CRÓNICA, RESUMO E MANIFESTACIÓNS TRALO SÁMANO 1-5 DEPOR DE COPA : “HABERÁ QUE TOMARLLE OUTRA”.

Sámano 1-5 Depor

O Dépor impón a súa lei en Castro Urdiales e avanza na Copa (1-5).
O Deportivo superou sen apuros a primeira eliminatoria da Copa do Rei ao derrotar por 1-5 á UD Sámano este xoves 30 de outubro no campo de Riomar (Castro Urdiales). O conxunto de Antonio Hidalgo cumpriu co pronóstico ante un rival da Segunda Federación e certificou o pase á seguinte rolda con autoridade.

Tal e como xa adiantara o adestrador branquiazul na previa, o once inicial estivo cheo de novidades. O técnico apostou por dar descanso aos titulares habituais e ofrecer minutos a xogadores con menos protagonismo na liga, sen esquecer o control sobre o número de canteiráns para evitar problemas de aliñación indebida: só poden coincidir catro fabrilistas no campo, e unha expulsión dun xogador do primeiro equipo podería complicar a situación.

Así, Rubén López, Pablo García e Fabi (que se estreaba en partido oficial), formaron parte do once de inicio. “Fabi leva unha gran tempada co filial e está preparado para axudar. En defensa andamos xustos e Pablo era unha boa opción para repartir esforzos. Competiron ben. “Quedoume pena por non dar minutos a Bil e Íker Vidal”, valorou Hidalgo ao remate.

Entre os titulares tamén apareceron homes con pouca carga de minutos ligueiros como Eric Puerto, Arnau Comas, Jose Ángel, Patiño, Cristian Herrera, Eddahchouri ou Luismi Cruz. Pola contra, Ximo Navarro, Escudero e Bachmann non viaxaron por lesión, e no banco figuraban os fabrilistas Hugo Ríos, Bil e Íker Vidal.

O adestrador non puido sentarse no banco por sanción, (a primeira das dúas que arrastra da pasada edición copeira), polo que Ignasi Salafranca dirixiu ao equipo desde a área técnica.

Unha festa para o fútbol cántabro

A UD Sámano, modesto equipo da Segunda Federación e 16º clasificado con só 5 puntos, viviu unha noite histórica. O seu campo habitual, o Vallegón, non cumpría os requisitos da competición, polo que o encontro trasladouse ao veciño Castro Urdiales, a apenas dous quilómetros. A festa arrancou xa pola tarde, con música, comida e bebida arredor do estadio, nun ambiente de gran ilusión local.

O céspede de Riomar, que non se tocaba desde facía tres semanas, recibiu unha moi boa entrada para un duelo desigual en termos competitivos, mais cheo de simbolismo para o fútbol afeccionado cántabro. O equipo local xogou cunha camiseta especial para o encontro, nela ían os escudos dos dous equipos.

 Cronoloxía dun triunfo lóxico

O Deportivo saíu mandando desde o inicio e avisou aos dous minutos cun cabezazo de Eddahchouri que se perdeu preto do pau. O primeiro gol chegou no minuto 5: Dani Barcia, de cabeza, aproveitou un servizo de Luismi Cruz para abrir o marcador.

A alegría durou pouco, pois no 17’ Castillo empatou para o Sámano tras un saque de esquina, desatando o entusiasmo da bancada local. O Dépor reaccionou axiña: no 24’, Eddahchouri gañou a carreira á defensa e, tras superar ao porteiro Masach, Cristian Herrera empurrou o balón á rede para o 1-2.

Os cántabros aproveitaron o vento a favor para presionar con balón parado antes do descanso, obrigando a Eric Puerto a intervir en varias ocasións.

Na reanudación, Loureiro substituíu a Arnau Comas, que sufriu un golpe e acabou mareado, aínda que o técnico confirmou despois que “está ben e non parece nada serio”.

O Dépor retomou o control e ampliou a vantaxe no 70’, de novo por medio de Cristian Herrera, cun disparo raso que fixo inútil a estirada de Masach. O propio Eddahchouri sentenciou no 80’ cunha definición precisa dentro da área, e Stoichkov, xa no 90’, aproveitou un erro do gardameta para selar o definitivo 1-5.

 Palabra do míster

“Fixemos un partido serio e fomos contundentes cando tocaba. O importante era pasar a rolda e seguir competindo. Gañar sempre axuda”, declarou Antonio Hidalgo ao remate do encontro.

 Ficha do partido

UD Sámano: Masach; Luis Gómez, Jonlo (César Jr, 70’), Acarregui, Gilete, Xavi (Unai Veiga, 72’), Jonás, Lambea (Diego Marta, 82’), Abad, Castillo (Larrucea, 82’) e Berzosa (Julen, 72’).

Depor: Eric Puerto; Pablo García (Lucas Noubi, 65’), Dani Barcia, Arnau Comas (Loureiro, 46’), Rubén López; Jose Ángel (Gragera, 78’), Patiño; Fabi (Stoichkov, 65’), Luismi Cruz (Mella, 85’), Cristian Herrera e Eddahchouri.

Árbitro: Álvaro Moreno Aragón (Comité madrileño). Amoestou a Abad (19’), Jose Ángel (40’), Luis Gómez (45+3’), Acarregui (50’) e Luismi Cruz (65’).

Goles: 0-1 Dani Barcia (5’); 1-1 Castillo (17’); 1-2 Cristian Herrera (24’); 1-3 Cristian Herrera (70’); 1-4 Eddahchouri (80’); 1-5 Stoichkov (90’).

Incidencias: Partido da primeira rolda da Copa do Rei disputado no campo de Riomar (Castro Urdiales), con boa temperatura e vento intenso. O terreo de xogo coa herba moi alta e moi irregular no que o balón en lugar de rodar ía a botes. Moitos deportivistas na bancada do campo samaniego.

 

 

-Vídeo resumo : RFEF

-Foto e vídeos : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”