CRÓNICA : O CF Dumbría proclámase campión da Copa da Costa feminina tras unha final de infarto que se decideu nos penaltis ante o Muxía.

O Dumbría sacouse a espiña da copa do ano pasado.

CF Dumbría 1-1 CF Muxía

(Penaltis : 4-3)

San Paio de Refoxos (Xallas-Cee), 8 de Xuño de 2025 : O CF Dumbría feminino fixo historia esta tarde ao conquistar a Copa da Costa feminina tras superar ao CF Muxía feminino na quenda de penaltis (1-1 no tempo regulamentario), nunha final igualadísima, intensa e chea de emocións diante de máis de 1.500 afeccionados, (contra o final a cifra foi crecendo ata os máis de 2.000), que ateigaron o campo ceense, que dispuxo dunha gran orgañización en todo intre.

A primeira metade comezou cun Dumbría dominador, buscando a portería rival con decisión, máis a resposta do Muxía non tardou en chegar, cun centro de Barca e un perigoso remate de Andrea que puxo en alerta á defensa dumbriesa. O premio para as muxianas chegou pasada a media hora, cando Claudia aproveitou un rebumbio no área para marcar o 0-1.

O Dumbría, lonxe de virse abaixo, reaccionou nos últimos minutos do primeiro tempo. No 44, unha internada por banda esquerda anunciaba perigo, e cando semellaba que o descanso chegaría co 0-1, unha falta lateral dende a altura dos banquiños lanzada por Paula Fanfiño acabou no fondo da rede. O balón bombeado sorprendeu á gardameta Vero, que pensaba que o esférico marchaba fóra. 1-1 e máxima igualdade ao descanso.

A segunda metade comezou cun Dumbría decidido, obrigando a Vero a lucirse aos 49 minutos cun despexe de puños. Co vento en contra, o equipo dumbriés xogaba mellor, mentres o Muxía tentaba recuperar o control. A xogada máis destacada das muxianas chegou con Patri Romaní e Barca, que combinaron á perfección pola esquerda, aínda que sen conseguir finalizar.

O partido entrou entón nun tramo de loita no medio campo, con posesións repartidas. No 62, o Dumbría perdía a Sabela por lesión, pero iso non freou o seu ímpeto. Pouco despois, o Muxía rozou o gol cun tiro que pasou rozando o pau. A resposta foi inmediata, Eva Lema plantouse soa diante de Vero tras un roubo no medio campo, pero a porteira muxiana evitou o tanto cunha gran intervención a bocaxarro.

O Dumbría insistía, Claudia, moi activa, tivo unha gran oportunidade cun disparo cruzado que pasou lambendo o pau. As ocasións seguían chegando para ambos equipos, e o tramo final foi de auténtico infarto. O Muxía tivo os seus mellores minutos cunha dobre ocasión, primeiro mandaron o balón ao pau, e no rexeite, Lis realizou un paradón espectacular para salvar ás súas, e no saque de curruncho de novo as muxianas fixeron saltar o “ui!!!” no campo.

O tempo regulamentario rematou sen máis goles, polo que o campión tería que decidirse dende o punto de penalti. Aí, o CF Dumbría mostrou máis sangue fría e só errou un lanzamento, mentres que o Muxía fallou dous. O título foi para as dumbriesas, que se sacan así a espiña da final perdida o ano pasado ante o Xallas.

Para o CF Muxía, o subcampionato non empaña unha tempada histórica, na que lograron o ascenso a Segunda Galega no seu segundo ano de vida e soñaron ata o final con poñerlle a guinda coa Copa.

“A nosa máis cordial noraboa a tódlas/os que forman o CF Dumbría, xogadoras, técnicos, axudantes do clube, diretiva e afeccionados e os nosos ánimos e o noso aplauso para tódalas/os que forman o CF Muxía que pecharon unha extraordinaria tempada. Na Copa só pode gañar un equipo e desta vez caeu da banda das dumbriesas pero teñen que estar orgullosas de que perderon unha copa na que non perderon no encontro”.

CF Dumbría : Liss, Noa, Paula Fandiño, Paula Carril, María Rodríguez, Kelly, Eva Lema, María Pérez, Claudia, Yolanda e Sabela. Tamén participaron : Lucía Martínez, Sheila, Mariña, Carla, Laura, Yaiza, e Lara.

Adestrador : Santi Cubelo

Delegados : Sebastian Pérez e Norberto Fandiño

CF Muxía : Vero, Patri Romaní, Marta, Nerea, Raquel, Elsi, Claudia, Barca Toba, Andrea Dominguez e Andrea Insua. Tamén participaron : Paula Vilela, Paula Rey, Sabela, Lola, Nuria, Nerea e Karen.

Adestrador : Isma Márquez

Delegado : Michael Trillo

Goles : 0-1, Claudia, (39´); 1-1, Paula Fandiño, (46´).

Árbitras : Andrea Barbeira, acompañada nas bandas por María Pérez e Aisha González con Xiana Barbeira como cuarta árbitra. Amonestou a María Rodríguez, (22´), e Lara Villar, (93´) polo Dumbría e a Barca Toba, (22´) e Patri Romaní, (44´) polo Muxía.

-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies