PRIMEIRA FUTGAL G2
17ª Xornada
Domingo 11/01/2026
Os partidos dos equipos da Costa:
SR Calo 1-2 CF Muxía
R. San Lorenzo 5-2 SD Fisterra
Bastavales UD 2-2 SCDR Esteirana
SD Castriz 0-3 Vizoño SD
SD Cacheiras 5-1 Camariñas FC
Fin da primeira volta e arranque do ano
A Primeira FUTGAL G2 botou a andar no 2026 coa disputa da 17ª xornada, derradeira da primeira volta, deixando sensacións ben distintas para os equipos da Costa. Houbo alegría no Muxía, empate con sabor agridoce para a Esteirana e xornada negra para Camariñas, Castriz e Fisterra, nunha liga que segue máis aberta ca nunca na zona media, pero con estes tres equipos costeiros pechando a clasificación.
CRÓNICAS
R. San Lorenzo 5-2 SD Fisterra
Mal comezo de ano para o Fisterra, que saiu goleado do campo do San Lorenzo nun encontro no que os locais foron moi superiores. Os fisterráns seguen sen atopar regularidade e pechan a primeira volta en postos de descenso, con só 11 puntos e moito traballo por diante se queren cambiar o rumbo na segunda metade do campionato.
Bastavales UD 2–2 SCDR Esteirana
A Esteirana sumou un punto nun campo complicado como Bastavales, nun partido igualado e con alternativas. O empate serve para cortar unha mala dinámica, pero non abonda para saír do fondo da clasificación. O conxunto de Esteiro remata a primeira volta como pechacancelas, con 10 puntos, sabendo que cada xornada da segunda volta será unha auténtica final.
SD Castriz 0–3 Vizoño SD
Duro correctivo para o Castriz, superado con claridade por un Vizoño que confirmou o seu bo momento de forma. Os de Castriz non atoparon resposta e seguen afundidos na zona baixa, con 15 puntos, obrigados a reaccionar canto antes se non queren verse descolgados da loita pola permanencia.
SD Cacheiras 5-1 Camariñas FC
Xornada para esquecer do Camariñas, que encaixou unha dura goleada nun dos campos máis difíciles da categoría. O Cacheiras foi moi superior e castigou con dureza ós camariñáns, que pechan a primeira volta con 21 puntos, nunha tranquila pero enganosa 13ª posición, xa que a igualdade é máxima e non hai marxe para relaxarse.
SR Calo 1-2 CF Muxía
O CF Muxía asinou unha das vitorias máis importantes da primeira volta ao impoñerse no campo do Calo, nun partido trepidante, intenso e cheo de alternativas, que serviu para pechar a primeira volta cun triunfo de moito mérito lonxe da Arliña.
Segundo nos comenta Sergio “Pataca” : O encontro comezou cun Calo máis dominador, con maior presenza na área muxiá e varias aproximacións perigosas. Nun pase en profundidade, os locais aproveitaron un 2 contra 1 ante Iván Bouzón para adiantarse no marcador. Pero a reacción do Muxía foi inmediata, demostrando carácter e personalidade.
Tres minutos despois, nunha boa xogada de saque de banda, Adrián Alcaina, (que se reencontraba co gol tras unha longa lesión), acadou o empate cun remate de volea cruzado, devolvendo a igualdade ao marcador. O partido entrou entón nun tramo máis equilibrado, aínda que o Calo seguiu facendo dano e tivo un man a man que Iván Bouzón salvou cunha gran intervención.
Na segunda metade cambiou o guión. O Muxía saiu decidido e foi claramente dominador, xerando xogo, ritmo e ocasións. Ademais do gol de Iago, os muxiáns dispuxeron de ata cinco ocasións moi claras para ampliar a vantaxe. Nunha acción illada e tras un despiste, o colexiado sinalou penalti a favor do Calo, pero de novo apareceu a figura de Iván Bouzón, que detivo a pena máxima e asegurou tres puntazos de ouro como visitantes.
Un triunfo que confirma o bo momento do equipo e que permite ao Muxía pechar a primeira volta instalado na zona media-alta da táboa, mirando con optimismo á segunda metade do campionato.
Clasificación
1º Bertamiráns FC: 35 puntos
2º C.S.D. Arzúa: 31 puntos
3º SD Cacheiras: 30 puntos
4º Vizoño SD: 28 puntos
5º Cire de Melide: 27 puntos
6º Club do Mar: 27 puntos
7º SR Calo: 27 puntos
8º Muxía CF: 27 puntos
9º Rácing San Lorenzo: 26 puntos
10º Boimorto CF: 25 puntos
11º Praíña Sporting: 24 puntos
12º CCD Queixas: 21 puntos
13º Camariñas FC: 21 puntos
14º SD Tordoia: 20 puntos
15º UD Bastavales: 20 puntos
16º SD Castriz: 15 puntos
17º SD Fisterra: 11 puntos
18º SD Esteirana: 10 puntos
PRIMEIRA FUTGAL G2
17ª Xornada
Domingo 11/01/2026
Os partidos dos equipos da Costa:
CF Muxía – SD Tordoia, ás 12:00
SR Calo – SD Fisterra, ás 16:15
SD Cacheiras – SCDR Esteirana, ás 16:30
SD Castriz – Club do Mar, ás 17:00
Bertamiráns FC – Camariñas FC, ás 18:45
Os horarios son oficiosos, non oficiais…Na AXENDA PIRATA poñeremos os oficias.
.
-Fotos : Marina Busto
-Texto : Xosé Búa “Pirata”

