2ª GALEGA FEMININA G1
19ª Xornada
Domingo 08/02/2026
CF Muxía 3-1 Unión Campestre
SD Tordoia 4-0 SD San Lázaro
AD Nicrariense 0-0 SDC Órdenes “C”
Orillamar SD 3-2 SCDR Esteirana
Bergantiños FC “B” 2-1 UC Cee
CF Dumbría 0-4 CF Corme
Cultural Maniños 2-3 SCD Milagrosa
Victoria CF “C” 6-1 Eirís SD
Descansou : Brexo Lema SD
Por problemas facemos unha crónica máis recortada e cos comentarios que nos chegaron, e iremos sumando segundo nos cheguen máis.
.
O Muxía uniuse a campaña da loita contra o cancro no Día Mundial desta loita. Muxía conta ca Asociación de Loita do Cancro máis antiga da zona.
.
CRÓNICA XERAL
A 19ª xornada deixou un balance moi positivo para os equipos da costa, con resultados de peso tanto na loita polo ascenso como na zona media, nunha fin de semana marcada por dous derbis costeiros e por movementos clave na clasificación.
Na cabeza da táboa, CF Muxía cumpriu co guión e mantense firme na pelexa polo liderado tras superar por 3-1 á Unión Campestre, un triunfo que lle permite seguir empatado a puntos co SD Tordoia, ambos con 49, pero xa con unha xornada máis disputada. As muxiás seguen demostrando unha enorme regularidade e non afrouxan na súa carreira directa polo ascenso, reservada aos dous primeiros clasificados.
O SD Tordoia, principal rival do Muxía, tampouco fallou e goleou con autoridade ao San Lázaro (4-0), reforzando a súa condición de líder pola diferenza de goles, nun pulso que promete emoción ata o final da liga.
No primeiro dos derbis costeiros, o Bergantiños FC “B”, (con Marcos Núñez como adestrador, ao que damos a benvida), levou os tres puntos ante o UC Cee (2-1) nun encontro moi disputado. As carballesas consolidan así a terceira praza, que dá dereito a promoción de ascenso, abrindo unha pequena fenda co quinto clasificado e confirmando o seu gran momento de forma. Pola súa banda, o Cee queda ancorado na zona media, sen perder de vista nin a promoción nin os postos perigosos.
O segundo derbi da xornada deixou un resultado contundente: o CF Corme impúxose con claridade ao CF Dumbría (0-4) no Conco. Un triunfo de moito valor para as cormelás, que escalan ata a sexta posición, quedando a só tres puntos da zona de promoción. Pola contra, o Dumbría frea a súa progresión e mantense na sétima praza, agora máis afastado da pelexa polos postos altos.
A SD Esteirana caeu goleado na sua visita ao Orillamar. Un encontro de valentes no que as rapazas de Fran Figueroa fixeron o que opuidero dándoo todo e xogando todo o encontro con 11, polas numerosas baixas que acucian o equipo.
En conxunto, xornada de medias tintas para os equipos da Costa da Morte, cun Muxía lanzado cara ao ascenso directo, un Bergantiños B asentado en promoción e un Corme que chama á porta dos catro primeiros tras gañar con autoridade no derbi. O ter derbis e haber un gañador en cada un deles, namentras para un lado era ledicia e puntos para o outro todo o contrario, pero o Dumbría segue con opcións de poder chegar a promoción ao igual co Cee pois ainda hai por diante 15 xornadas con moitos puntos en xogo.
CRÓNICAS EQUIPOS DA COSTA
Eva Lema fixo dobrete ante o Campestre.
.CF Muxía 3-1 Unión Campestre
O CF Muxía sacou adiante un partido complicado ante a Unión Campestre, nun encontro condicionado polas numerosas baixas en ambos bandos, xa que as muxiás compareceron con só 14 xogadoras e o conxunto visitante con 13.
O Campestre adiantouse pronto no marcador cun tanto de Lara (9’), obrigando ao Muxía a remar a contracorrente. A reacción local non se fixo esperar e Eva Lema igualou o choque no minuto 31, devolvéndolle a tranquilidade ao seu equipo antes do descanso.
Nada máis comezar a segunda metade, a propia Eva Lema completou a remontada co 2-1 (52’), certificando o bo momento das locais. Co Campestre xa máis exposto, Raquel sentenciou o encontro no 71’, pechando un triunfo que mantén ao Muxía no máis alto da clasificación, empatado a puntos co Tordoia na loita polo ascenso directo.
Goles: 0-1, Lara (9’); 1-1, Eva Lema (31’); 2-1, Eva Lema (52’); 3-1, Raquel (71’).
As de Esteiro mandaron ánimos a sua compañeira Maru.
Orillamar SD 4-0 SCDR Esteirana
A SCDR Esteirana non puido sumar puntos na súa visita ao Orillamar nun partido marcado polas importantes baixas no conxunto de Esteiro, que chegou co xusto de efectivos tras intentar sen éxito o adiamento do encontro.
O Orillamar mostrouse máis acertado nas áreas e resolveu o choque cun triplete de Rebeca e outro tanto de Ana, nun partido no que as visitantes competiron con orgullo pese ás dificultades.
Fran Figueroa (adestrador da SCDR Esteirana):
“Chegamos moi xustas a un partido que previamente tentamos adiar por mor das baixas. Competimos como puidemos a pesar de todo, pero non estivemos cómodas nin con balón nin á hora de presionar a un rival que estivo mellor ca nós nos duelos e no acerto de cara a porta.
Volvemos fallar un penalti e dispuxemos de mellores ocasións para poder sacar algo deste encontro, pero non puidemos completar a dedicatoria para Maruxa, que vén de confirmar a rotura de cruzado e meniscos que a terá apartada do campo un bo tempo.
Orgulloso de ver como, ante o que calquera usaría como escusas, as xogadoras que defenden a nosa camiseta non dubidan en arrimar para dar a cara polo equipo. Rut e Terre mancadas, Lidia perdendo xornada de traballo unha vez máis, Alicia poñendo os guantes e especial mención a Leti, esa líder do proxecto que descolgou as botas para non deixar ao equipo presentar só 10 xogadoras. Sabe a vitoria.”
Goles: 1-0, Rebeca (33’); 2-0, Ana (38’); 3-0, Rebeca (75’); 4-0, Rebeca (82’).
As bergantiñanas siguen con opción a todo.
Bergantiños FC “B” 2-1 UC Cee
O Bergantiños FC “B” levou os tres puntos no derbi costeiro ante o UC Cee, nun partido de alternativas que se decidiu nun gran tramo final das carballesas, que demostraron carácter e capacidade de reacción.
As locais saíron mellor ao encontro, mesmo errando un penalti nos primeiros minutos. Porén, un erro defensivo permitiu ao Cee adiantarse mediada a primeira parte por medio de Lucía Martínez (27’). Antes do descanso, o Bergantiños rozou o empate cun balón ao longueiro.
Na segunda metade, un axuste táctico permitiu ás locais dominar máis o xogo. Carmen asinou o empate cun auténtico golazo no 71’ e, apenas dous minutos despois, Alessandra culminou a remontada tras unha gran acción de Sadirah.
Marcos Núñez (adestrador do Bergantiños FC “B”):
“Saímos bastante enchufadas, sabendo ler o partido e xerando espazos contra un equipo que se defendía ben e permitía moi pouco. Cando máis preto estabamos de poñernos por diante, incluso fallamos un penalti antes do minuto 20. Un erro por falta de intensidade dentro da nosa área permitiulle ao Cee poñerse por diante mediada a primeira parte.
Aínda así tivemos oportunidades de empatar nun balón que foi ao longueiro antes de ir a vestiarios. Na segunda metade facemos un pequeno cambio de esquema no xogo que nos permitiu ter máis balón e gañar máis duelos no medio do campo.
Conseguimos empatar cun tremendo golazo de Carmen e pouco despois, nun balón longo que Sadirah pelexa moi ben, facemos en pouco tempo o 2-1 definitivo.
Dar os parabéns ao UC Cee polo partido que xogaron, pero sobre todo dar os parabéns ás miñas xogadoras por seren capaces de non virse abaixo e polo gran esforzo da segunda parte. Teño un grupo de xogadoras magnífico.
Encantado de ter dúas vitorias nos meus dous primeiros partidos e pensando xa na viaxe a Lugo desde o domingo.”
Goles: 0-1, Lucía Martínez (27’); 1-1, Carmen (71’); 2-1, Alessandra (73’).
O CF Dumbría mandou ánimos a compeñeira Lau.
CF Dumbría 0-4 CF Corme
O CF Corme levou con claridade o derbi costeiro no Conco ante un CF Dumbría que competiu mellor do que reflicte o marcador final. As cormelás chegaron ao encontro con só 13 xogadoras, pero amosaron unha gran efectividade.
Santi Cubelo (adestrador do CF Dumbría):
“Saímos moi enchufadas, tendo criterio cando tiñamos a posesión e sabendo defendernos cando non a tiñamos, sen xerar ocasións de moito perigo, pero mantendo o xogo a maior parte do tempo no campo do Corme.
Outra vez o fútbol castigounos. Tras unha mala decisión nun balón aéreo, terminaríamos cometendo falta na frontal e no primeiro tiro a porta do Corme faríannos o 0-1. Non baixamos os brazos e a dinámica continuou igual, tendo nós algunha para o empate, pero sería outra vez o Corme quen anotaría na primeira xogada que pisaban a nosa área.
Na segunda saímos aínda máis enchufadas, coas cousas un pouco máis claras contra un Corme que se defendía ben e non nos permitía avanzar cómodas por dentro, intentando matar o partido á contra. Un erro na nosa saída de balón fixo que perderamos o balón nunha zona crítica e aproveitarían para facer o 0-3.
A partir de aí o partido perdeu por completo o control. O equipo tirou de orgullo e intentouno ata o final, pois sabían que non merecían marchar con ese resultado tan abultado, pero sen fortuna.
Equipo novo, con pouca experiencia, algo que estamos notando coas baixas das xogadoras máis veteranas, pero que cada día traballa mellor. As malas rachas terminan e seguro que pronto chega a boa dinámica. Traballar, traballar e traballar.”
Rubén Souto (adestrador do CF Corme):
“Partido moi completo do meu equipo contra un rival ao que respectamos moito e que a min, persoalmente, como adestrador, encántame.
Penso que ata o primeiro gol de Carla o partido estaba moi igualado, neutralizándose un equipo a outro. A partir dese primeiro gol o Corme soltouse máis e xa antes do descanso poñeriamos o 0-2.
Na segunda parte saímos coa mesma confianza e penso que xa o dominio foi moito máis claro, permitíndonos conseguir o resultado final de 0-4. Partido moi completo do meu equipo, con moita intensidade a nivel defensivo e moita personalidade a nivel ofensivo para ter e querer a pelota contra un equipo que na ida nos a quitara por completo.
Na crónica da ida recoñecía que o 3-0 non reflectía o visto no campo, pero nesta ocasión si creo que fomos superiores e merecedoras dos tres puntos con claridade.
Moi contento, pero só son tres puntos. Toca remangarse e seguir, a ver se lle damos continuidade ás boas sensacións dos dous primeiros partidos da segunda volta.”
Goles: 0-1, Carla (22’); 0-2, Carla (39’); 0-3, Claudia (53’); 0-4, Aroa (75’).
.
CLASIFICACIÓN
1º S.D. Tordoia : 49
2º Muxía C.F. : 49
3º Bergantiños F.C. “B” : 42
4º S.C.D. Milagrosa : 38
5º Victoria C.F. “C” : 34
6º Corme C.F. : 32
7º C.F. Dumbría : 28
8º U.C. Cee : 26
9º S.D. San Lázaro : 25
10º S.D. Esteirana : 24
11º Unión Campestre : 24
12º Eirís S.D. : 23
13º Brexo Lema S.D. : 15
14º Orillamar S.D. : 9
15º Cult. Maniños : 8
16º A.D. Nicrariense : 7
17º S.D.C. Órdenes : 4
2ª GALEGA FEMININA G1
20ª Xornada
Domingo 15/02/2026
Unión Campestre – CF Dumbría, ás 12:30
UC Cee – Victoria CF “C”, ás 16:00
SD San Lázaro – Bergantiños FC “B”, ás 16:00
SCD Milagrosa – CF Muxía, ás 16:00
CF Corme – SD Tordoia, ás 16:30
SCDR Esteirana – Cultural Maniños, ás 17:30
SDC Órdenes “C” – Brexo Lema SD, ás 18:00
Eirís SD – AD Nicrariense, ás 19:00
Descansa : Orillamar SD
.
-Fotos Muxía : Marina Busto
-Foto Esteirana : Fran Figueroa
-Foto Bergantiños B : Marcos Núñez
-Foto Corme : Fin Lema
-Foto Dumbría : Santi Cubelo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Comentarios : Propios e baixo a responsabilidade dos adestradores.
