CRÓNICA, RESUMO E MANIFESTACIÓNS TRALO EIBAR 1-1 DEPOR : “PUNTO A VEZ XUSTO QUE AGRIDOCE”

 

Eibar 1-1 Depor

O mellor visitante do que vai de liga contra o mellor equipo como local, xa que sumaba 3 vitorias nas tres citas no seu estadio. A SD Eibar recibiu ao Depor nun encontro da 7ª xornada que se saldou cun empate a un, resultado que ambos técnicos consideraron xusto tras un duelo con dominio repartido, cunha parte para cada equipo. O equipo deportivista non foi quen de pechar o resultado e acabou cedendo no desconto tras a presión final dos eibarretxes.

O conxunto coruñés mantén o primeiro posto da táboa con 15 puntos, pendente do que faga o Cádiz CF, rival directo na clasificación. Como é habitual, o Depor contou cun notable apoio: uns 300 afeccionados branquiazuis fixéronse notar en terras guipuscoanas, antre eles membros da nosa peña “Os Piratas de Muxía”.

Chegaba o Dépor á cita despois da goleada sobre a SD Huesca (4-0) e con varias baixas sensibles: David Mella, convocado coa selección española sub-20, e tamén José Ángel, Gragera e Escudero, este último descartado á última hora por molestias musculares. O once inicial presentou a novidade de Stoichkov, diante dun rival no que militara anos atrás.

O arranque non puido ser mellor para os nosos. No 11, Yeremay adiantou ao Dépor desde os once metros tras un penalti cometido sobre Stoichkov. O gol activou aos locais, que responderon con presión alta e ocasións claras, especialmente a cargo de Guruzeta, aínda que Germán e a falta de puntería evitaron o empate antes do descanso.

Na segunda metade, os cambios de Beñat San José deron máis presenza ofensiva á SD Eibar. O Dépor, pola súa banda, rozou o 0-2 nunha acción individual de Yeremay que non atopou portería. A partir de aí, a iniciativa pasou a mans do cadro vasco. Bautista rozou o gol en varias ocasións e obrigou a lucirse a Germán, que foi un dos destacados do partido para manter a porta a cero e tentar levarse os 3 puntos.

Cando parecía que os nosos sumaban tres puntos de ouro, no tempo engadido apareceu Adu Ares para establecer o definitivo 1-1 cun remate que bateu a portería deportivista tras desvío de Loureiro.

No balance final, Antonio Hidalgo recoñeceu que o seu equipo sufriu especialmente no tramo final: “Fixemos unha gran primeira parte, pero eles empuxaron moito e notamos o desgaste. É un punto valioso nun campo complicado”.

 

 

-Fotos e vídeos : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”