PRIMEIRA FUTGAL G2
8ª Xornada
Domingo 26/10/2025
Os partidos dos equipos da Costa:
Racing San Lorenzo 2-0 SD Castriz
CF Muxía 2-3 Vizoño SD
SD Fisterra 0-5 Praiña SC
Camariñas FC 4-1 SCDR Esteirana
CRÓNICA XERAL
O Camariñas salva a honra costeira nunha nova xornada negra. A oitava xornada da Primeira Autonómica G2 volveu ser pouco amable cos equipos da Costa. Só o Camariñas FC foi quen de sumar de tres, e fíxoo no derbi ante a SCDR Esteirana (4-1), salvando así a honra dun domingo complicado para o fútbol costeiro.
Os demais representantes da zona, (Muxía CF, SD Fisterra, Racing San Lorenzo e SD Castriz), marcharon de baleiro e, o que é peor, o panorama na táboa vólvese preocupante: os catro equipos ocupan agora os catro últimos postos da clasificación, con tres deles en posición de descenso directo. O equipo muxián que puido ter encarrilado o encontro no primeiro tempo acabou perdendo con un Sergio “Pataca” moi cabreado ca actuación arbitral.
CF MUXÍA 2-3 VIZOÑO SD
Outro golpe cruel na Arliña
O Muxía CF volveu caer na Arliña nun partido no que mereceu máis. Os de Sergio “Pataca” fixeron un encontro moi completo, dominando amplamente na primeira metade, pero o pouco acerto e algunhas decisións arbitrais moi discutidas deixaron de novo sen premio o esforzo local. O Vizoño adiantouse na reanudación cun penalti, e aínda que os muxiáns reaccionaron con forza ata darlle a volta ao marcador, dous erros puntuais nos minutos finais custáronlles o partido.
Goles: 0-1, Jesús Ois (46’, penalti); 1-1, Mauro Romaní (58’); 2-1, Fran Moreira (65’); 2-2, Álex Miranda (72’); 2-3, Diatta (91’).
Incidencias: Expulsado por dobre cartón o adestrador do Muxía, Sergio “Pataca”, no minuto 75, que vía o segundo nun partido moi tenso.
Sergio “Pataca”:
“Partido moi completo do equipo, onde unha vez máis a falta de acerto penalízanos. Unha primeira parte na que o Vizoño non pisou a área muxiá a pesar de ter o vento a favor, nós acumulamos chegadas e algunha ocasión clara, pero non marcamos. Adiantouse na segunda parte o Vizoño de penalti, logo fallamos nós outro e de seguido déronlle a volta ao marcador. Tivemos ocasións de sobra para sentenciar e, nun despiste, empatáronnos. Na última do partido, cando estabamos volcados a polo encontro, nunha transición marcou o Vizoño.
Gustaríame facer un apunte en forma de protesta: a arbitraxe que vivimos na Arliña é denigrante, cunha actitude de superioridade e chulería do colexiado. Non nos podíamos dirixir a él porque che mandaba calar. Perxudicounos conscientemente ata en cinco ocasións. Ademais, despois de expulsarme, sen facer ningunha protesta nin na primeira amarela nin cando me expulsa, pon na acta que sigo dirixindo o equipo e que lle protesto ao seu asistente durante o transcurso do partido, e iso é mentira. É certo que sigo dirixindo o equipo, pero non volvo referirme aos colexiados en ningún momento.
Todos nos podemos equivocar, pero no que levamos de liga os erros sempre nos perxudican. Ata esta xornada foron un ou dous erros por partido, pero o que aconteceu hoxe contra o Vizoño non ten sentido. Xa estamos un pouco fartos de que sempre sexa o Muxía o que saia prexudicado.”
R. SAN LORENZO 2-0 SD CASTRIZ
O Castriz paga a inferioridade e segue no fondo
O SD Castriz caeu en San Lorenzo nun encontro no que xogou con dez dende o minuto 37, cando José Rey viu o segundo cartón en apenas dez minutos. A igualdade durou ata o descanso, pero na segunda metade o Racing aproveitou a superioridade para levarse o choque con dous tantos.
Goles: 1-0, Ánder (52’); 2-0, Younes (81’).
Incidencias: Expulsado o xogador do Castriz, José Rey, no minuto 37 tras ver o segundo cartón amarelo.
SD FISTERRA 0-5 PRAIÑA SC
Un Praiña demoledor afunde ao Fisterra
O Fisterra viviu unha das tardes máis duras da tempada ante un Praiña moi efectivo. O marcador final é excesivo para o visto no primeiro tempo, onde os verdes dispuxeron de dúas ocasións claras e sufriron un penalti non sinalado. As baixas e as lesións remataron por lastrar calquera opción de reacción.
Goles: 0-1, Soto (6’); 0-2, Soto (31’); 0-3, Yago (40’); 0-4, Rubén (76’); 0-5, Rubén (89’).
Incidencias: Expulsado no banco o xogador do Fisterra, Lois, no minuto 45.
Leo Picallo:
“Primeira parte igualada a pesar do 0-3. Moi resolutivo o Praiña nas súas chegadas, e nós tivemos dúas ocasións claras: unha de Isaac, que mandou fóra nun man a man, e outra de Martín, que o porteiro mandou a córner. Ademais, na última xogada da primeira parte houbo un penalti non pitado do porteiro a Isaac, que quedou tocado e xogou mareado toda a segunda metade
Tras o descanso o partido pasou a ser un trámite; non houbo case chegadas por parte de ningún dos dous equipos, e de feito os outros dous goles foron de falta pola escadra e dun tiro lonxano. Acusamos moito as baixas defensivas, xa que non tivemos a ningún dos nosos centrais, Maikel e Colombia por viaxe, e Mateo que rompeu o peroné o sábad. Ademais, aos cinco minutos de entrar no campo, Luisete sufría unha dislocación do ombreiro. É dicir, unha semana para esquecer.”
CAMARIÑAS FC 4-1 SCDR ESTEIRANA
O Camariñas impónse no derbi e rompe a súa mala xeira
O Camariñas volveu sorrir ante a súa afección cunha vitoria convincente fronte á Esteirana nun derbi marcado polas necesidades de ambos. Os de Juan Cabrejo amosaron máis pegada e souberon sufrir para acabar goleando.
Goles: 1-0, Soule (9’); 1-1, Toni (45+3’); 2-1, Adam (47’, penalti); 3-1, Javi (83’); 4-1, Nuno (93’).
Juan Cabrejo:
“En liñas xerais, vendo o resultado parece que foi máis doado do que en realidade foi. Saímos moi ben e puxémonos por diante no marcador, sen pasar apuros no primeiro tempo. Nun intre de nerviosismo, por dúas derrotas duras fóra da casa, nunha indecisión entre o porteiro e un compañeiro aproveitan para empatarnos. Puxémosllo en bandexa, só faltou que o marcaramos nós. Foi a derradeira acción do primeiro tempo.
Saímos ben na segunda e tivemos un penalti nada máis comezar para poñernos por diante. Non dábamos matado o encontro, e iso creaba a incerteza de que che puidesen empatar en calquera acción. Pero chegou un gol de bandeira de Javi que nos deu a tranquilidade que precisabamos. Despois, un dos nosos xuvenís fixo o cuarto, que xa mataba definitivamente o partido.
Unha boa vitoria ante unha Esteirana que ten moitas baixas, polo que me comentou o seu adestrador, e nós tamén tiñamos dúas moi importantes, Mario e Djibril, expulsados no derradeiro encontro. Os que saíron no seu sitio fixeron o posible para que non se notasen e conseguírono. Tres puntos de ouro tras unha mala racha. Hai que seguir loitando, que isto non é doado.”
Clasificación 8ª xornada
1️⃣ Bertamiráns FC – 18
2️⃣ CSD Arzúa – 16
3️⃣ Boimorto CF – 16
4️⃣ SR Calo – 14
5️⃣ SD Tordoia – 13
6️⃣ Racing San Lorenzo – 13
7️⃣ Praíña SC – 12
8️⃣ Cire de Melide – 12
9️⃣ Vizoño SD – 11
Camariñas FC – 11
11️⃣ Club do Mar – 10
12️⃣ UD Bastavales – 10
13️⃣ CCD Queixas – 10
14️⃣ SD Cacheiras – 9
15️⃣ CF Muxía – 8
16️⃣ SD Fisterra – 7
17️⃣ SD Castriz – 3
18️⃣ SD Esteirana – 2
PREVIA
9ª Xornada
Domingo 02/11/2025
Os partidos dos equipos da Costa:
SD Castriz – SR Calo
Club do Mar – CF Muxía
Vizoño SD – SD Fisterra
CCD Queixas – Camariñas FC
SD Tordoia – SCDR Esteirana
Os comentarios dos adestradores son propios e baixo a sua responsabilidade.
-Foto Camariñas. Dulce Corcu
-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”








