Dani Barcia: “Temos que seguir nesta dinámica, o sábado a por máis”.

Despois da derrota pola mínima ante o Watford (1-0), Dani Barcia fixo unha valoración positiva do rendemento do equipo, malia o resultado adverso. O central branquiazul destacou o nivel físico do rival e lamentou os pequenos erros que custaron o único gol do encontro:

“Foi un partido complicado ante un bo rival, de Segunda inglesa. Eles son moi físicos, pero co balón cústalles un pouco máis. Nós comezamos máis fortes, tivemos mala sorte no gol con un par de fallos. Pola miña parte e polo equipo estou contento, temos que seguir nesta dinámica. O sábado, a por máis”.

Sobre o seu estado físico tras un longo período de baixa, Barcia transmitiu boas sensacións, asegurando que vai collendo ritmo pouco a pouco:

“Estiven tres meses lesionado, pero nótome moi ben. Ao principio notábame canso, nos primeiros 45 minutos contra o Famalicão e o Compostela. Hoxe xa con 60 minutos, e o outro día con 70, nótome bastante ben. O equipo vai a ir a máis. Hoxe, contra un bo rival, non notamos a diferenza de ritmo en nada. Imos mellorar seguro nestas semanas que quedan de pretempada”.

Mirando cara ao próximo compromiso do Dépor, o encontro ante o Middlesbrough o vindeiro sábado 2 de agosto ás 16:00 horas (hora galega, 15:00 GMT), Barcia agarda un duelo semellante ao vivido contra o Watford:

“Espero un partido como o de hoxe, de ritmo alto e de ida e volta. Temos que ir aos duelos como fomos hoxe, ou un pouco máis fortes, para intentar levarnos o partido”.

 Para ver o noso comentario do partido ante o Watford preme neste enlace: Derrota pola mínima dun Dépor fallón ante un Watford efectivo (1-0).

-Foto : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”