CRÓNICAS 29ª Xda : “A Liga da Costa arde para a derradeira xornada: o San Lorenzo depende de si mesmo e o descenso promete drama”.

LIGA DA COSTA
29ª Xornada 
Domingo 10/05/2026

CF Corme 2-1 SD Sofán ” B”

UD Corcubión 3-2 Xallas FC

SCD Malpica 0-1 CF Mazaricos

Cabana SD 1-1 CD Baio

CF Porteño 1-0 Ponteceso SD

Sporting Zas 1-3 Soneira SD

Outes FC 2-3 SD San Lorenzo

CD Muros 1-2 UD Monte Louro

.

As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalos e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade.

.

CRÓNICA XERAL

A 29ª xornada da Liga da Costa deixou un panorama absolutamente espectacular tanto pola cabeza como pola zona baixa. O gran vencedor da fin de semana foi o SD San Lorenzo, que aproveitou a derrota do Xallas FC no Novo Cubaleiro para colocarse líder a falta dunha soa xornada. Os de Verdillo suman 55 puntos e dependen de si mesmos para proclamarse campións e lograr o ascenso directo.

O Xallas, pese ao tropezo en Corcubión, mantén asegurada como mínimo a segunda praza grazas ao golaveraxe favorable co CD Baio, co que ten empatado o particular pero mellor diferenza xeral. Os xalleiros xogarán a última bala soñando cun tropezo do San Lorenzo mentres teñen asegurada a promoción.

Por detrás, o Baio rescatou un empate de enorme valor en Cabana e mantense terceiro con 51 puntos, un máis co Porteño, que segue moi vivo tras vencer no desconto ao Ponteceso. Todo decidirase na derradeira xornada entre baieses e da Ponte do Porto para acompañar ao Xallas na promoción.

Pero se a parte alta está apaixonante, o drama auténtico vive por abaixo. Os arrastres desde a Primeira Futgal G2 xa son unha realidade tras os descensos de Camariñas, Fisterra e Esteirana, o que deixa un mínimo de tres arrastres adicionais. Isto significa que, se ningún equipo da Liga da Costa ascende na promoción, poderían producirse ata cinco descensos.

Nese escenario, a vitoria do Soneira en Zas foi capital para escapar momentaneamente do perigo, mentres que Monte Louro reviveu en Muros e deixa aos muradáns nunha situación moi delicada. Mesmo o Malpica, que parecía tranquilo e xa pensa na final da Copa da Costa ante o Muxía do 24 de maio en Vimianzo, non poderá relaxarse na última cita.

O Corme protagonizou unha das remontadas da xornada, levantando no tramo final o duelo ante o Sofán B cun gol no desconto, mentres o Corcubión asinou unha das actuacións máis completas do curso para derrotar ao líder ata ese momento.

CRÓNICAS

CF Corme 2-1 SD Sofán “B”

Remontada épica do Corme nun encontro que parecía perdido ata os últimos minutos. O filial sofanista púxose por diante moi cedo cun tanto en propia porta de Brais, pero os locais nunca deixaron de crer. Borja empatou no minuto 88 e Yago culminou a remontada no desconto para deixar tres puntos de ouro en casa.

Goles: 0-1, Brais en propia porta, (3´); 1-1, Borja, (88´); 2-1, Yago, (94´).


UD Corcubión 3-2 Xallas FC

Partidazo no Novo Cubaleiro no que o Corcubión foi superior durante boa parte do encontro e acabou derrubando ao líder. Os locais saíron moito máis intensos e puxéronse rapidamente cun 2-0 favorable grazas aos tantos de Mario e Luís Lojo. O Xallas reaccionou antes do descanso co gol de Macareno e mantívose vivo ata o final, pero outro golazo de Luís Lojo volveu ampliar vantaxe. Doro recurtou distancias no tramo final e os visitantes apertaron ata o último segundo, aínda que sen premio.

Goles: 1-0, Mario, (10´); 2-0, Luís Lojo, (17´); 2-1, Macareno, (44´); 3-1, Luís Lojo, (66´); 3-2, Doro, (81´).

Isidro Trillo, segundo adestrador do Corcubión:

“Non minuto 9 unha xogada do Corcubión tocando balón desde atrás dálle Iago o balón a Mario e Mario, sen pensalo, crúzalle o balón a Couto, que nin se enteira, para facer o 1-0.

Seguiamos tendo ocasións. Unha de Luis que tirou cruzada e outra de Mario, que quedou só co porteiro e paroulla Couto, que sería o 2-0.

Noutra xogada nosa entrelazada, Álex dálle o balón a Rama e Rama centra ao segundo pau, onde Luis remata a pracer para facer o 2-0.

Seguiamos con ocasións claras. Mario queda só diante do porteiro nun man a man, tíralla a unha banda e paradón de Couto, que evitaría o 3-0. Do que puido ser o 3-0 pasouse a un balón longo deles que bota no bordo da área e fanlle falta a un xogador do Xallas. Tiran a falta, toca en Iago e entra para dentro, chegando así ao descanso co 2-1.

Na segunda parte seguimos xogando ben. Eles buscaban balóns longos para intentar comernos as costas e nós defendendo moi ben e chegando con algunha contra perigosa. Así chegaría o golazo da tarde, o 3-1. Unha xogada do equipo tocando ata chegarlle a Luis, e Luis mételle unha vaselina cruzada que nin ve Couto, dándonos tranquilidade.

Nese momento sairía Doro ao campo, que xogou suplente, e desde aí ata o final o Xallas intentouno por todos os medios. Nós defendendo moi ben e tendo algunha contra clara, dúas de Mario e outra de Luis que non entraron. Eles, xa no desconto, nun rexeite, tirou Doro, tocou nun defensa e o rexeite acabou no 3-2.

Intentárono ata o final, pero foi unha vitoria moi merecida do Corcubión.”

Bruno Prego, adestrador do Xallas:

“Caemos derrotados por 3-2 na nosa visita ao Corcubión nun encontro moi intenso e disputado de principio a fin, marcado polo alto ritmo competitivo e o xogo directo de ambos conxuntos.

O partido non comezou da mellor maneira para nós, xa que durante os primeiros 25 minutos o equipo saíu falto de intensidade, algo que aproveitou o rival para poñerse cunha vantaxe de 2-0 no marcador. O Corcubión mostrouse máis acertado neses primeiros compases, castigando cada desaxuste e obrigándonos a remar contracorrente moi cedo.

Co paso dos minutos, o equipo foi entrando no partido, mellorando en presión e gañando presenza en campo rival. Froito desa reacción, antes do descanso chegaría o 2-1, un gol moi importante a nivel anímico que devolvía ao equipo ao encontro e deixaba todo aberto para a segunda metade.

Na reanudación, o partido seguiu a mesma liña de intensidade e moito balón directo, con continuas disputas e poucas concesións. Nunha desas accións, o Corcubión volvería ampliar diferenzas cun golazo, o 3-1, poñendo o choque aínda máis costa arriba para nós.

Lonxe de baixar os brazos, decidimos dar un paso adiante modificando o sistema a un 1-3-5-2, acumulando máis xente en ataque e buscando presenza constante en campo contrario. O cambio deu resultado e o equipo conseguiu recurtar novamente distancias co 3-2, xerando minutos finais de moita presión e incertidume.

Finalmente, pese ao esforzo e á reacción mostrada durante boa parte do encontro, o marcador xa non se movería. Un partido no que o equipo pagou caro o mal inicio, pero no que tamén demostramos carácter competitivo ata o último minuto.

Queda unha xornada e somos conscientes de que poden pasar moitas cousas.”


SCD Malpica 0-1 CF Mazaricos

Saltou a sorpresa na Pedra Queimada. O Malpica, posiblemente co pensamento posto na final da Copa da Costa do vindeiro 24 de maio ante o Muxía, caeu diante dun Mazaricos que levou tres puntos de enorme mérito grazas ao tanto temperán de Raúl. Os malpicáns, cos resultados da xornada, non poderán relaxarse na derradeira cita.

Goles: 0-1, Raúl, (12´).


Cabana SD 1-1 CD Baio

Empate de enorme valor para o Baio, que continúa dependendo de si mesmo para asegurar a promoción. O Cabana adiantouse mediada a segunda metade por medio de Brais Fontenla, pero Martín MC igualou desde o punto de penalti para manter aos baieses na terceira posición.

Goles: 1-0, Brais Fontenla, (52´); 1-1, Martín MC, (75´, penalti).


CF Porteño 1-0 Ponteceso SD

Un gol de Bruno Romero no minuto 88 mantén vivo o soño do Porteño de entrar na promoción de ascenso. O encontro estivo marcado tamén pola homenaxe a José Andrade “Pejo” polas súas 15 tempadas no club da Ponte do Porto.

Goles: 1-0, Bruno Romero, (88´).


Sporting Zas 1-3 Soneira SD

Vitoria capital do Soneira nun dos partidos máis dramáticos da xornada. O debut dos irmáns De la Sierra no banco visitante non puido ser mellor, cun triunfo que permite aos soneiráns depender de si mesmos para escapar dos arrastres. O Zas queda nunha situación moi comprometida.

Como se pode ver nas fotos ambos equipos homenaxeraon e deron ánimos aos compañeiros lesionados.

Goles: 0-1, Pichi, (23´); 0-2, Mario, (31´); 1-2, Chiki, (57´); 1-3, Richi, (60´).

Rubén Forján, adestrador do Sporting Zas:

“San Andrés viviu un partido con bo ambiente, coa clasificación condicionada polos posibles arrastres e co descenso convertido nun auténtico drama esta tempada. Así, o partido presentábase como unha final para ambos equipos. O Soneira chegaba ademais co cambio de adestrador, que normalmente adoita activar aos equipos.

Os primeiros minutos foron de moita tensión e pouco fútbol, co medo ao erro sobrevoando o encontro. Ata que chegou o primeiro golpe visitante: Richi gañou as costas da defensa do Zas cun desmarque e conectou con Pichi, que definiu para facer o 0-1. Un gol que deixou tocado ao Sporting, que non foi quen de atopar continuidade co balón nin de xerar perigo real sobre a portería de Brais Dono.

E o Soneira, cómodo no seu plan, volveu golpear. Unha mala saída do Zas abriu a porta a unha contra ben executada polos visitantes, que puxeron o 0-2 ao redor da media hora. Nese tramo, o Zas non conseguía inquietar con claridade e o partido foise ao descanso cun marcador duro para os locais.

Tralo paso polos vestiarios, o Sporting saíu con outra cara e deu un paso adiante. Chegou entón o gol de Chiki, que recortaba distancias (1-2) e devolvía ese empuxe necesario para crer na remontada. O Zas tentou aproveitar o momento e empurrou, pero cando o partido parecía volver abrirse, chegou o golpe definitivo: outro erro na saída propiciou unha nova transición e Richi non perdoou, asinando o 1-3 e deixando moi tocada a esperanza local.

A partir dese tanto o encontro baixou moito de ritmo. Houbo pouco fútbol e poucas ocasións claras, aínda que o Soneira chegou a ter un tiro ao pau nos últimos compases. O Zas buscou achegarse máis con corazón ca con acerto, pero o marcador xa non se movería.

Derrota que devolve ao Sporting Zas á zona de descenso directo. Aínda así, a clasificación segue deixando unha mínima esperanza polos resultados paralelos —derrotas de Muros e Sofán—, polo que o equipo afrontará o partido final coa obriga de pelexar por chegar a esa cuarta praza por abaixo, nun escenario de cinco descensos confirmados na Liga da Costa, agardando tamén que ascendan os dous equipos costeiros para aliviar eses descensos.”

Jose De la Sierra, (adestrador do Soneira) :

“Un partido no que nos custou un pouco collerlle o pulso ao inicio, pero a partir do minuto 15, máis ou menos, fomos quen de asentarnos mellor no campo e ademais conseguimos adiantarnos no marcador, algo que nos serviu para gañar confianza, moi importante dadas as circunstancias.

A partir de aí tentamos estar sempre organizados e agardar o momento de crear perigo, conseguindo ampliar a vantaxe nunha xogada similar á do primeiro gol, buscando as costas do lateral.

O Zas conseguiu o 2-1 nun rexeite na frontal tras un balón parado, pero fomos quen de marcar rápido o 3-1. A partir dese momento tivemos algunha ocasión máis, aproveitando os espazos que deixaba o Zas ao ter que arriscar, para aumentar a diferenza.

Tamén eles tiveron unha moi clara que resolveu moi ben Brais Dono, pero o marcador xa non se movería.

Felicitar ao equipo polo esforzo, pola concentración ao longo dos 90 minutos e por dar un paso adiante nunha situación na que era clave mostrar personalidade. En xeral, moi contento polo traballo de todos.”


Outes FC 2-3 SD San Lorenzo

O San Lorenzo deu un paso xigante cara ao título cun triunfo de enorme valor no Conchido. O Outes adiantouse por medio de Kevin Lariño, pero os visitantes reaccionaron antes do descanso cos goles de Hugo Pereiro e Iago. Lois empatou de novo para os locais, mais Hugo Pereiro apareceu outra vez para marcar o tanto da vitoria e converter ao San Lorenzo no novo líder.

Goles: 1-0, Kevin Lariño, (21´); 1-1, Hugo Pereiro, (31´); 1-2, Iago, (42´); 2-2, Lois, (60´); 2-3, Hugo Pereiro, (68´).


CD Muros 1-2 UD Monte Louro

Triunfo vital do Monte Louro nun derbi de máxima tensión. O Muros golpeou primeiro cun tanto de Javier García, pero os visitantes reaccionaron rápido por medio de Xián e culminaron a remontada na segunda metade grazas a Chano, levando tres puntos que poden valer media permanencia.

Goles: 1-0, Javier García, (29´); 1-1, Xián, (33´); 1-2, Chano, (69´).

1º SD San Lorenzo : 55
Xallas FC : 54
CD Baio : 51
4º Porteño CF : 50
5º Cabana SD : 43
6º Outes FC : 41
7º UD Corcubión : 40
8º Corme CF : 39
9º Soneira SD : 38
10º SCD Malpica : 38
11º Ponteceso SD : 37
12º CD Muros : 35
13º SD Sofán B : 34
14º UD Monte Louro : 34
15º Sporting Zas : 31
16º CF Mazaricos : 27

.

LIGA DA COSTA
30ª Xornada, (derradeira)
Domingo 17/05/2026

SD San Lorenzo  UD Corcubión

CF Mazaricos – Outes FC

Ponteceso SD Cabana SD 

UD Monte Louro  CF Porteño

SD Sofán ” B” – CD Muros

Xallas FC – Sporting Zas

CD Baio  SCD Malpica

Soneira SD Corme CF

Clasificación : PREME AQUÍ

.

-Fotos Zas : Prensa Sporting Zas

-Foto Soneira : Lolita Campaña

-Foto San Lorenzo : Instagram

-Foto Pejo : arquivo piratasdemuxia

-Montaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Comentarios adestradores : deles propios

.

.