DATAS DE COMEZO DAS PRINCIPAIS COMPETICIÓNS DE FÚTBOL MASCULINO DE ÁMBITO AUTONÓMICO

 

A Terceira RFEF (Grupo Galicia) arrancará o 12 de setembro e a Preferente o día 19. A maioría das ligas galegas darán comezo a finais de setembro e principios de outubro

 A previsión de datas podería verse modificada como consecuencia da evolución da situación sanitaria

A Real Federación Galega de Fútbol traballa arreo para programar a vindeira tempada e xa podemos anunciar as datas previstas para o inicio das diferentes competicións masculinas de ámbito autonómico logo do informe presentado pola Comisión Deportiva e aprobado este mesmo luns pola Xunta Directiva.

O inicio das competicións está influido pola situación sanitaria, pois a vontade da Federación é conseguir que cando arranquen as ligas estea moi avanzada a vacinación e poidan estar inmunizados o maior número de deportistas posible. Ademais, con esa medida tamén se busca gañarlle tempo á pandemia confiando nun previsible cambio nos protocolos vixentes, pois a día de hoxe só se pode adestrar e xogar con máscara no fútbol base ou facendo test cada 14 días, dependendo da categoría.

Con estas premisas, a previsión de inicio das competicións é a seguinte: 

  • Terceira RFEF: 12 de setembro 
  • Preferente Galicia: 19 de setembro (os grupos con maior número de equipos) e 26 de setembro (grupos con menor número de equipos) 
  • Primeira Galicia: 10 de outubro (grupos con maior número de equipos) e 17 de outubro (grupos con menor número de equipos) 
  • Liga Nacional Xuvenil: 19 de setembro 
  • Liga Galega Xuvenil: 26 de setembro (grupos con maior número de equipos) e 3 de outubro (grupos Pcon menor número de equipos) 
  • División Honra Cadete: 3 de outubro 
  • Liga Galega Cadete: 3 de outubro 
  • Liga Galega Infantil: 26 de setembro (grupos con maior número de equipos) e 3 de outubro (grupos con menor número de equipos)

Todas as categorías restantes comezarán a partir de mediados do mes de outubro.

As datas de inicio das competición do fútbol feminino e do fútbol sala daranse a coñecer nos vindeiros días.

Esta previsión de datas podería sufrir cambios debido á evolución da situación sanitaria. A Comisión Delegada aprobou este luns que todos os equipos deberán inscribirse na categoría que lles corresponde e dese xeito poderase coñecer con certeza os participantes en cada liga antes de elaborar o plan competicional. 

O prazo de inscrición ábrese este mércores 21 de xullo para todas as categorías e irase pechando de maneira progresiva en función do inicio de cada competición. En todo caso, os clubs serán avisados, como mínimo, con quince días de antelación antes do remate do prazo de inscrición en cada categoría. De todas maneiras, desde a Federación anímase aos clubs a inscribir canto antes aos equipos que teñan seguro que van a participar esta tempada 21-22 para poder avanzar nos distintos formatos competicionais.

Hai dous aspectos que a Federación quere destacar de cara ao inicio da actividade: 

  1. Protocolos aprobados polas autoridades sanitarias

A día de hoxe seguen vixentes os mesmos protocolos e non hai datas previstas sobre a súa modificación. Iso fai que todos os federados deben adestrar e xogar con mascarilla nas categorías base e con test cada 14 días nas categorías senior e na Liga Galega Xuvenil.

  1. Seis semanas de preparación previa

Ao igual que se fixo antes do inicio da tempada 20-21 co formato exprés, a Federación entende que logo de tanta inactividade é necesario un proceso de preparación cun mínimo de seis semanas antes de comezar as competicións.

Axudas para todo o fútbol afeccionado

A Xunta Directiva é consciente das dificultades que están a pasar os clubs e por iso aprobou este luns ampliar o Programa “Alento” cun gran paquete de axudas económicas directas que por primeira vez van destinadas a todos os equipos do fútbol afeccionado galego (Preferente, Primeira, Segunda e Terceira Galicia), así como material deportivo para todas as categorías do noso fútbol.

A Xunta Directiva da RFGF

A Coruña, 21 de xullo de 2021

-Foto e Texto : RFGF

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies