2ª GALEGA FEMININA G1
15ª Xornada
11/01/2026
CF Corme 3-3 SCDR Esteirana
SD San Lázaro 3-2 Orillamar SD
UC Cee 4-0 Cultural Maniños
Eirís SD 2-4 CF Muxía
SDC Órdenes 1-5 CF Dumbría
Brexo Lema SD 0-5 SD Tordoia
AD Nicrariense 0-2 Bergantiños FC “B”
Unión Campestre 2-2 SCD Milagrosa
Descansa : Victoria CF “C”
CRÓNICA XERAL
A 15ª xornada da 2ª Galega Feminina G1, disputada esta fin de semana, deixou un balance maioritariamente positivo para os equipos da Costa, con vitorias importantes e empates de mérito en campos complicados.
O CF Muxía asinou un triunfo de moito valor ao impoñerse por 2-4 ao Eirís SD a domicilio. As muxiás continúan demostrando a súa regularidade e bo momento de forma, sumando tres puntos que lles permiten seguir mirando cara arriba na clasificación.
Máis contundente foi a actuación do CF Dumbría, que non deu opcións no seu desprazamento ao campo do SDC Órdenes, goleando por 1-5. As dumbriesas seguen firmes, amosando un gran nivel ofensivo e confirmándose como un dos equipos máis sólidos do grupo.
No derbi costeiro, o CF Corme e a SCDR Esteirana repartiron puntos tras un encontro moi igualado que rematou en 3-3. Partido aberto, con alternativas e emoción ata o final, no que ningún dos dous conxuntos quixo renunciar á vitoria.
Tamén sumou de tres o UC Cee, que venceu con claridade por 4-0 á Cultural Maniños, nun partido controlado de principio a fin polas ceenses, que seguen facéndose fortes no seu campo.
Pola súa banda, o Bergantiños FC “B” logrou unha importante vitoria a domicilio por 0-2 fronte ao AD Nicrariense, sumando puntos clave para manterse na zona media-alta da táboa.
En conxunto, unha xornada moi competitiva para os equipos da Costa, que seguen deixando unha boa imaxe nun grupo moi esixente e igualado.
CRÓNICAS
CF Corme 3-3 SCDR Esteirana
Rubén Souto (adestrador do CF Corme):
Partido “clásico” do fútbol da Costa: auga, vento, moita intensidade, intercambio constante de golpes, goles e ambos equipos queixándose de erros arbitrais.
Seguimos perdoando ocasións de gol claras que nos poderían dar moita máis tranquilidade nos partidos e volvemos conceder 3 goles por segundo encontro consecutivo. Debemos mellorar si ou si en ambas facetas se queremos estar na zona alta da táboa.
Con todo iso, moi contento coa entrega do meu equipo, que non deixou de atacar en todo o partido, tanto con vento a favor como en contra, e sen renunciar nunca á nosa forma de entender e gozar deste deporte chamado fútbol.
Fran Figueroa (adestrador da SCDR Esteirana):
Arrancamos o 2026 cun derbi costeiro, con todos os condicionantes que o caracterizan nestas datas, e no que o factor diferencial foi o vento, que condicionou as propostas de ambos equipos.
Traemos un puntiño e a sensación de deixarnos dous, pero quédome coa entrega e coa capacidade de cada unha das nosas. É unha pasada que pouca xente valora: competir sen cambios, con baixas que obrigan a reposicionar e ás veces improvisar, e as nosas non se paran en escusas e dan o que teñen.
Destacar o gol de Alba, tras moitos meses parada por lesión; é un exemplo da ilusión por xogar para mellorar. Tamén quero facer mención á líder que temos a sorte de ter á fronte: a nosa capitana. Ante as baixas, tanto lle dá partir dende o lateral como ocupar a posición que toque. Este domingo no Cairo apareceu por todos lados e desfondouse cando máis a necesitabamos. Leva 14 goles xogando ultimamente en posicións afastadas da área rival por necesidades do guión.
Toca facer bo este punto dentro de 7 días na casa e seguir… poñendo ansia e xenio sempre.
SDC Órdenes 1-5 CF Dumbría
Santi Cubelo (adestrador do CF Dumbría):
Dende o principio o partido tivo só unha cor, aínda que comezamos algo precipitadas. As primeiras ocasións chegarían rápido e era un día no que todo ía cara a portería, polo que axiña colleriamos distancia no marcador.
Intentamos defendernos con balón, sen permitir moitas ocasións a un Órdenes que non deixou de intentalo e de pelexar, tendo o seu premio cara ao final, facendo o gol que pechou o marcador co 1-5.
AD Nicrariense 0-2 Bergantiños FC “B”
Pablo “Djalma” (adestrador do Bergantiños B):
Encontro moi serio por parte do equipo, no que se confirmou o bo inicio de ano tras a boa imaxe deixada na Copa fronte ao Curtis. Desta volta, tamén en Liga, o grupo volveu amosar personalidade e unha boa interpretación do partido.
Tras unha primeira metade igualada, conseguimos poñernos por diante xusto antes do descanso cun gol froito dunha xogada colectiva moi ben elaborada, que premiou o bo traballo do equipo.
Xa na segunda parte, co marcador ao noso favor, as nenas souberon xestionar o partido con madurez e sentencialo co 0-2, con outra moi boa xogada colectiva, pechando o encontro ante un rival que en todo momento plantou cara e competiu ata o final.
Un triunfo que reforza as boas sensacións, confirma o crecemento do grupo e dá continuidade a un inicio de ano moi positivo tanto en Copa como en Liga.
UC Cee 4-0 Cultural Maniños
Os goles do UC Cee chegaron todos na segunda metade: Cristina abriu o marcador no 52’, Paula Veiga anotou dous tantos no 64’ (de penalti) e no 66’, e Gala pechou a goleada no 70’.
O Cultural Maniños chegou ao San Paio de Refoxos con só 13 xogadoras.
Eirís SD 2-4 CF Muxía
O CF Muxía adiantouse no marcador no minuto 34 por medio de Patri Romaní, aínda que as locais igualaron no 41’.
Na segunda metade, Barca Toba fixo o 1-2 no 52’ e catro minutos máis tarde María Rodríguez ampliou a vantaxe co 1-3. Eva Leis anotou no 67’ e o Eirís acurtou distancias no 80’ por medio de Carolina, deixando o definitivo 2-4.
Clasificación
1º SD Tordoia: 39 puntos
2º CF Muxía: 37 puntos
3º Bergantiños FC “B”: 30 puntos
4º SCD Milagrosa: 29 puntos
5º CF Dumbría: 26 puntos
6º UC Cee: 24 puntos
7º CF Corme: 23 puntos
8º Victoria CF “C”: 22 puntos
9º SCDR Esteirana: 21 puntos
10º SD San Lázaro: 21 puntos
11º Eirís SD: 20 puntos
12º Unión Campestre: 18 puntos
13º Brexo Lema SD: 14 puntos
14º Cultural Maniños: 8 puntos
15º Orillamar SD: 6 puntos
16º AD Nicrariense: 5 puntos
17º SDC Órdenes: 3 puntos
.
2ª GALEGA FEMININA G1
16ª Xornada
18/01/2026
CF Dumbría – Eirís SD, ás 12:20
SD Tordoia – SDC Órdenes, ás 12:15
Cultural Maniños – SD San Lázaro, ás 12:30
Orillamar SD – CF Corme, ás 16:00
CF Muxía – UC Cee, ás 16:15
SCDR Esteirana – Unión Campestre, ás 18:00
Victoria CF “C” – AD Nicrariense, ás 18:00
Bergantiños FC “B” – Brexo Lema SD, ás 18:15
Descansa : SCD Milagrosa
.
-Foto Dumbría : Santi Cubelo
-Foto Esteirana : Fin Lema
-Foto Bergantiños B : Pablo Djalma
-Comentarios : Adestradores
-Texto : Xosé Búa “Pirata”



