David Mella: cabeza fría, ambición intacta e compromiso total co Depor.
No vestiario do Depor respírase unha mestura de autocrítica e ilusión. David Mella puxo voz a ese sentir colectivo dun cadro branquiazul que sabe onde está, pero tamén ata onde pode chegar. O deportivista aposta por mirar cara adiante sen perder de vista os detalles que poden marcar a diferenza nunha categoría tan esixente.
O futbolista deixou claro que o grupo mantén unha mentalidade positiva malia os últimos resultados. “Estamos ben colocados e sabemos que aínda queda moito camiño”, vén transmitindo un Mella que insiste na importancia de non caer no dramatismo e seguir confiando no traballo diario dos nosos.
Iso non significa conformismo. Todo o contrario. No seo do cadro coruñés hai conciencia de que hai aspectos que mellorar, especialmente á hora de finalizar as xogadas. O propio xogador recoñece que “hai accións nas que temos que estar máis finos, decidir mellor no último intre”, asumindo que o equipo xerou situacións pero non sempre soubo convertelas en perigo real.
Tras cada encontro, a rutina é clara no vestiario deportivista: análise, reflexión e pasar páxina. “O día seguinte serves para ver os erros, e despois toca cambiar o chip”, explica Mella, deixando patente a profesionalidade dun grupo que non se instala nin na euforia nin na frustración.
Outro dos retos marcados polos nosos está en facer de Riazor un escenario aínda máis fiable. O branquiazul admite que “sumar na casa é clave” e asegura que o equipo vai dar un paso adiante nese aspecto no tramo decisivo da tempada, co obxectivo de rascar o máximo número de puntos posibles diante da afección.
A nivel persoal, David Mella amósase totalmente comprometido co colectivo e coas decisións do corpo técnico. A súa polivalencia é un valor engadido, e el acéptao con naturalidade: “Estou dispoñible para o que faga falta”, asegura, deixando claro que o importante é axudar ao equipo, sexa onde sexa.
Pensando no seguinte compromiso, o deportivista prevé un duelo esixente, intenso e cheo de loitas individuais. “Vai ser un partido moi igualado”, apunta, consciente de que nestas xornadas cada detalle conta e ningún rival regala nada.
Por último, Mella tamén tivo palabras de eloxio para Riki do que destacou a súa capacidade para moverse con liberdade e para ver pases que poucos son quen de imaxinar, subliñando que “é un futbolista que lle da un salto de calidade o equipo”.
Con serenidade, ambición e unha mensaxe clara de unidade, David Mella segue crendo no Depor, traballando e mirando cara arriba, paso a paso, coa identidade branquiazul moi presente.
.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo : RC Deportivo