COMUNICADO DO RC DEPORTIVO ANTE AS PROTESTAS POLAS ENTRADAS CEDIDAS A FEDERACIÓN DE PEÑAS.

 

COMUNICADO

O Real Club Deportivo recibiu, ao longo da mañá, numerosas consultas, comentarios e queixas dos seus socios pola distribución de entradas para o partido Deportivo-Compostela disputado onte en ABANCA-RIAZOR. Por este motivo, o Club quere aclarar, a todos os seus socios e simpatizantes que:

– O Club non comunicou en ningún momento que o partido fose a porta pechada.
No comunicado do pasado mércores 20 ás 20:21 indícase que a decisión é a de non “pór entradas á venda para os seus socios” dado que “a redución do aforo do Estadio respecto dos últimos partidos disputados, un aforo que apenas permitirá pór entradas a disposición dos compromisos contractuais asinados polo Club cos seus patrocinadores para que sexan estes quen determinen se fan ou non uso dos seus dereitos adquiridos”.

– Eses contratos con patrocinadores e medios de comunicación, todos con varios anos de vixencia previa, reflicten unha serie de contrapartidas, entre elas a dispoñibilidade de entradas.
O Club está a tratar de que os incumprimentos de contrato causados pola pandemia sexan os mínimos posibles. Cumprilos fai que o Deportivo non diminúa ingresos por patrocinio e teña menos difusión de contidos comerciais nos medios de comunicación.

– O xoves 21 ao mediodía, unha vez atendidos eses compromisos reflectidos por contrato, realizouse balance de entradas dispoñibles. O resultado, pouco máis dun centenar para máis de 17.000 Socios Protectores.

– Ademais, entre os compromisos asinados polo Real Club Deportivo atópase tamén o Convenio coa Federación de Peñas que, no que vai de temporada, non se puido cumprir no referente á dispoñibilidade de entradas.
Pola pouca cantidade dispoñible o Real Club Deportivo determinou que esta era unha boa oportunidade para cumprir, en parte, con ese convenio. Ademais, con esta cesión de entradas á Federación de Peñas, o Club tamén quería agradecer á mesma, e a todos os seus integrantes, os moitos xestos desinteresados que tiveron durante todos estes meses de pandemia, participando en actividades solidarias e sociais do Real Club Deportivo e, mesmo, colaborando como voluntarios co Dépor no primeiro partido da Temporada e os que se disputaron con público. Esta axuda á preparación do aforo reducido e ao control de accesos tamén está a supor unha colaboración en aforro de custos ante a delicada situación económica da entidade.

– Ao recibir este lote de entradas, a propia Federación tamén tivo un comportamento exemplar na súa distribución, ao facelo de forma equitativa entre todas as peñas que o solicitaron e sendo estas só para peñistas censados e socios do Club residentes na Coruña, por tanto na súa práctica totalidade, Socios Protectores do Club.

– Os Socios Protectores, como corresponde e non podía ser doutro xeito, seguen gozando do total respecto e prioridade do Real Club Deportivo, xunto aos patrocinadores, no acceso a entradas dos partidos nos que se puido entrar no Estadio, así como noutras promocións exclusivas nas DéporTiendas. Só nesta ocasión, polo escasísimo número de localidades dispoñibles respecto de partidos anteriores, optouse por esta medida para agradecer a outra parte importante do Deportivismo, a conformada polas súas peñas, o seu apoio constante e en especial, nos últimos meses.

– Por último, o Real Club Deportivo quere reiterar, como en todas as comunicacións relativas á repartición de entradas, o agradecemento sincero a todos os seus socios e seguidores pola comprensión ante as medidas que se van adoptadas nesta situación tan cambiante e complexa para todos. Sen ir máis lonxe, a determinación hoxe por parte das autoridades de que o partido da próxima fin de semana si se teña que disputar a porta pechada. Por todo iso é imposible adoptar medidas que, ante a enorme e admirable masa social da que dispomos, non causen máis enfados que alegrías cando as posibilidades de acceder ao Estadio son tan reducidas, pero sempre, todas elas, tómanse pensando no mellor para todos en cada momento.

-Foto : piratasdemuxia

-Texto : RC Deportivo