CRÓNICAS PENÚLTIMA XORNADA DA 1ª GALICIA G2 : “XALLAS DEPENDE DE SI PARA A PROMOCIÓN, DUMBRÍA AS PORTAS, SONEIRA DE RELAX, ESTEIRANA APRETANDO POLA SALVACIÓN, BAIO EN POSICIÓN DE ARRASTRES E MAZARICOS DE PENITENCIA…ASÍ QUEDAN AS COUSAS TRAS ESTA PENÚLTIMA XORNADA”.

 

Continúa a dura loita por duas prazas de promoción que están por decidir e que quedarán para a derradeira xornada de liga.  O Xallas derrotaba ao Cordeiro e continúa na 4ª praza a que marca o límite da promoción, cos mesmo puntos co Flavia que está no terceiro chanzo, e que derrotaba a domicilio a un Soneira que xa entregou as armas, sen nada en xogo. Pola sua banda están fora de loitar polo ascenso o Dumbría e o Lalín, a espera na derradeira xornada dun fallo dos dous de arriba. Os dumbrieses derrotaban ao campión de liga, Cidade de Ribeira que sumaba a sua terceira derrota en 24 encontros xogados, e por abaixo dolorosa derrota do Baio que o deu todo, e vitoria de vértigo para a Esteirana que se despega dos baieses. Triste despedida do Mazaricos no derbi co Negreira, que sen xogarse nada facíalle un doloroso 10-1.

 

Xallas FC 2-1 Cordeiro CF

Encontro xogado de poder a poder e no que aos xalleiros só lles valía a vitoria para chegar a derradeira xornada coas opcións intactas de cara a acadar a promoción. Adrián falcón adiantaba antes do descanso aos visitantes, e non era ata pasada a hora de xogo cando Aitor acadaba a igualada. Foise arriba o equipo de Adrián Vázquez e conseguía o gol da remaontada e que sería definitivo, por medio de Juan de Selia.

Goles : 0-1, Adrián Falcón, (40´); 1-1, Aitor, (61´); 2-1, Juan de Selia, (75´).

 

CF Dumbría 2-0 Cidade de Ribeira CF

Non baixara o pistón o campión de liga a pesares de ter gañado o título xa fai un mes, pero desta volta tivo que baixar a cabeza ante un Dumbría que se está a xogar poder entrar na promoción de ascenso. Púxoselle moi de cara o encontro aos de Pablo Conde, xa que na primeira xogada de ataque do encontro, Dani facía o 1-0. Non aminorou o conxunto dumbriés e antes dos 20 minutos de xogo, Diego Estévez facía o 2-0, para logo saber xogar cos tempos de encontro ata o final. O dianteiro fisterrán leva con este gol acadado ante os de Ribeira, a frioleira de 30 goles, dos que 3 foron dende o punto de penalti.

Goles : 1-0, Dani, (2´); 2-0, Diego Estévez, (19´).

 

Soneira SD 0-3 Flavia SD

Xogábase moito o Flavia, que mantén intactas as opcións de promoción para a derradeira xornada de liga, e iso marcou o encontro. Adiantábanse os padroneses na primeira metade por medio de Martín e mataban o encontro nada máis comezar a segunda cun tanto de Pedro Giménez. Pouco despois da hora de encontro, José Antonio sentenzaba. O equipo de Pedro Gómez xa pensa máis na Copa que noutra cousa despois de ter certificada fai tempo a permanenza.

Goles : 0-1, Martín, (28´); 0-2, Pedro, (46´); 0-3, José Antonio, (69´).

 

CF Vista Alegre 3-4 SCDR Esteirana

Vitoria importantísima para os esteiráns nun choque de vértigo e no que tiveron que remontar tras poñerse por diante os santiagueses por medio de Óscar, empatando cun tanto de Oli, e ver como se poñían por diante de novo os locais, conseguir empatar de novo cun tanto de Rober “Pladur”, para que de novo ver como se lle adiantaban os do Santa Isabel, e conseguir empatar e remontar, nun acto de insistencia ante os mazazos do rival, e levarse a vitoria, cun gol en propia porta e o segundo na sua conta particular de Rober “Pladur”. Púxolle as cousas moi difíciles o colista, pero o final o sorriso foise para terras esteiranas. Perden os de Esteiro para o encontro final a Tobío, que vía un vermello direto no tempo de desconto final.

Goles : 1-0, Óscar, (17´); 1-1, Oli, (56´); 2-1, Antón, (58´); 2-2, Rober “Pladur”, (40´); 3-2, Óscar, (61´); 3-3, Santi Real, (71´ en propia porta); 3-4, Rober “Pladur”, (86´).

 

CD Baio 1-2 SR Calo

Mazazo para as aspiracións de permanenza do baio que veu como se lle escapaban os puntos no derradeiro suspiro do encontro. Pablo de penalti poñía por diante aos baieses antes de chegar o descanso. A vitoria pola mínima non se cortou ata o 85 cando sergio López batía a David. O mazazo final chegou xa no desconto. Os de Félix Raposo despiden a competición en Mazaricos, e ainda que acaden a vitoria seguirán na mesma posición de arrastre, pois a vitoria da Esteirana fai que estes ainda perdendo para a semana ante o Dumbría sigan por diante pois téñenlle o golaveraxe gañado. As esperanzas están en que suba algún da costa, pois o Fisterra cae da Preferente

Goles : 1-0, Pablo, (51´); 1-1, Sergio López, (85´); 1-2, Adrián, (desconto).

 

SD Negreira 10-1 CF Mazaricos

Colleu para estes dous encontros de liga que quedan, Alvite os mandos da nave mazariquense e foi moi dura a sua volta como “parche” o banco dos amarelos. A primeira metade xa foi toda para os nicrerienses que se ían a vestiarios coa vitoria por 4-0. A segunda ca baixada de brazos e desexando que acabe a tempada foi peor e caeron outros 6 goles. Esteban Pereiro facía no 79 o gol dos de Mazaricos e que representaba o 9-1.

Goles : Gonzalo, (3), José Caamaño, Eloy, (3), Joel, e Marcos, fixeon os gole do Negreia. Esteban Pereiro o do Mazaricos.

 

CLASIFICACIÓN

 

 

-Foto e Texto : Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies