Na primeira xornada da 1ª Galega Feminina G1, o Xallas FC, representante da Costa, caeu no Municipal da Fontenla por 1-2 fronte ao Victoria CF B.
Xallas FC 1-2 Victoria CF “B”
Goles: 0-1: Ana Pereira, de penalti (8’); 0-2: Nuria Seijo (65’); 1-2: Olalla (76’).
O Xallas chegaba a esta categoría tras proclamarse o curso pasado campioas do Grupo 2 da 1ª Galega Feminina.
Eloy García, adestrador do Xallas FC: “Primeiro partido nesta categoría ante un rival que vai estar arriba. Custounos adaptarnos na primeira hora ao ritmo que propuxeron elas, e o 0-1 chegou nun penalti infantil cometido pola nosa lateral nun barullo de pernas. Despois, Isa salvou un gol na liña tras un córner que podía supoñer o segundo.
A partir de aí comezamos a despertar, a gañar duelos, pero sen impoñernos co balón. Tivemos un par de transicións ofensivas: a primeira cun tiro cruzado de Barcia que atallou a porteira, e a segunda cun centro dela mesma que Isa non rematou por moi pouco, mesmo puido ser penalti, e que Oli mandou arriba no segundo pau. Elas tamén tiveron un par de centros laterais que Ro solventou moi ben.
No segundo tempo decidimos agardalas en bloque baixo e saír rápido ante o seu dominio, pero axiña chegou o segundo gol nun pase filtrado por unha xogadora doutra categoría. Aínda así, non lle perdemos a cara ao encontro e seguimos co plan, xerando ocasións por medio de Espasandín, nun roubo alto, e Olalla, nun centro da propia Espasandín.
O noso gol chegou tras un pase maxistral de Noe a Oli, que quedou nun man a man coa porteira e recibiu penalti. Ela mesma transformouno. Tivemos o empate nunha falta lanzada por Noe que a porteira desviou cun paradón. O máis xusto sería un empate polas ocasións xeradas.
Temos que adaptarnos á categoría, pero este é o camiño: competir os partidos ata o final.”
-Foto : Xallas FC
-Texto : Xosé Búa “Pirata”