O Deportivo asinou unha nova exhibición en Riazor, onde superou con claridade á SD Huesca (4-0) no encontro correspondente á 6ª xornada da Segunda División. O triunfo deixa aos coruñeses no máis alto da táboa con 14 puntos e con sensacións moi positivas neste inicio de curso.
O técnico Antonio Hidalgo destacou tras o choque que “os tres puntos colócanos nunha posición privilexiada, pero cómpre seguir coa mesma intensidade porque a igualdade na categoría é enorme”.
Dobrete de Mella antes da cita mundialista
Un dos nomes propios da tarde foi o de David Mella, que asinou dous tantos antes de marchar coa selección española sub-20 para disputar o Mundial de Chile. O adestrador recoñeceu que a súa ausencia será sensible: “Alegrámonos pola súa oportunidade, pero tocaranos reinventarnos no plano deportivo”.
O primeiro gol chegou moi cedo, no minuto 7, cando unha acción de Mulattieri acabou co balón entrando na propia portería de Carrillo. O tanto deu tranquilidade ao Dépor, que dominou a primeira metade con claridade.
No 33’, Mella aproveitou un erro defensivo visitante para picar o esférico sobre Dani Jiménez e establecer o 2-0. Xa no tempo engadido, o propio canteirán culminou un pase de Luismi e deixou o duelo encarrilado antes do descanso.
Control total e rúbrica de Chouri
Na segunda parte, o guión apenas mudou. Os aragoneses apenas inquietaron a Germán e víronse superados en todas as facetas. O definitivo 4-0 chegou no minuto 76: Eddahchouri, sempre atento no área, cazou un rexeite tras un disparo de Stoichkov e asinou o seu quinto gol ligueiro, que o sitúa entre os máximos realizadores da competición.
O Huesca, sen reacción, só rozou o gol nun cabezazo de Kortajarena que se perdeu por pouco. Pola súa parte, Yeremay estivo preto de ampliar a conta deportivista, mais Dani Jiménez evitou o quinto tanto.
A bancada de Riazor, con máis de 23.000 seareiros, celebrou con onda incluída un triunfo que consolida ao Dépor como líder provisional.
Fichas do encontro
RC Deportivo: Germán; Luismi (Stoichkov, 59’), Ximo Navarro (Lucas Noubi, 78’), Loureiro, Dani Barcia, Quagliata (Escudeiro, 70’); Villares, Mario Soriano (Patiño, 70’); Mella, Yeremay e Mulattieri (Chouri, 59’).
SD Huesca: Dani Jiménez; Carrillo (Toni Abad, 46’), Íñigo Piña, Sergi Enrich (Portillo, 77’), Kortajarena, Jesús Álvarez (Lúa, 46’), J. Alonso (Ro, 72’), Enol, Ángel P. (Liberto, 46’), Sielva e Arribas.
Árbitro: Miguel González (Asturias). Amoestou a Jesús Álvarez (36’), Mulattieri (57’) e Sielva (68’).
Goles: 1-0 Carrillo (pp, 7’); 2-0 Mella (33’); 3-0 Mella (45+3’); 4-0 Chouri (76’).
Incidencias: 6ª xornada da Segunda División disputada en Riazor ante 23.415 espectadores. Manuel Ríos Quintanilla “Manolete”, presidente da Asociación de Veteranos do RC Deportivo, realizou o saque de honra no 61º aniversario do seu debut co club.
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeos e foto : RC Deportivo

