Albacete 0-2 Depor
O Dépor impúxose este sábado 29 de novembro ao Albacete Balompié por 0-2 no Carlos Belmonte, cun trunfo de oficio que mantén os nosos no alto da táboa con 32 puntos, á espera do que fagan este domingo Real Racing Club e UD Las Palmas, ambos con 29.
Antonio Hidalgo destacou tras o encontro a sempre complexa visita ao feudo manchego, lembrando que o Albacete “levaba dúas vitorias consecutivas na casa” e incidindo na dificultade de competir “en todos os campos desta Segunda División”. Para o técnico deportivista, os nosos fixeron “un gran partido en liñas xerais” e subliñou “o valor de sumar de tres, que nesta categoría é fundamental”.
Chegaba o Dépor con baixas sensibles: Ximo Navarro, Escudero, Daniel Bachmann e Luismi Cruz (este último cunha lesión muscular nos isquiotibiais, tal e como xa vos informamos tralo parte médico), quedaron fóra da convocatoria. Pola contra, Samu e Quique Teijo foron os representantes da canteira citados para este choque.
Hidalgo introduciu varios cambios respecto ao once do anterior encontro ante o Ceuta. Villares, “non de todo ben” segundo confesou o técnico, deu lugar a Charlie Patiño no mediocampo; Stoichkov entrou por Mulattieri na dianteira; e Arnau Comas ocupou o posto na defensa de Loureiro que pasou a ocupar o dun Lucas Noubi tocado dun ombreiro tras o choque ante o Ceuta.
O Albacete do exbranquiazul Pepe Sánchez, tamén condicionado polas baixas de Higino, Agus Medina e Villar, partía desde a 12ª posición con 19 puntos.
Primeira metade: control e golpe de calidade
Nun abrir e pechar de ollos chegou a primeira ocasión: transición rápida, pase filtrado de Stoichkov e remate de Yeremay, que obrigou a Mariño a intervir xa no minuto 1. Responderon os manchegos nun córner que rematou Pepe Sánchez, pero Germán estivo firme sobre a mesma liña de gol.
Morci probouno aos 9 minutos cun disparo ao lateral da rede, mentres o Albacete cedía o balón e preparaba saídas en velocidade.
O control era deportivista, e á media hora os nosos tiveron unha das mellores accións: espectacular xiro de Stoichkov, asistencia medida para a galopada de Mella por dereita e centro que Yeremay non chegou a rematar por escasos centímetros.
Antes do descanso, Meléndez puxo a proba a Germán desde a frontal, obrigando o gardameta a desviar a córner.
E no 44 apareceu a xogada que abriu o marcador: contra perfecta iniciada por Arnau no seu propio banderín, condución veloz pasando por Mella e Mario Soriano, e pase final deste para Stoichkov, que definiu con frialdade ante Mariño. Un golazo para marchar ao descanso co 0-1.
Segunda metade: oficio, nervios e sentenza final
Tras a reanudación, os nosos seguiron co control, aínda que a primeira chegada clara foi do Albacete, cun remate de Riki que esixiu outra boa intervención de Germán. Hidalgo deu entrada a Villares por Patiño para refrescar o mediocampo.
A tensión medrou cando a colexiada Marta Huerta sinalou penalti por unha suposta derriba de Jose Ángel. Porén, tras revisar o VAR, anulou a decisión. A acción activou o Carlos Belmonte e un Albacete que comezou a cargar con todo sobre a área branquiazul.
“Hai momentos que che estresan, botaron no campo, moitísima xente en última liña”, recoñeceu Hidalgo.
Pero cando máis sufría o partido, chegou a sentenza: galopada de Yeremay ao espazo no 89, pase da morte perfecto e definición de categoría de Chouri para o 0-2 definitivo. Un peche perfecto para un Dépor que sumou a súa sexta vitoria consecutiva (incluíndo a Copa do Rei en Sámano) e que confirma a súa clara liña ascendente.
“Soubemos xestionar mellor o balón que outros días”, celebraba Hidalgo tras outro triunfo que reforza a fe dos nosos nun proxecto que non deixa de medrar.
Depor : Germán, Loureiro, Arnau, Dani Barcia, Quagliata, Jose Ángel (Gragera, min. 82), Patiño (Villares, min. 66), Mario Soriano (Rubén, min. 90), Mella, Yeremay (Cristian Herrera, min. 90) e Stoichkov (Chouri, min. 82)
Árbitra: Marta Huerta, do comité canario. Amoestou a Barcia (min. 53) e Puertas (min. 84)
Goles: 0-1 Stoichkov (min. 42); 0-2 Chouri (min. 88)
Incidencias: partido correspondente á 16ª xornada Segunda División Española disputado no Estadio Carlos Belmonte ante 10.633 espectadores, entre eles case 400 deportivistas.
MANIFESTACIÓNS
Antonio Hidalgo :
Antonio Hidalgo valorou moi positivamente o triunfo no Carlos Belmonte e destacou na súa comparecencia que “o equipo estivo a gran nivel durante todo o encontro. Ao adiantarnos no marcador, era lóxico que o rival se volcaxe, pero soubemos manter a calma e competir cando tocaba sufrir”.
O preparador branquiazul incidiu en que esta vez “conseguimos pechar o partido cando tivemos a ocasión, algo que o outro día en Riazor non fomos capaces de facer no man a man de Yeremay. Hoxe si tivemos esa eficacia e estou satisfeito tanto pola vitoria como polo esforzo dos xogadores. Toca seguir”.
Coa serie de cinco triunfos consecutivos en liga (seis sumando a Copa do Rei), Hidalgo quixo poñer en valor o momento que vive o equipo: “O importante é acumular puntos sexa cando sexa. Todo forma parte do camiño cara o obxectivo que nos marcamos en agosto. Estamos na liña que queriamos, pero queda un traxecto longo e esixente”.
Rematou eloxiando a actitude do vestiario: “Estou moi orgulloso dos rapaces. Están convencidos da proposta que lles transmite o corpo técnico e iso nótase. A Segunda é unha competición dura, de moita igualdade, e a humildade vai ser clave para seguir avanzando”.
.
-Fotos e vídeos : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
