Granada 1-3 Depor
O Deportivo comezou a súa andaina en LaLiga Hypermotion con paso firme. Este sábado 16 de agosto, no Estadio Nuevo Los Cármenes, os coruñeses impuxéronse con claridade ao Granada CF (1-3) nun debut ligueiro que Antonio Hidalgo cualificou de “importante”.
O primeiro gol chegou case no descanso, obra de Mario Soriano tras unha xogada ben trenzada. Na segunda parte apareceron Chouri e, xa no tempo engadido, Escudero, para sentenciar un partido no que os branquiazuis mostraron madurez competitiva.
O Dépor presentábase á cita logo dunha pretemporada ilusionante: catro triunfos, (entre eles os trofeos Emma Cuervo e Teresa Herrera fronte a rivais de Primeira), un empate e unha única derrota pola mínima ante o Watford. A única nota negativa, a baixa por lesión de Jose Ángel.
A portaría foi un dos focos da previa: esta semana incorporouse o austríaco Daniel Bachmann, pero en Granada o titular foi Germán. Pola súa parte, o conxunto nazarí anunciara ata cinco fichaxes nos últimos días: Casadesús, Hormigo, Astralaga, Faye e Diallo. A súa preparación non resultara tan positiva, con só dous empates e varias derrotas, incluída a do Trofeo Ciudad de Granada fronte ao Al Ain (0-3).
Hidalgo apostou de inicio por unha disposición con tres centrais (Loureiro, Comas e Barcia), carrís para Luismi Cruz e Escudero, Villares e Gragera no medio e arriba Mario Soriano, Yeremay e Chouri.
O Granada avisou cedo cun disparo de Rodelas que obrigou a Germán a lucirse. A resposta deportivista veu axiña: Chouri probou sorte en dúas ocasións, primeiro coa esquerda e despois pola dereita, sen fortuna.
Co paso dos minutos os locais atopaban espazo ás costas da defensa galega, ata que unha pausa de hidratación permitiu axustar pezas. O resultado, inmediato: xogada colectiva iniciada por Villares, prolongación de Yeremay, toque de Chouri e definición de Mario Soriano para abrir o marcador (0-1, min. 42).
Tralo descanso, o Granada empuxou con varios córners consecutivos, pero o Dépor resistiu e golpeou. A conexión Luismi Cruz–Chouri deu froitos: o dianteiro internouse na área e superou a Luca cun disparo seco (0-2, min. 50).
Non tardaron os andaluces en reaccionar: Hongla sacou un zapatazo desde fóra da área que sorprendeu a Germán (1-2, min. 53). O equipo local cría no empate, ata que a expulsión de Lama por dobre amarela complicou as súas opcións.
O Deportivo puido matar o partido antes: Yeremay dispuxo de varias ocasións, incluso un tiro ao pau. Finalmente, foi Escudero quen, tras roubar preto da área rival, fixo o terceiro cun disparo raso (1-3, min. 90).
Co Granada xa vencido, o Dépor seguiu xerando perigo ata o asubío final, rubricando unha noite de calor intensa, (por riba dos 30 graos), e un arranque ligueiro ilusionante.
Granada CF: Luca; Lama, Weissman, Stoichkov (Mario Jiménez, 73’), Trigueros (Sergio Ruiz, 55’), Hongla, Pablo, Diallo, Williams, Rodelas (Insua, 73’) e Óscar (Samu Cortés, 84’).
Depor: Germán; Luismi Cruz (Mella, 60’), Loureiro, Comas (Ximo Navarro, 76’), Barcia, Escudero, Villares (Patiño, 76’), Gragera, Yeremay, Mario Soriano (Cristian Herrera, 84’) e Chouri (Bouldini, 60’).
Árbitro: Daniel Palencia (colexio vasco). Amoestou a Chouri (35’), Lama (60’ e 65’), Yeremay (69’) e Pablo S. (77’).
Goles: 0-1 Soriano (42’), 0-2 Chouri (50’), 1-2 Hongla (53’), 1-3 Escudero (90’).
Incidencias: Estadio Nuevo Los Cármenes. Noite abafante con máis de 30 graos. En torno a 200 deportivistas na grada visitante e varios por entre a afección granadina.
MANIFESTACIÓNS
-Fotos e vídeo : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”