CRÓNICA, RESUMO, E MANIFESTACIÓNS POST-ENCONTRO REAL SOCIEDAD B 1-1 DEPOR : IDIAKEZ, RUBÉN LÓPEZ E DANI BARCIA.

 

Real Sociedad B 1-1 Depor

O Deportivo sumou a súa décimo oitava xornada seguida sen coñecer a derrota, igualando a mellor xeira da historia do Club, ao empatar a un gol no campo José Luis Orbegozo de Zubieta, a cidade deportiva da Real Sociedad, ante o filial do conxunto donostiarra.

O adestrador deportivista, Imanol Idiakez, revolucionou o once coa entrada da maior parte dos xogadores que foron suplentes nos últimos meses. Alberto ocupou a portería, debutando así en partido oficial coa camiseta branquiazul. En defensa saíron Paris, Jaime, Dani Barcia e Iano, estes dous últimos con apenas minutos ao longo da temporada. Jose Ángel foi o único titular indiscutible que saíu de inicio. Xunto a el, na medular, saíron Salva Sevilla, habitual no primeiro terzo do curso, e Rubén López, habitual nas rotacións na segunda volta. En ataque xogaron Davo, titular na primeira volta e con rol secundario na segunda, e Cayarga, con moi poucos minutos este curso, nos costados e Alcaina, que desde a súa chegada en xaneiro foi gozando de máis a menos minutos, como ariete.

O Dépor comezou dominando o encontro. Raúl Alcaina tivo, no minuto 5, un man a man despois dun pase en profundidade de Salva Sevilla. Fraga desviou a córner coa súa perna dereita. Tres minutos despois, unha precisa e veloz triangulación en mediocampo entre varios deportivistas acabou cun pase en profundidade para Davo, que quedou cara a cara con Fraga, escorado. O porteiro local resolveu cunha nova intervención que desbaratou a ocasión deportivista.

No ecuador do primeiro tempo, o campo comezou a estar case impracticable nalgunhas zonas, debido á intensa e constante choiva caída durante o primeiro cuarto de encontro. E tamén chegou outra boa ocasión coruñesa. Foi un disparo de Cayarga desde dentro da área despois de recibir o balón nun toque de calcaño de Salva Sevilla desde a liña de fondo. Fraga detivo o esférico en dous tempos.

O primeiro achegamento claro da Real Sociedad B produciuse no minuto 24, nun dereitazo afastado de Gorrotxategi que Alberto rozou para sacar a córner. Ao fío da media hora, Salva Sevilla centrou con precisión ao punto de penalti, onde Cayarga bateu coa dereita por riba do traveseiro. O conxunto local tivo outra opción de marcar nun disparo afastado cando no minuto 40 o noruegués Fiabema golpeou con potencia desde fóra da área pero a pelota marchouse alta.

Antes do minuto 10 da segunda metade, o filial realista adiantouse no marcador. Goti levou o esférico ao fondo das mallas desde preto para resolver unha xogada na que se produciron unha serie de rebotes na área deportivista.

O Dépor reaccionou rápido e un centro raso de Iano, no minuto 58, paseouse pola área sen que ninguén rematase ou despexase. No minuto 73, un zurdazo desde 25 metros de Jose Ángel foi sacando achas do traveseiro. E un minuto despois, chegou o empate. Barbero remachou un despexe en curto de Fraga a un disparo cruzado de Yeremay desde o extremo esquerdo. Foi o primeiro balón que tocou o ‘9’ após substituír a Raúl Alcaina, no que supuxo o seu tanto número 11 na presente campaña.

Os branquiazuis puideron lograr a vitoria cando no minuto 87 Pablo Valcarce cabeceou unha falta colgada por Salva Sevilla, pero o coiro foise preto do pau esquerdo do marco donostiarra.

Despois deste empate, o Deportivo só perdeu un dos últimos 26 encontros e suma 14 vitorias e 4 empates nos últimos 18 partidos. Ou o que é o mesmo, 46 dos últimos 54 puntos en xogo. Os branquiazuis teñen a oportunidade na última xornada, en ABANCA-RIAZOR fronte á Real Unión Club irundarra, de completar unha volta enteira sen coñecer a derrota e bater o récord de partidos consecutivos invicto na historia do Club, que data da Temporada 1980-81, na que o equipo competiu no Grupo 1 de Segunda B.

Real Sociedad B : Fraga, Dadie (Ochieng, min. 68), Peru Rodríguez, Beitia, Zoilo, Marín, Mikel Rodríguez (Eder García, min. 79), Gorrotxategi, Agote (Arzak, min. 87), Fiabema (Mariezkurrena, min. 68) e Goti (Lebarbier, min. 68).

Depor : Alberto, Paris Adot, Jaime, Dani Barcia, Iano Simão, Salva Sevilla, Jose Ángel, Rubén López (Pablo Valcarce, min. 64), Davo (Yeremay, min. 64), Raúl Alcaina (Barbero, min. 74) e Cayarga (Quintero, min. 74).

Goles: 1-0 Goti (min. 54); 1-1 Barbero (min. 74).

Árbitro: Alonso de Ena Wolf (c. aragonés). Non mostrou cartóns.

Incidencias: Partido correspondente á 37ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no campo José Luis Orbegozo da Ciudad Deportiva de Zubieta ante uns 2.500 espectadores, con medio milleiro de deportivistas nas bancadas. A Real Sodiedad B fíxolle o “pasillo de campións” ao Depor.

 

 

 

 

 

 

 

-Foto, texto e vídeos : RC Deportivo

-Vídeo do encontro : RFEF

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies