CRÓNICAS DA 1ª XDA PREFERENTE NORTE E PREVÍA DA 2ª : “VITORIA IMPORTANTE DO BETANZOS E EMPATE AGRIDOCE DO DUMBRÍA NA PRIMEIRA TIRADA DA LIGA”.

Crónica da 1ª xornada da Preferente Norte 

A Preferente Norte 2025-26 botou a andar cunha primeira xornada chea de emoción e con resultados moi igualados, na que os equipos costeiros deixaron xa a súa pegada.

Sofán, triunfo de peso en Betanzos

O SD Sofán estreouse cunha vitoria de prestixio no sempre complicado García Hermanos fronte ao Betanzos CF (0-1). O conxunto vermello mantivo o tipo durante todo o encontro e soubo agardar o seu momento. O gol da vitoria chegou no minuto 78, obra de Cortés, que bateu ao gardameta local e fixo inútil o esforzo dos brigantinos por rescatar un punto.

Un triunfo importante, que coloca ao Sofán con tres puntos de ouro e que confirma ao cadro carballés como un dos serios aspirantes a pelexar polos postos altos.

Dumbría, empate con sabor agridoce

No Conco, o CF Dumbría asinou un 2-2 diante da SD Dubra, nun encontro cheo de alternativas e emoción ata o último suspiro.

Os visitantes adiantáronse no minuto 68 por medio de Cea, pero os dumbrieses reaccionaron con forza: primeiro empatou Aarón no 83’, e logo Xabi Castro culminou a remontada no 89’, facendo estourar de ledicia ás bancadas. Porén, cando xa se saboreaban os tres puntos, no 92 apareceu Borja para establecer o definitivo empate.

Reparto de puntos que deixa ao Dumbría cun sabor agridoce: pola reacción e pola capacidade ofensiva, pero tamén coa sensación de ter deixado escapar unha vitoria case feita.

O resto da xornada

  • Negreira 1-1 Lalín

  • Cultural Maniños 1-3 Ordes

  • Puebla 2-1 Ribeira

  • Burela 1-1 Sigüeiro

  • Val de Narón 0-1 San Tirso

  • Victoria 1-0 Pol

  • Miño 1-1 Paiosaco

A igualdade foi a tónica xeral desta primeira data, con só tres equipos capaces de gañar fóra da casa (Ordes, San Tirso e Sofán).

Clasificación inicial

Con estes resultados, a táboa queda moi apertada, con ata seis equipos compartindo liderado con 3 puntos. Entre eles, o SD Sofán, que comeza con bo pé a súa aventura. O CF Dumbría, cun punto, mantén o pulso e deixa boas sensacións de cara ás próximas citas.

Previa da 2ª xornada 

A liga non dá tregua e tras unha primeira xornada igualada, chega unha segunda cita chea de emocións para os nosos equipos costeiros, coincidindo ademais cunha data moi sinalada: o Domingo da Barca, (14/09/2025).

SD Sofán – SD Negreira

Campo do Carral (Sofán)
Domingo 14 de setembro – 17:00 horas

O Sofán debuta na casa despois do gran triunfo en Betanzos e faino contra un rival directo na loita polo ascenso: o SD Negreira. O Carral estrearase esta tempada cun duelo de altura, entre dous equipos que aspiran a estar no grupo de cabeza.

O conxunto sofaneiro chega lanzado, con Cortés como heroe do primeiro partido e coa confianza polas nubes. O Negreira, que empatou co Lalín na xornada inaugural, chega disposto a amargar a festa, polo que se agarda un partido intenso, de moita loita e onde a afección local pode ser determinante.

San Tirso SD – CF Dumbría

O Monte (San Tirso)
Domingo 14 de setembro – 17:00 horas 

O CF Dumbría afronta a súa primeira saída da tempada nun día moi especial para toda a Costa da Morte, o Domingo da Barca. Logo do empate con sabor agridoce ante o Dubra, os de O Conco viaxan a terras do Tambre para medirse a un San Tirso que comezou con forza, vencendo ao Val de Narón.

O encontro preséntase como unha proba de carácter para os dumbrieses, que deberán mostrar a mesma capacidade de reacción que amosaron na primeira xornada, pero sen repetir os erros que custaron dous puntos no desconto. O apoio da parroquia costeira, mesmo en día de festa grande en Muxía, será clave para buscar un resultado positivo.

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”