Córdoba 1-3 Depor
O Depor levou tres puntos de ouro da súa visita ao Bahrein Victorious Nuevo Arcángel, onde superou por 1-3 ao Córdoba CF na 14ª xornada da Segunda División, disputada este domingo 16 de novembro baixo unha intensa chuvia que parecía que se xogaba en Galicia.
O triunfo permite aos herculinos manterse no máis alto da clasificación con 26 puntos, empatados co Real Racing Club e coa UD Las Palmas nunha loita cada vez máis apertada polo liderado.
Hidalgo: “Tiñamos claro o tipo de duelo que nos esperaba”
Na análise posterior ao encontro, Antonio Hidalgo recoñeceu que o Córdoba é “un equipo que non deixa respirar e obriga a estar con todos os sentidos postos”. O preparador branquiazul afrontou o partido con varias baixas importantes (Ximo Navarro, Escudero e Bachmann) e coa presenza do canteirán Samu como novidade na convocatoria.
A visita tivo un punto emocional para dous xogadores do Dépor: Miguel Loureiro, que defendeu a camisola cordobesa en dúas campañas, e Eric Puerto, criado na estrutura de base do club andaluz.
O Córdoba chegaba oitavo, con 20 puntos, e cunha fortaleza como local notable: non caía na súa casa desde finais de agosto.
Un inicio accidentado e un Dépor paciente
Con dous cambios respecto ao once que vencera á Cultural, Hidalgo introduciu a Jose Ángel no mediocentro e situou a Luismi Cruz na dereita. O encontro comezou marcado polas condicións meteorolóxicas e por un ambiente eléctrico nas gradas, mais tamén por un arbitraxe impreciso de Álvaro Moreno nos primeiros compases.
O Dépor entrou serio, tratando de frear os arrebatos dun Córdoba moi vertical. As primeiras ocasións claras chegaron con aproximacións de Álex e Luismi Cruz, pero sen éxito. A lesión de Fomeyem obrigou aos locais a mover o banco antes do previsto. Co paso dos minutos, os andaluces avanzaron liñas e obrigaron aos galegos a resgardarse no seu propio campo, sen que iso derivase en accións de verdadeiro perigo.
Chegouse ao descanso cun 0-0 que reflectía un pulso intenso pero con poucos sobresaltos nas áreas.
O choque desátase tras o descanso
O reinicio trouxo o primeiro susto para o Dépor cunha volea desviada de Theo. Os coruñeses responderon cun par de transicións rápidas, pero foi nunha xogada elaborada cando chegou o primeiro golpe do partido: Yeremay decidiu entre liñas e serviu un balón perfecto para que Quagliata fusilase o porteiro local e fixese o 0-1 no minuto 59.
A vantaxe durou pouco. Nunha acción desafortunada, Lucas Noubi introduciu o balón na súa propia portería ao tratar de cortar un centro rasteiro desde a dereita, restablecendo o empate.
O encontro rompeu definitivamente tras unha revisión do VAR que confirmou un penalti sobre Eddahchouri. A acción supuxo a segunda amarela para Rubén Alves. Yeremay, con enorme sangue fría, transformou a pena máxima cun Panenka que silenciou o estadio e devolveu a dianteira ao Dépor.
Hidalgo refrescou o ataque con Mella e Mulattieri. O Córdoba, malia estar cun xogador menos, botouse enriba con balón parado e acumulou chegadas á área de Germán.
A sentenza no tempo engadido
O sufrimento mantívose ata o final. Os locais tiveron unha ocasión clarísima no desconto, pero o remate marchou por riba. No último alento, co Córdoba totalmente volcado, Yeremay apareceu de novo para lanzar unha contra letal que culminou Mella cun toque sutil sobre Íker Álvarez, establecendo o definitivo 1-3 e desatando a celebración da bancada deportivista.
Tras o asubío final, Hidalgo resumiu o choque como “un duelo tolo por momentos, consecuencia do estilo do Córdoba”, e destacou o valor dun triunfo conseguido “ante un adversario de moito nivel”.
Depor : Germán, Noubi, Arnau Comas (Dani Barcia, min. 46), Loureiro, Quagliata, Villares, Jose Ángel (Gragera, min. 86), Mario Soriano, Luismi Cruz (Mella, min. 78), Yeremay e Eddahchouri (Mulattieri, min. 78)
Árbitro: Álvaro Moreno, do comité madrileño. Amoestou a Arnau Comas (min. 7), Fomeyem (min. 20), Requena (min. 21), Eddahchouri (min. 33), Jacobo Glez (min. 40), Isma Ruiz (min. 40), Loureiro (min. 41), Rubén Alves (min. 53 e min. 73), Villares (min. 84) e Lucas Noubi (min. 90)
Goles: 0-1 Quagliata (min. 59); 1-1 Noubi, en propia meta (min. 66); Yeremay, de penalti (min. 74); 1-3 Mella, (min. 90+8)
Incidencias: partido disputado no Bahrein Victorious Nuevo Arcángel, ante 17.123 espectadores, antre os que había unha nutrida expedición de afeccionados deportivistas. Gardouse un minuto de silencio en memoria de ‘Juanetes’, xogador do Córdoba CF Genuine e de Claudio Ripoll, presidente da entidade andaluza a principios dos 90.
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeos : RC Deportivo
