CD Leganés 2-2 Depor
O encontro en Butarque arrincou da peor maneira para o Deportivo. Apenas sacado de centro, unha perda permitiu ao Leganés lanzar un balón longo que sorprendeu á defensa. Germán conseguiu deter a primeira tentativa de Duk, pero Miguel aproveitou o rexeite para abrir o marcador a porta baleira.
O gardameta coruñés quedou tendido no chan tras o choque co dianteiro rival e tivo que ser atendido durante varios minutos antes de continuar. Un choque coma os que temos visto moitas veces como falta o porteiro.
Non tardou en reaccionar o Dépor. No minuto 12, Yeremay gañoulle en velocidade á defensa madrileña e quedou diante de Juan Soriano, mais o seu disparo marchou desviado. Pouco despois, o canario volveu probar sorte tras un pase de Chouri, pero desta volta atopouse co corpo do porteiro local.
Escudero buscou sorprender directamente desde o córner e obrigou outra vez a Soriano a intervir. A presión deportivista intensificouse: Mella filtrou un bo pase a Villares, que tamén se atopou coas mans do gardameta pepinero.
O conxunto galego seguía rondando o empate. Loureiro probou desde a frontal, aínda que o seu tiro saíu alto. “Na primeira media hora tivemos opcións dabondo para empatar”, lamentaría despois Antonio Hidalgo.
Con todo, o Leganés soubo sacudirse do dominio e volveu xerar perigo. Miguel non acertou a controlar na área e pouco despois Loureiro cabeceou alto a centro de Escudero.
Na segunda chegada clara dos locais chegou o 2-0: tras un saque de esquina mal defendido, Duk cazou un balón solto e empuxouno á rede. O propio dianteiro probou outra vez antes do descanso cun disparo raso que detivo Germán. O marcador non se movería máis na primeira metade.
“Chegar vivos ao intermedio foi o mellor que nos puido pasar”, recoñeceu Hidalgo.
Na reanudación, o técnico deportivista moveu fichas: entraron Ximo Navarro, Stoichkov e Mulattieri, pasando a defensa a catro e acumulando máis presenza arriba. Naim puxo a proba a Germán nun remate cruzado, mentres que Escudero respondeu cun lanzamento de falta que Soriano desviou como puido.
A ocasión máis clara chegou no 57, cun disparo de Yeremay atrapado polo gardameta madrileño. Pouco despois, Mulattieri rozou o gol cun cabezazo tras un centro do canario.
Hidalgo seguiu apostando polo ataque e deu entrada a Luismi Cruz. “Metemos todo o que tiñamos para xerar máis perigo polos costados”, explicou o adestrador.
O premio chegou no 72: Mella centrou desde a esquerda e Mulattieri, cun gran remate de cabeza, recortou diferenzas. O Dépor lanzouse a por todas e encerrou o Leganés no seu campo.
No minuto 82, Stoichkov tivo o empate pero non acertou co disparo. Tres máis tarde, unha agarrada clara sobre Mulattieri no área acabou en penalti. Yeremay asumiu a responsabilidade e transformouno con serenidade para poñer o 2-2.
O tramo final foi frenético. Juan Cruz estivo a piques de darlle a vitoria ao Leganés, pero Germán volveu aparecer, e na última xogada Yeremay enviou fóra unha boa combinación con Stoichkov.
O pitido final deixou un empate con sabor especial para o Deportivo, que nunca se deu por vencido. “Estou moi orgulloso dos meus xogadores pola súa fe e polo esforzo que fixeron ata o último minuto”, subliñou Hidalgo.
CD Leganés: Juan Soriano, Marvel, Jorge Sáenz, Lalo, Peña, Cisse, Miguel (Diego, min. 77), Duk (Melero, min. 62), Naim, Millán (Juan Cruz, min. 62) e Diawara (Óscar Plano, min. 62)
Deportivo: Germán, Mella, Loureiro, Comas (Ximo Navarro, min. 46), Barcia, Escudero (Luismi Cruz, min. 66), Gragera (Stoichkov, min. 46), Villares (Patiño, min. 66), Mario Soriano, Yeremay e Eddahchouri (Mulattieri, min. 46)
Árbitro: Dámaso Arcediano, do comité castelán-manchego. Amoestou a Diawara (min. 35), Yeremay (min. 51), Stoichkov (min. 58), Duk (min. 58), Jorge Sáenz (min. 80), ao técnico Paco López (min. 88) e Luismi Cruz (min. 45+3)
Goles: 1-0 Miguel de la Fuente (min. 1); 2-0 Duk (min. 33); 2-1 Mulattieri (min. 72); 2-2 Yeremay (min. 86)
Incidencias: Encontro da 3ª xornada da Segunda División disputado en Butarque co apoio desde a bancada por en torno aos 300 afeccionados que se deixaron oir.
-Foto e vídeo : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
