CRÓNICAS E MOITO MÁIS DA 11ª Xda DA LIGA DA COSTA : “O San lorenzo lidera en solitario e Cabana e Soneira dan a sorpresa goleando a Xallas e Malpica”.

LIGA DA COSTA
11ª xornada 
Domingo 30/11/2025

Cabana SD 3-0 Xallas FC

UD Corcubión 1-2 CD Muros

UD Monte Louro 0-1 CD Baio

Sporting Zas 1-1 CF Corme

SCD Malpica 0-4 Soneira SD

CF Porteño 0-1 SD San Lorenzo

Ponteceso SD 5-2 CF Mazaricos

Outes FC 2-1 SD Sofán “B”

 

AVISO : Só poñemos os comentarios dos que nolos queiran mandar, non pedimos a ninguén. O noso whatsapp : 626 72 00 47 está aberto a todo aquel pertencente a un club que nos queira mandar información, fotos, comentarios, vídeos, etc…

 

CRÓNICA XERAL 

A décimo primeira xornada da Liga da Costa deixou cambio de líder, dous “batacazos” inesperados e unha clasificación máis comprimida que nunca. O SD San Lorenzo non fallou na súa visita ao sempre complicado campo do Porteño, e coa súa vitoria por 0-1 ascende ao primeiro posto aproveitando o tropezo do Malpica, que caeu con estrépito ante o colista Soneira.

O CD Baio mantense ás portas do liderado grazas a un triunfo agónico no Monte Louro. Pazos apareceu no minuto 96 para darlle tres puntos fundamentais ao conxunto de Diego Lobelos, que segue firme na súa pelexa polo ascenso.

A gran sorpresa da xornada produciuse en Arxondo, onde o Malpica encaixou un contundente 0-4 fronte a un Soneira que chegaba como último clasificado. A derrota, ademais de dolorosa polo marcador, deixa aos malpicáns caendo ata a terceira posición despois de ser líderes hai só dúas semanas.

O Cabana SD acadou unha das vitorias máis sólidas da tarde vencendo por 3-0 ao Xallas, que non acaba de atopar regularidade. Tamén goleou o Ponteceso, que segue en clara liña ascendente tras superar por 5-2 ao Mazaricos nun encontro eléctrico.

Por arriba, o Outes FC sostense nos postos nobres tras derrotar ao Sofán “B” por 2-1, mentres que o Corme deixou escapar a vitoria no campo do Sporting Zas, encaixando o empate dous minutos despois de adiantarase.

Con estes resultados, a Liga da Costa queda máis apertada ca nunca: entre o primeiro e o quinto só hai tres puntos, e por abaixo o perigo aperta sen descanso.

A vindeira semana comeza a LXI Copa da Costa

O final das crónicas tedes a previa da Previa, (valga a redundancia), da LXI Copa da Cotsa que comeza coa disputa de 4 encontros.Debido a esto parará a Liga da costa para reanudarse o a fin de semana do 14 de Nadal.

CRÓNICAS

CABANA SD 3-0 XALLAS FC

O Cabana segue medrando en solidez e asinou unha vitoria incontestable ante un Xallas que non foi quen de manter o nivel mostrado nas primeiras xornadas. Os cabaneses controlaron o encontro con orde e paciencia, e lograron abrir a lata xusto antes do descanso, o que cambiou totalmente a dinámica do partido, ese gol foi “psicolóxico”. Nunha gran segunda metade déronlle velocidade polas bandas o xogo e acabaron pechando unha vitoria clara que lles permite achegarse á metade alta da táboa.

GOLES:
1-0 Simón (45’+2)
2-0 Brais (53’)
3-0 Aarón (88’)

UD CORCUBIÓN 1-2 CD MUROS

Partido de moita disputas e poucas ocasións claras. O Corcubión comezou mellor, mandando no xogo e chegando por bandas. Froito diso chegou o golazo de Yago, que inventou un disparo á escadra tras revolverse na área. Pero os locais, como lamentou o seu adestrador Isidro Trillo, volveron “regalar” dous goles que lles custaron o partido. O Muros, serio e práctico, soubo aproveitar os erros e manexar o ritmo na recta final para levar tres puntos moi valiosos fóra da casa.

Isidro Trillo (UD Corcubión):
“Partido trabado e sen moitas ocasións. Comezamos tendo o balón e Yago fixo un golazo, pero coma sempre regalamos goles. Eles souberon perder tempo e fixeron o seu partido, e ao final foron xustos vencedores. Agora veñen 15 días sen fútbol e a ver se recuperamos sensacións.”

GOLES:
1-0 Yago Lema (34’)
1-1 Daniel (38’)
1-2 Daniel (70’)

UD MONTE LOURO 0-1 CD BAIO

O Monte Louro, un dos equipos chamados a estar arriba, xogaba unha final máis na procura de escapar da zona quente. Plantexaron un encontro serio, ordeado e moi incómodo para o Baio, que non atopaba o camiño ao gol. Pero cando todo apuntaba ao 0-0, apareceu Pazos no minuto 96 para rescatar un triunfo vital para os de Diego Lobelos, que se colocan segundos e apertan o liderato do San Lorenzo.

GOL:
0-1 Pazos (96’)

SPORTING ZAS 1-1 CF CORME

Choque directo pola salvación con final dramático. O Corme parecía levarse tres puntos fundamentais cun gol de Lucas Rial no 85’, pero o Zas reaccionou de inmediato e dous minutos despois Estefan devolvía a esperanza aos zacenses. Reparto de puntos que sabe a pouco para os cormeláns e que deixa ao Zas sumando, algo esencial para non cortar o seu crecemento.

GOLES:
0-1 Lucas Rial (85’)
1-1 Estefan (87’)

SCD MALPICA 0-4 SONEIRA SD

O golpe da xornada. O Malpica, que hai dúas semanas era líder intratable, encaixa a súa segunda derrota consecutiva e, ademais, unha das máis duras do que vai de liga, diante dun Soneira que chegaba como colista. Os visitantes fixeron unha segunda metade perfecta: orde, pegada e contundencia nos últimos metros. O Soneira recolle aire e refúxilase na esperanza de que este triunfo sexa un punto de inflexión.

GOLES:
0-1 David López (53’)
0-2 Alberto “Vía” (83’, penalti)
0-3 Mario (86’)
0-4 Adrián Lema (88’)

CF PORTEÑO 0-1 SD SAN LORENZO

Partido serio, intenso e moi competitivo. O Porteño plantoulle cara en todo momento ao recén descendido da Primeira Galicia, pero o San Lorenzo, moi firme atrás e con oficio, acabou atopando petróleo nunha xogada no minuto 75. Diego anotou o único tanto da tarde e converte aos de Verdillo no novo líder da Liga da Costa.

GOL:
0-1 Diego (75’)

PONTECESO SD 5-2 CF MAZARICOS

Choque frenético en Ponteceso. Os locais saíron en tromba, mais o Mazaricos nunca se deu por vencido e chegou a igualar un 2-0 adverso. Pero na segunda metade apareceu David Lema, que con dous goles (un deles de penalti) devolveu a vantaxe aos pontecesáns. Pechou a goleada Iván no 89’, confirmando a boa dinámica dun Ponteceso que mira cara arriba.

GOLES:
1-0 Daniel (7’)
2-0 Eloy (16’)
2-1 Marcos (23’)
2-2 Álvaro (47’)
3-2 David Lema (56’)
4-2 David Lema (83’, penalti)
5-2 Iván (89’)

OUTES FC 2-1 SD SOFÁN “B”

O Outes continúa firme entre os cinco primeiros e impxo o seu xogo ante un Sofán “B” que competiu pero non puido frear a aparición estelar de Sergio, autor dun dobrete en apenas oito minutos. O filial sofanista recurtou xusto antes do descanso, pero na segunda metade os locais souberon aguantar a ventaxe no partido con oficio.

GOLES:
1-0 Sergio (27’)
2-0 Sergio (35’)
2-1 Daniel Calvete (45’+2)

CLASIFICACIÓN 

  1. SD San Lorenzo – 23

  2. CD Baio – 22

  3. SCD Malpica – 21

  4. Xallas FC – 20

  5. Outes FC – 20

  6. Ponteceso SD – 17

  7. UD Corcubión – 16

  8. CF Porteño – 15

  9. CF Corme – 15

  10. Cabana SD – 14

  11. CD Muros – 13

  12. SD Sofán “B” – 12

  13. Sporting Zas – 11

  14. UD Monte Louro – 10

  15. CF Mazaricos – 10

  16. Soneira SD – 9

 

LIGA DA COSTA
12ª xornada 
Domingo 14/12/2025

CF Corme UD Monte Louro

CD Muros  Sporting Zas

SD Sofán “B”  UD Corcubión

Soneira SD – Outes FC

Xallas FC SCD Malpica

CF Mazaricos  CF Porteño

CD Baio – Ponteceso SD

SD San Lorenzo  Cabana SD

 

LXI COPA DA COSTA
Previa
Domingo 07/12/2025

UD Corcubión  Sporting Zas

UD Cerqueda  Ponteceso SD

CD Nantón  Cabana SD

SCD Buño – SCD Malpica, ás 18:00

 

.

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto Sp Zas : Departamento de prensa