Convocatoria do prebenxamín do UD Cerqueda, Diego Deus polo RC Deportivo e presentación do “III Torneo de Fútbol UD Cerqueda”.

A UD Cerqueda segue medrando: convocatoria do RC Deportivo e todo listo para o seu III Torneo de Fútbol

A UD Cerqueda continúa dando pasos firmes no traballo de base, cunha nova que enche de orgullo ao club e á súa contorna. O xogador prebenxamín Diego Deus Fariña foi convocado polo Real Club Deportivo da Coruña para realizar un adestramento co conxunto herculino, un recoñecemento ao seu talento e tamén ao labor formativo da entidade.

Desde o club destacan que esta convocatoria supón “un orgullo para nós, que recompensa o noso esforzo por visibilizar o fútbol base na contorna”, reafirmando así a aposta da UD Cerqueda polo desenvolvemento das categorías inferiores.


III Torneo de Fútbol UD Cerqueda

Por outra banda, o club xa ten todo preparado para a celebración do seu III Torneo de Fútbol, que terá lugar no Campo Municipal de Xaviña (Buño) os días 13 e 14 de xuño, nunha fin de semana que mesturará deporte e ambiente festivo.

O torneo estrutúrase en dúas xornadas:

  • Sábado 13 de xuño: competición de fútbol masculino nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete.
  • Domingo 14 de xuño: quenda para o fútbol feminino, con categorías alevín, infantil, cadete e sénior.

Ademais do apartado deportivo, a organización tamén coidará o ambiente fóra do campo. Haberá menú para xogadores e xogadoras con lacón e macarróns, e para o público en xeral disporase dunha pulpeira con polbo e churrasco a prezos populares.

Desde a UD Cerqueda animan a toda a afección a achegarse ao Campo Municipal de Xaviña, (Buño), para desfrutar dunha fin de semana de fútbol, convivencia e bo ambiente.

O evento está organizado pola UD Cerqueda e conta coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, a Real Federación Galega de Fútbol e a Deputación da Coruña.

.

-Información e foto : Jorge Ardeira/UD Cerqueda

-O tratarse dunha foto dun menor se o seu pai, nai ou titor non quer que apareza no artigo non teñen máis ca poñerse en contacto connosco

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”