Case 26.000 afeccionados no primeiro envite en Riazor.
Depor 0-0 Burgos
O Depor iniciou a súa andaina en Riazor na temporada 2025-26 con reparto de puntos ante o Burgos CF (0-0), nun encontro marcado pola calor abafante e pola solidariedade coas vítimas dos incendios que arrasaron Galicia e outras zonas do Estado.
O equipo de Antonio Hidalgo, que repetiu o once que venceu en Granada unha semana antes, saltou ao céspede vestido co terceiro equipamento, (a camisola galega), e cun brazalete negro en sinal de dó. Máis de 25.000 seareiros acompañaron a estrea como locais, nun ambiente especial no que se roldaron os 28.000 abonados.
Bo inicio sen premio
Os coruñeses comezaron con forza e gozaron das mellores ocasións nos primeiros vinte minutos. Yeremay, que celebraba o seu partido número 100 como deportivista, estrelou unha vaselina no traveseiro cando apenas se levaban dous minutos de xogo. Pouco despois, Eddahchouri rozou o gol cun disparo cruzado que saíu por centímetros.
Co paso dos minutos, o Burgos asentouse e logrou frear o ímpeto inicial do Dépor. Morante obrigou a Germán a intervir cunha boa man no minuto 19, nun aviso dos visitantes. O resto da primeira metade disputouse con máis loita que claridade.
Máis igualdade tras o descanso
Nada máis volver dos vestiarios, o Burgos avisou cun par de chegadas perigosas. O Dépor respondeu cun balón que non alcanzou Gragera por pouco tras unha falta lateral. A intensidade medrou e as áreas víronse máis visitadas que antes do intermedio.
Hidalgo moveu o banco para refrescar o equipo, primeiro cun cambio de sistema a defensa de catro e logo con homes de máis velocidade como Patiño e Mella. Por momentos o conxunto coruñés volveu levar a iniciativa, pero sen acerto nas súas finalizacións.
Nos últimos dez minutos, e coa calor pasando factura, o Burgos empuxou algo máis, aínda que tampouco logrou batir a Germán. O 0-0 xa non se moveu e ambos os dous técnicos coincidiron en que o empate foi o resultado máis xusto.
Balance
O Dépor suma 4 puntos nas dúas primeiras xornadas, mantendo boas sensacións tras o triunfo en Granada e este empate sen goles que deixa un pouco de “decepción” e baixa a euforia inicial tralo trunfo en terra granadinas, facéndonos voltar a realidade e pensar que o equipo ainda ten moito que ir a máis e que ainda estamos en agosto. Ben e certo que o encontro trocaría de entrar unda das duas ocasións claras. O Burgos, pola súa banda, deixa Riazor satisfeito tras frear o inicio vigoroso dos nosos e suma tamén 4 puntos.
Depor: Germán, Luismi Cruz (Mella, min. 63), Loureiro, Comas (Ximo Navarro, min. 55), Barcia, Escudero (Quagliata, min. 77), Gragera, Villares (Patiño, min. 63), Yeremay, Mario Soriano e Eddahchouri (Bouldini, min. 78)
Burgos CF: Cantero, Arroyo, Atienza, Grego S., Fer Niño (Mateo, min. 87), Miguel, David González (Chapela, min. 60), Curro (Lizancos, min. 77), A. Córdoba, I. Córdoba (Appin, min. 77) e Morante
Árbitro: José Antonio Sánchez, do comité andaluz. Amoestou a Comas (min. 15), David G. (min. 24) e Dani Barcia (min. 74)
Incidencias: partido correspondente á 2ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en Riazor ante 25.954 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria dos socios do RC Deportivo falecidos, con especial recordo a Julio García Bastida, presidente da peña deportivista de Caracas.
Festa da peñas
Fora antes do encontro as peñas tiveron unha romaría con música e xantares desde as 12 do mediodía ata media hora antes do encontro, para celebrar o inicio de campaña.
MANIFESTACIÓNS
-Foto e vídeos : RC Deportivo
-Texto e foto : Xosé Búa “Pirata”