Aquí tedes un arbusto, (tamén considerado árbore ornamental), que saca unhas flores na primaveira e no verán que parecen cepillos vermellos, e de aí lle ven o seu nome, “escova de botella” ou “limpiatubos”, a verdade é que non se mataron moito para poñerlle o nome, cousa que tamén o ten noutros idiomas.
O seu nome científico é “Callistemon citrinus”, y ainda que a podemos atopar a carón das nosas casa, é australiana, concretamente do sudeste do continente dos canguros. A sua flor ten a forma de escobilla e tódolos filamentos vermellos son estames moi longos, o que a fai un atractivo máximo para as abellas, volvoretas e aves polinizadoras. Aguanta ben os climas extremos, polo que se da mellor en exteriores o que fai que sexa moi utilizada en xardíns ornamentais. Chega a medir ata 3 metros de alto e pode podarse despois da sua floración, feito que estimula unha nova floración. A sua flor se a apretas desprende un agradable olor a limón, de aí o seu xénero, “citrinus”, que significa en latín : “relativo ao limón” ou “con cheiro a cítrico”.
Esta que vedes nas fotos que vos presento está a carón do Centro de Saúde de Muxía, e aí a tedes esplendorosa sen ter ningún tipo de cuidados, máis alá do sol, o vento e a chuvia, e un podado de de Pascuas en Ramos.
.
-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”
