PRIMEIRA FUTGAL G2
Os partidos dos equipos da Costa:
7ª Xornada
Domingo 19/10/2025
Os partidos dos equipos da Costa:
SD Castriz 0-3 Bertamiráns FC
Praiña SC 4-1 CF Muxía
CCD Queixas 3-2 SD Fisterra
SD Tordoia 6-0 Camariñas FC
SCDR Esteirana 1-3 Boimorto CF
Clasificación : PREME AQUÍ
Crónica xeral
Xornada para esquecer na Primeira Autonómica G2 para os conxuntos da Costa, que saldaron a fin de semana con cinco derrotas en cinco partidos. O mellor parado foi o Muxía, que competiu ben ata a súa expulsión, pero o resto sufriron goleadas ou tropezos que agravan a súa situación na táboa. O Bertamiráns mantén o liderado tras pasar por riba do Castriz, mentres o Tordoia e o Boimorto consolidan a súa boa dinámica ante Camariñas e Esteirana, respectivamente.
Mala fin de semana para os equipos costeiros, que sumaron cero puntos de quince posibles. O Muxía mantense en zona media con 8 puntos, o Fisterra cae ao posto 15 con 7, o Camariñas queda tamén con 8 e o Castriz e a Esteirana seguen no fondo da clasificación con 3 e 2 puntos, respectivamente. Toca reaccionar na próxima xornada para evitar quedar descolgados nun grupo cada vez máis esixente.
CRÓNICAS
SD Castriz 0-3 Bertamiráns FC
Partido decidido practicamente nos primeiros minutos. O Bertamiráns saíu en tromba e, antes do minuto dez, xa gañaba por dous goles de diferenza. O Castriz tentou reaccionar e tivo opcións para recortar, pero un contragolpe letal sentenciou o duelo antes da media hora. Na segunda parte o equipo local mellorou, xogando con orgullo e xerando ocasións, pero sen acerto de cara a portería.
Miguel Chouza, adestrador do SD Castriz:
“Partido completamente atípico no que ós 5 minutos, nas dúas primeiras aproximacións do rival, anotou dous goles, entre rexeites e prolongacións dentro da área.
A partir daí, notamos o golpe uns minutos pero pronto nos repuxemos, e cando máis cerca estaba o 1-2, sentenciaron á contra co 0-3.
A segunda parte foi igualada, co Castriz de menos a máis, pero non conseguimos anotar ningunha das ocasións que tivemos para, polo menos, meterlle medo no corpo.
Victoria xusta do Bertamiráns que polo menos nos deixa cun fío de esperanza sobre o rendemento do equipo”.
Goles: 0-1, Azael (2´); 0-2, Pablo Míguez (7´); 0-3, Azael (32´).
Incidencias: O Bertamiráns quedou cun menos no 88´ cando Mauro Rodríguez viu o segundo amarelo.
Praíña SC 4-1 CF Muxía
O Muxía comezou forte e dominou mentres estivo con once sobre o terreo de xogo, chegando con claridade á área rival e rozando o gol. O Praíña aproveitou un erro para adiantarse, pero os muxiáns empataron tras o descanso e mesmo puideron poñerse por diante cun tiro ao longueiro. Coa expulsión de Álex Martínez cambiou o rumbo do partido e os locais acabaron impoñéndose con autoridade no tramo final.
Sergio “Pataca”, adestrador do CF Muxía:
“Partido no que mentres estivemos con 11 sobre o campo fomos mellores, chegando un montón de veces á área rival e xerando ocasións! Nun fallo adiantouse o Praíña, despois seguimos apertando e, á volta do descanso, conseguimos empatar. Temos un tiro de Fran ao largueiro para poñernos por diante. Chega a expulsión e aguantamos 15 minutos tendo incluso algunha boa ocasión, pero un golazo pola escadra do Praíña fíxonos moito dano e ata o final foi un querer e non poder”.
Goles: 1-0, Rubén (21´); 1-1, Carlos Costa (46´); 2-1, David Calvo (71´); 3-1, Manuel (78´); 4-1, Yago (93´).
Incidencias: O Muxía quedou cun menos no 58´ cando Álex Martínez viu o segundo amarelo da tarde.
CCD Queixas 3-2 SD Fisterra
O Fisterra non estivo no partido ata ben entrada a segunda metade. Un mal inicio condenouno, encaixando tres goles nos primeiros vinte minutos (o terceiro en propia porta). Reaccionou tarde e maquillou o marcador con dous tantos, pero nunca deu sensación real de poder empatar.
Leo Picallo, adestrador do SD Fisterra:
“Entramos moi mal no partido, froito diso na primeira xogada xa empezamos perdendo. Arredor do minuto 20 xa íamos 3-0. Non fomos capaces de engancharnos ao partido en ningunha fase. Conseguimos maquillar o resultado en dúas accións illadas, pero nunca demos sensación de meternos no partido”.
Goles: 1-0, Mateo (1´); 2-0, Martín (11´); 3-0, Maikel Mouzo, en propia porta (20´); 3-1, Guillermo (30´); 3-2, Juan Formoso (93´).
SD Tordoia 6-0 Camariñas FC
Partido sen historia, pese a que o Camariñas entrou mellor e dominou o primeiro tramo. Os locais aproveitaron a súa primeira chegada para abrir a lata e, antes do descanso, xa gañaban por catro. Na segunda metade, o encontro desvirtuouse coas expulsións dos de Cabrejo e o Tordoia ampliou a goleada cun Abel Torres en estado de graza, autor de cinco dos goles.
Juan Cabrejo, adestrador do Camariñas FC:
“Comezamos dominando os primeiros 20 minutos, estamos negados de cara ao gol e na primeira que nos chega, para dentro. O segundo chéganos tras un penalti que só viu o liña, gol que nos descompuxo e antes do descanso, xa ao límite do tempo, caéronnos dous máis.
O segundo tempo era para que non se fixese máis sangue e fose un choque de patio de colexio, pero non foi así, porque lle entramos ao trapo ao árbitro e sufrimos dúas expulsións moi importantes que non deberían ter pasado. Dúas xornadas, as últimas, para esquecer. O equipo está ben, pero hai que revertir isto, en especial no estado anímico, e pensar en gañar para a semana en Camariñas”.
Goles: 1-0, Abel Torres (15´); 2-0, Alberto, de penalti (28´); 3-0, Abel Torres (44´); 4-0, Abel Torres (45+3´); 5-0, Abel Torres (70´); 6-0, Abel Torres (89´).
Incidencias: O Camariñas sufriu as expulsións de Mario Suárez (78´ e 82´) e de Djibril con vermello directo (86´).
SCDR Esteirana 1-3 Boimorto CF
A Esteirana encaixou un novo revés, superada pola eficacia dun Boimorto que puxo terra de por medio antes da media hora. Os locais tentaron reaccionar pero o terceiro gol visitante sentenciou o choque. O tanto de Antón, a pouco do final, só serviu para maquillar o resultado.
Goles: 0-1, Carlos Lugo (15´); 0-2, Brais (21´); 0-3, Luis Miguel (57´); 1-3, Antón (84´).
PREVIA
Os partidos dos equipos da Costa:
8ª Xornada
Domingo 26/10/2025
Os partidos dos equipos da Costa:
Racing San Lorenzo – SD Castriz
CF Muxía – Vizoño SD
SD Fisterra – Praiña SC
Camariñas FC – SCDR Esteirana
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”/adestradores