O Sofán segue a soñar coa promoción.
SD Sofán 2-0 Cultural Maniños
O SD Sofán comezou o 2026 cun triunfo sólido no Carral ante o Cultural Maniños, nun encontro no que foi claramente superior, aínda que o marcador tardou en reflectilo. Os sofanistas dominaban dende o inicio e na primeira metade dispuxeron de ata catro ocasións claras, pero faltou acerto nos metros finais.
Tras o descanso, o cadro local saíu algo máis impreciso, aínda que sen pasar apuros en ningún momento. A insistencia tivo premio no minuto 78, cando o xuvenil Joel rematou de cabeza un centro lateral para facer o 1-0. Xa co rival tocado, chegou un dos goles máis espectaculares da tempada: no 83’, o meta Pablo García “Gardu” marcou directamente de saque de porta, sorprendendo ao gardameta visitante tras un bote traizoeiro do balón.
Cos tres puntos, o Sofán suma 28 puntos e mantense ás portas da promoción, a só dous do Betanzos CF, que caeu esta xornada ante o CD Lalín (2-1). Os brigantinos recibirán aos sofanistas na próxima xornada nun duelo directo decisivo.
Goles: 1-0, Joel (78’); 2-0, Pablo García (83’)
Durísimo correctivo para o Dumbría en Sigüeiro
Sigüeiro CF 7-0 CF Dumbría
Descalabro total do CF Dumbría na súa visita a Sigüeiro. O conxunto costeiro viviu unha primeira metade para esquecer, marchándose aos vestiarios cun contundente 5-0 en contra. Apenas dous minutos despois da reanudación chegou o sexto tanto, deixando o encontro totalmente sentenciado.
A segunda metade estivo practicamente de máis, cun Dumbría sen capacidade de reacción e un Sigüeiro que aínda tivo tempo para pechar o marcador co sétimo gol no minuto 91. Un resultado tan abultado como inesperado, tendo en conta que o Sigüeiro é o penúltimo clasificado.
O empate do SD Dubra ante O Val (1-1) provoca que o Dumbría teña máis preto os postos de descenso directo, marcados precisamente polos dubreses, aos que ten a cinco puntos.
O Sofán inicia a segunda volta no Carral.
Próxima xornada (18ª)
– 18 de xaneiro-
SD Dubra-CF Dumbría
Choque de vital importancia para os dumbrieses ante un rival directo pola permanencia.
SD Sofán-Betanzos CF
Duelo clave no Carral: se os sofanistas logran a vitoria, entrarían en postos de promoción, desbancando aos brigantinos.
.
-Fotos : Manel Sánchez
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
