen cambios e cun gol anulado a Inés Altamira por fóra de xogo. A balear peiteou lonxe do alcance da porteira vasca un centro de Samara desde a esquerda lonxe do alcance da gardameta armeira. Corría o minuto 48.

Foi un espellismo porque a partir de entón a SD Eibar empezou un longo de período de control do partido, un dominio que as pupilas de Irene Ferreras non foron capaces de sacudirse durante moitos minutos. As deportivistas non eran capaces de saír do seu propio campo.

No minuto 57, Esperanza Pizarro enviou unha falta directa por riba do traveseiro. Catro minutos despois, unha pelota de Campos desde o extremo dereito atopou a chegada desde atrás de Arene, completamente soa. A capitá azulgrana picou sobre Lucía pero o coiro foise rozando o poste dereito.

Poucos segundos despois chegou o tanto do empate. A exdeportivista Andrea Sierra definiu no man a man con Lucía após unha acción do ataque eibarrés con varias xogadoras dobrando pola dereita.

O Dépor ABANCA espertou entón e estivo a piques de adiantarse de novo tralo saque de centro, nun servizo desde a dereita de Cris que cortou Carla Andrés no punto de penalti. Máis clara aínda foi a opción de Ainhoa Marín no minuto 70. Millene lanzou en profundidade pola dereita á catalá que, completamente soa, tropezou cando ía disparar.

O Eibar respondeu de inmediato cun contragolpe que concluíu cun disparou desviado de Geraldyne Saavedra, buscando o recanto contrario, despois dunha deixada de tacón de Campos. No minuto 74, outra exdeportivista, Jone Ibáñez, disparou alto desde 25 metros.

A partir de entón, o Dépor ABANCA aumentou o seu ritmo e xerou varias ocasións para levarse os tres puntos en xogo. No minuto 78, Samara conectou co calcaño dentro da área con Millene e a brasileira soltou un canonazo raso que Noelia só puido atrapar en dous tempos. No minuto 83, Eva Dios disparou desde 35 metros coa porteira fóra do seu marco, após saír a despexar co pé no costado dereito da área, pero Jujuba cortou de cabeza na media lúa o disparo da canteirá. Carlota Suárez, no minuto 84, atopouse un rexeite na área pero Noelia atrapou o seu frouxo lanzamento.

A pesar dos sete minutos e medio que engadiu a colexiada e ao empuxe herculino, o tempo de prolongación non deixou máis oportunidades e o marcador quedou co empate a un tanto.

Deportivo ABANCA: Lucía, Cris, Inés Altamira, Raquel García, Samara (Patri López, min. 87), Paula Gutiérrez, Henar, Ainhoa Marín (Sara Navarro, min. 87), Laura Fernández (Eva Dios, min. 70), Charle (Carlota Suárez, min. 80) e Millene.

SD Eibar: Noelia, Andrea Sierra, Jujuba, Carla Andrés, Noko Matlou, Arene (Andrea Álvarez, min. 86), Honoka Yonei, Campos, Jone Ibáñez, Geraldyne Saavedra (Valentina Morales, min. 77) e Esperanza Pizarro (Kenni, min. 86).

Goles: 1-0 Raquel García (min. 35); 1-1 Andrea Sierra (min. 62).

Árbitra: Claudia Cebollada López (c. valenciano). Cartón amarelo a Paula Gutiérrez (min. 73).

Incidencias: partido da 7ª xornada de Primera Federación FutFem disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.

-Foto : RC Deportivo 

-Texto : piratasdemuxia/rcdeportivo.es

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies