CONTUNDENTE COMUNICADO DO CAMARIÑAS FC ANTE A ACTUACIÓN ARBITRAL E A ACTA DO ENCONTRO DA PASADA XORNADA EN MELIDE.

Nas crónicas desta pasada xornada do encontro Cire de Melide e o Camariñas FC da Primeira Futgal G2 xa vos traíamos as duras protestas e explicacións do adestrador do equipo camariñán, Juan Cabrejo e a espera de ver en que desencadean as palabras escritas no acta por parte do colexiado do encontro. Na noite de onte o clube camariñán fixo un comunicado asinado polo seu presidente Don Vicente Carril no que amosa duro e contundente contra o que acaeceu no encontro antre o colexiado Arián Gómez e o adestrador Juan Cabrejo, e o que aparece no acta.

COMUNICADO OFICIAL
O Camariñas F.C. denuncia graves irregularidades na acta arbitral do partido ante o C.F. Cire Melide. Vémonos na obriga de manifestar públicamente a nosa enérxica disconformidade con diversos feitos reflectidos na acta arbitral correspondente ao partido desputado o domingo 14 de decembro ante o Cire Melide. Como entidade deportiva que defende a súa integridade e bo nome, non podemos ficar calados ante unha situación que consideramos gravemente inxusta.
A actuación do colexiado durante e despois do encontro foi, ao noso xuízo, impropia dun labor arbitral que se agarda obxectiva e serena. A forma de proceder, así como determinadas decisións adoptadas, xeraron un clima innecesario de tensión e derivaron na redacción dunha acta que non é fiel ao acontecido.
No Camariñas F.C.. deixamos claro que non temos medo a posibles represalias e se facemos este comunicado é desde a convicción de que o silenzo só contribúe a normalizar feitos que non deben aceptarse nunha competición deportiva.
Un dos aspectos máis graves da acta refírese a unha suposta intervención do noso presidente Vicente Carril tras finalizar o partido, afirmación por outra parte rotundamente falsa. O colexiado coñecía perfectamente que o presidente do Camariñas F.C. ten noventa e catro anos e mobilidade reducida, o que fai imposible que fose a persoa que accedeu ao terreo de xogo e se dirixise ao árbitro nos termos recollidos, aínda que así foi consignado na acta co conseguinte perxuizo para o club.
Igualmente grave é o tocante ao encargado de material, Faustino Suárez Fuentes. O colexiado agardou a que abandonase as instalacións para reescribir a acta e atribuirlle unha serie de expresións que nunca foron pronunciadas nin teñen o menor fundamento.
Xa por último, en canto á expulsión do técnico e ás amonestacións dos xogadores, consideramos que os feitos foron descritos de maneira inexacta na acta arbitral. As palabras atribuídas a Juan Cabrejo non son fieis á verdade, se ben somos conscientes de que a ausencia de gravacións e imaxes que demostren o contrario, impide máis versión que a unilateral do árbitro, o que no deixa en absoluta indefensión.
Reiteramos o noso respecto polo traballo arbitral, pero exiximos que ese respecto sexa recíproco, porque custa moito saír a competir cada fin de semana para despois atoparse cun acta que, no canto de amosar o acontecido ao longo dos noventa minutos, sexa unha especie de vinganza ou un inaceptable abuso de poder.
VICENTE CARRIL
PRESIDENTE DO CAMARIÑAS F.C.
.
-Foto e comunicado : Dulce “Corcu”/Camariñas FC
-Texto : Xosé Búa “Pirata”