CRÓNICAS : MALPICA, OUTES E MUROS, ÚNICOS EQUIPOS QUE VOLTARON A SUMAR DE 3 NA 2º XDA DA LIGA DA COSTA”.

LIGA DA COSTA
-Resultados 2ª Xornada-
  • Cabana SD 1-5 UD Monte Louro

  • SCD Malpica 3-1 CF Porteño

  • Ponteceso SD 0-1 Outes FC

  • Sporting Zas 5-1 CF Mazaricos

  •  CF Corme 2-0 SD San Lorenzo

  • CD Muros 3-0 Xallas FC

  • Sofán SD “B” 3-2 Soneira SD

  • UD Corcubión 1-1 CD Baio

Comentario dos encontros
Todo aquel adestrador que queira deixarnos a sua visión do encontro do seu equipo pode facelo no whatsapp 626 72 00 47. Só poñeremos as impresións dos que nolos manden.

Crónica xeral da xornada

A segunda xornada deixou moita pólvora e emoción, houbo goleadas contundentes, en especial dos recén ascendidos, remontadas con moita épica e tamén duelos de igualdade máxima. O Monte Louro volveu amosar o seu potencial, mesmo xogando cun home menos, mentres que Sporting Zas e Muros tamén impuxeron a súa lei con solvencia. Malpica e Corme fixéronse fortes na casa, o Outes sumou un triunfo de mérito e Sofán “B” asinou unha remontada memorable ante o Soneira, un dos favoritos a todo. En Corcubión houbo reparto de puntos nun choque moi pelexado e con inferioridade numérica dos locais boa oarte do choque.

Malpica, Outes e Muros os únicos que fixeron pleno e colideran o grupo nesta segunda tirada da liga.

-Crónicas-

Cabana SD 1-5 UD Monte Louro

Declaracións de Óscar “Mingui” (adestrador do Cabana): “Partido no que o Monte Louro estivo mellor en todo momento. Xa encaixamos o 0-1 e 0-2 moi pronto. A partir da media hora melloramos e antes do descanso chegou o noso gol e a expulsión do que estaba sendo o mellor xogador do partido. Fomos 1-2 ao descanso e saímos moi ben dos vestiarios, dominando e tendo varias ocasións, incluíndo un remate ao longueiro e un gol pantasma que non subiu ao marcador. Pero cando mellor estábamos, nun erro noso fixeron o 1-3 e a partir de aí estivemos moi mal. Eles aínda farían o cuarto cun golazo de falta e o quinto no desconto. Nós fallamos un penalti.”

SCD Malpica 3-1 CF Porteño

O Malpica fixo valer a súa fortaleza en Pedra Queimada ante un Porteño que chegou con só 13 xogadores dispoñibles. Raúl adiantou aos locais no 33’ nunha xogada de estratexia, e aínda que os visitantes se agarraron ao partido, o cansazo fixo mella. García (56’) e Saydou (63’) sentenciaron, mentres que Baba fixo o 3-1 final no 86’.

Ponteceso SD 0-1 Outes FC

En O Pinguel houbo igualdade ata o final, cun xogo moi táctico. Cando todo apuntaba ao empate, Keko apareceu no 86’ para marcar o único tanto e dar ao Outes tres puntos de ouro.

Sporting Zas 5-1 CF Mazaricos

O Zas arrasou desde o inicio. Salah (12’), Redondo (32’) e Brais (33’) puxeron un 3-0 que practicamente sentenciou o choque. Na segunda metade, Redondo fixo o 4-0 (64’) e, aínda que Molinos recurtou no 65’, Salah volveu marcar no 79’ para selar a goleada.

CF Corme 2-0 SD San Lorenzo

En O Cairo o Corme tivo que traballar arreo fronte a un San Lorenzo sólido. O marcador abriuse no 52’ cun tanto de Yago Suárez, e Samu Costa sentenciou no 74’, garantindo o primeiro trunfo para os locais.

CD Muros 3-0 Xallas FC

O Muros foi mellor co Xallas, sabendo marcar e sufrir xa que estivo xogando con dez desde o minuto 50 pola expulsión de Fran Rodríguez. Antes, Álex fixera o 1-0 no 25’. Na recta final, e xa cun gran desgaste físico, os muradáns mataban o encontro cun tanto de Dani Jurjo (78’) e outro de Alonso (81’), que deixaron o 3-0 definitivo.

Sofán “B” 3-2 Soneira SD

Partido cheo de alternativas en O Carral. Nacho puxo en vantaxe ao Sofán “B” no 20’, pero o Soneira reaccionou con Sergio (31’) e Pichi de penalti (47’). O filial sofanista non se rendeu: Adrián Fraga empatou no 51’ e Rubén completou a remontada no 77’. A ledicia non foi plena porque no 86’ os locais quedaron con dez pola expulsión de Adrián Vázquez.

UD Corcubión 1-1 CD Baio

No Novo Cubaleiro houbo moita intensidade. Chechi adiantou ao Baio no 27’, pero César Lojo, de penalti, fixo o empate no 37’. O Corcubión quedou cun menos no 55’ pola expulsión de Fuentes, e sufriu ata o final, pero resistiu para sumar un punto ante un Baio que empuxou sen premio.

PREVIA 3ª XORNADA

  • 28/09/2025

  • (Os horarios son oficiosos)

  • CD Baio – Sporting Zas, por determinar

  • UD Monte Louro – Soneira SD, por determinar

  • CF Porteño – Outes FC, ás 16:30 horas

  • SD San Lorenzo – CD Muros, ás 17:00 horas

  • Mazaricos CF – Corme CF, ás 17:30 horas

  • Cabana SD – SCD Malpica, ás 18:00 horas

  • Xallas FC – Sofán SD “B”, ás 18:00 horas

  • Ponteceso SD – UD Corcubión, ás 18:00 horas

-Fotos SP-Zas-Mazaricos : Prensa Sporting Zas

-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”