CRÓNICAS : O SOFÁN DESPIDE O ANO CON DERROTA E O DUMBRÍA CON VITORIA NA PREFERENTE NORTE.

A derradeira xornada do ano na Preferente Norte deixou á SD Negreira como líder con 38 puntos, mantendo unha curta vantaxe de dous sobre o CD Lalín, nun peche de ano que confirma a igualdade e a esixencia da categoría. No que respecta aos equipos da costa, a xornada foi de contrastes: o SD Sofán freou as súas aspiracións de achegarse á promoción tras unha dura derrota, mentres que o CF Dumbría pechou o ano cunha vitoria clave que lle permite coller aire na loita pola permanencia e marchar ao parón con mellores sensacións.

 

Puebla FC 4-0 SD Sofán

Partido igualado na primeira metade, aínda que cun Puebla máis intenso e efectivo. O conxunto local adiantouse no marcador aos 24 minutos por medio de José Bertua, nun tramo no que o Sofán competía pero sen dominio claro.

O segundo gol nada máis comezar a segunda metade, froito dun erro defensivo do Sofán, resultou determinante. A partir dese momento, o Puebla optou por replegar liñas e saír á contra, unha estratexia que lle deu réditos no treito final do encontro, cando chegaron dous tantos máis que pecharon unha goleada excesiva polo visto no xogo.

O Sofán estivo moi lonxe da súa mellor versión: perdeu a maioría dos duelos individuais, non conseguiu continuidade co balón e nunca tivo opción real de meterse no partido.

Goles:
1-0, José Bertua (24’)
2-0, Juan García (46’)
3-0, José Bertua (88’)
4-0, Hugo Suárez (90’)

CF Dumbría 2-1 Cidade de Ribeira CF

O Dumbría asinou unha vitoria de enorme valor nun encontro que se lle puxo costa arriba moi cedo. O Cidade de Ribeira adiantouse aos 17 minutos con gol de Aguado, aproveitando un bo inicio visitante.

O partido mantívose equilibrado durante moitos minutos, con alternativas, ata que o Dumbría conseguiu o empate no 72’, obra de Mario Insua, o que lle deu azos ao cadro local. Xa no tempo engadido, cando o empate parecía definitivo, Diego Estévez marcou o gol da vitoria no 91’, desatando a ledicia no Municipal.

Clasificación

Coa derrota, o SD Sofán mantense na sexta posición, pero alónxase da loita pola promoción, que queda agora a cinco puntos, os que suman San Tirso e Betanzos, quinto e cuarto clasificados respectivamente.

Pola súa banda, o CF Dumbría ascende ata a 12ª praza, abrindo unha pequena fenda co descenso. Os dumbrieses colocan un punto máis de marxe, situando agora o descenso a seis puntos, distancia que marca o Dubra, primeiro equipo en postos de perigo.

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Información sofán e fotos : Manel Sánchez