CRÓNICAS : VITORIA IMPORTANTE DO SOFÁN NA PREFERENTE ASÍ COMO NA 1ª GALICIA G2 AS DO BAIO NO DERBI ANTE O SAN LORENZO, A DA ESTEIRANA E BO EMPATE DO DUMBRÍA E A NOVA DERROTA DO FISTERRA.

 

COMENTARIO XERAL

Agradecer de antemán a colaboración dos adestradores cos seus comentarios, sen censuras e totalmente propios deles. Se algún non puxemos é porque ou ben non nos chegaron ou por falta de comunicación.

Na Preferente Norte boa vitoria do Sofán tanto polos puntos coma no anímico e que os leva a poñerse no 11º chanzo da clasificación con 17 puntos, 5 por enriba do descenso e a 1 dos 3 equipos que o preceden, (Castro, Mugardos, e Montañeros), e a 2 do 6º clasificado, CD Boiro. Cortan así os de Pablo Torreira unha xeira de dous encontros sen gañar, pero suman 4 sen perder, pois os dous anteriores foron empates.

No que se refire a 1ª Galicia G2 A Costa/Santiago, o Dumbría empataba co segundo clasificado, Flavia, e segue a alonxarse da zona alta. Pola sua banda o San Lorenzo caía ante un baio ao que os puntos sábenlle como auga de Maio en pleno Novembro. Primeira derrota da era post-Dani Casal para os de Verdillo e os de raposo válelles para sair dos postos de descenso e sumar a terceira xornada en positivo cun empate e duas vitorias seguidas nos derradeiros 3 encontros. As portas dos postos de descenso direto métese o Fisterra cos mesmos 12 puntos co Agolada que marca o primeiro posto de descenso direto. Ben e certo que os fisterráns mereceron gañar pero caían por 3-2 ante o Cordeiro e xa suman 6 derrotas consecutivas. A Esteirana goleou e xa mira un pouco máis lonxe a zona quente situándose na metade da táboa a 5 da zona perigosa.

 

PREFERENTE NORTE

-13ª Xornada-

CD Castro 0-2 SD Sofán

Pablo Torreira, (Adestrador do SD Sofán) : “Fixemos un partido moi serio tanto en ataque coma en defensa e ainda que os goles chegaron un pouquiño tarde fomos xustos vencedores. Na primiera metade tivemos un par de boas ocasións, a primeira de Javi Souto tras un centro de Martín Pereira e que lle fixo o porteiro unha gran parada e a segunda Currás fixo unha boa peinada e Bandeira púxoa practicamente na escadra e o porteiro fixo unha gran parada a man cambiada. A partires de aí tivemos o dominio do partido a pesares de que o Castro ten unha boa dianteira, fomos quen de defendernos ben e non ceder ocasións. Na segunda metade non houbo chegadas perigosas ata os derradeiros 20 minutos de encontro. A tónica do encontro trocou ca entrada de Marcos Montero que acadaba o primeiro gol do partido, tras xogada individual de Fabián que se ía de dous para ceder a Montero que empuxaba. Nunha acción individual de Marcos que centra e Martín remata a gol este a gol para o segundo. Tres puntos importantes nunha vitoria de mérito, e que nos facía moita falla, e a pesares das moitas baixas o equipo amosou ter persoalidade e fondo de armario. Xa contábamos con 5 baixas e dous xogadores máis avisaron pola mañán que non podían vir o atoparse enfermos, polo que tivemos que ir con 15 xogadores”.

Goles : 0-1, Marcos Montero, (84´); 0-2, Martín Pereira, (87´). 

 

CLASIFICACIÓN : PREME AQUÍ

CALENDARIO E RESTO DE RESULTADOS : PREME AQUÍ

 

 

1ª GALICIA G2 A COSTA/SANTIAGO

-13ª Xornada-

 

O Baio segue en positivo unha xornada máis tras gañar o derbi.

 

CD Baio 2-0 SD San Lorenzo

Félix Raposo, (Adestrador do CD Baio) : “Vitoria importante e merecida ante un gran equipo. Primeira parte na que saiu un Baio protagonista a través do control do xogo desde fase de inicio, atraendo e facendo saltar a presión a xogadores rivais, xerando superioridades en zoa de creación e facendo dano o rival nos últimos metros. Froito deso chega o 1-0 tras xogada iniciada e onde participan todos os xogadores incluido porteiro. Condiciona nos últimos minutos a expulsion de Norberto. Na segunda parte movemos fichas coa idea de seguir traballando polos 3 puntos e asi foi. Cun home máis moitos minutos o San Lorenzo non foi capáz de xerar xogo e mostrar superioridade. Resultado final 2-0, con gol de Sergio cando o partido quedou 10 contra 10, pola expulsion dun xogador rival.

Felicitar òs meus “muñecos” polo ESFORZO, TRABALLO E POLO FUTBOL, levando a cabo un plan de partido para seguir sumando 3 puntos. De novo resaltar 8 xogadores baieses e o debut do xuvenil Miki, sendo un dos homes destacados do encontro”.

Goles : 1-0, Diego, (6´); 2-0, Sergio, (67´).

Incidencias : O colexiado David Cancela expulsou do Baio a Norberto no 42 con vermello direto e amonestou aos baieses, Javi Souto, Martín MC, Diego, Bruno e Pazos. Polo San Lorenzo expulsou con vermello direto a Oropeza no 57´e a Luciano no desconto final, e amonestou a Jairo, Dani Varela e Taibo.

 

Flavia SD 1-1 CF Dumbría

Adiantouse o Flavia pasado o ecuador da primeira metade cun tanto de Aitor e empataba o muxián Lucas Toba na segunda metade para os dumbrieses. O treito final do encontro estivo bastante trabado con faltas e paróns no xogo.

Goles : 1-0, Aitor, (26´); 1-1, Lucas Toba, (70´).

 

SCDR Esteirana 3-0 Praiña Sporting Club

Vitoria das que gustan para unha Esteirana que tras 6 xornadas sen coñecer a vitoria suma duas seguidas, esta cimentada nunha gran primeira metade. Os poucos do reinicio Oli adiantaba aos das Salinas e un cuarto de hora despois Isma Pedrosa poñía terra de por medio. No desconto chegou o definitivo por medio de Kevin Lariño, para desatar a ledicia no Xosé Luis Vara.

Goles : 1-0, Oli, (50´); 2-0, Isma Pedrosa, (65´); 3-0, Kevin Lariño, (desconto).

 

Cordeiro CF 3-2 SD Fisterra

Diego Lobelos, (Adestrador do SD Fisterra) : “Fixemos o mellor partido da temporada, pero non nos sonríe a sorte, merecemos levarnos os tres puntos. No primeiro tempo foi un partido igualado, e vanse con un 2-0 a caseta, pero tras o descanso conseguimos empatar e tivemos un gol anulado, e un claro penalti que non nos concederon”.

Goles : 1-0, Moisés, (38´); 2-0, Moisés, (45´); 2-1, Isaac Fábregas, (49´); 2-2, Diego Estévez, (79´); 3-2, Magariños, (88´).

 

 

CLASIFICACIÓN : PREME AQUÍ

CALENDARIO E RESTO DE RESULTADOS : PREME AQUÍ

 

 

-Foto : Luis González Botas

-Texto : Xosé Búa “Pirata”/Adestradores