COMUNICADO DO ALCALDE DE MUXÍA CONTRA AS ABERRACIÓNS QUE PRETENDE SANIDADE COS SECADOIROS TRADICIONAIS DE CONGRO DE MUXÍA.

Secadoiro de congro de Miguel Diz na Pedriña, (Muxía).

 

Os secadorios de congro de Muxía, únicos que se coñecen no mundo que segan con esta tradición, son un ben material do pobo, de Galicia e da humanidade. Unha maneira de conservar o produto de forma natural, e que se ven facendo dende fai máis de 4 séculos. Na historia está escrito dende estes tempos que xa chegaban xentes de Calatayud, (Aragón), a levar congro e traían a troco cordas de esparto para os mariñeiros, pexixe responsable de que ainda hox en día exista a receita tradicional maña de “Congro a Bilbilitana”. Os secadorios son moito máis ca simple manufactura dun peixe, son parte da historia escrita, cultural e económica do pobo e de moitas localidades máis a traverso da historia. Agora chega Sanidade a meter a pata, como acostuma a facer todo o que chega de xentes que non teñen nen idea, o caso é fastidiar os demáis.  Dende o Concello de Muxía chéganos un comunicado do alcalde, que secundamos totalmente e sen sentimento ningún político, senón que en defensa de algo noso e da humanidade, que ese era o título que lle tiñan que dar a estes dous secadoiros que quedan, o de Miguel Díz e o de Lema Marcote.

Comunicado de prensa do alcalde de Muxía

Os secadoiros de congros son un emblema da nosa cultura e tradición,
patrimonio de Muxía que debemos de coidar e protexer

Hai uns días espertamos coa triste nova de que Sanidade daba un golpe
definitivo aos nosos secadoiros de congro.

Dende hai un tempo estamos asistindo a un desmantelamento da forma de
vida da costa. Normas e prohibicións que dan as costas aos oficios tradicionais
e baseadas solo nunha total insensibilidade e descoñecemento do que é a nosa
vida.

Creo que incluso distan de ser medidas intelixentes xa que falamos
continuamente da alternativa do turismo como proposta de futuro. Mais se
queremos ofrecer un turismo de calidade haberá que ter algo máis que terraza
e praia. O turista tamén quere mergullarse na cultura e ver que ofrece o
lugar. E dende o Concello de Muxía podemos asegurar que hai un número de
chamadas inmenso preguntando polos secadoiros de congro. As actividades e
visitas guiadas levadas a cabo nos mesmos sempre foron un éxito.

Porque non debemos menospreciar ao turista pensando que non ten interese
en nada máis que comer e tomar o sol. O turista tamén quere, cada vez máis,
vivir experiencias e por aí van as novas tendencias nas estratexias de
promoción de turismo. Que mellor experiencia que visitar un secadoiro de
congro, coñecer a historia, ver como se manexa o peixe , escoitar as historias
do mar relacionadas coa pesca e rematar degustando este manxar, todo nun
lugar de natureza fermosa, a pé de mar?.

Pois o descoñecemento e a insensibilidade tráennos ata o punto no que
estamos. Pode pedírselle a un artesán que tire toda a produción que fixo coas
propias mans, con moitas horas de esforzo e con gran sabedoría? En que
argumentos lóxicos se apoia tal esixencia? Para eles cando traballan o congro
están honrando aos seus antepasados, e fano cunha técnica exquisita. Todo
un arte Poden entendelo os señores da Xunta?.

Como Alcalde síntome indignado por este atentado non sólo a unhas familias
que viven desta industria, senón tamén a un oficio que forma parte da nosa
historia e da nosa identidade. O secado do congro xunto coa industria do
encaixe aguantaron das familias e deron esplendor a unha Muxía que en
tempo de inverno non podía vivir da pesca pois os temporais abondan e o
nordés bate forte.

Os secadoiros de congro de Muxía son un orgullo para nós. Porque falan de
quen somos e de onde vimos, e están en pé pola vontade e esforzo de persoas
que aguantaron dunha tradición que está funcionando dende a Idade Media.
Deberían estar protexidos; e as persoas que os rexentan merecen un
monumento polo esforzo e polo respecto que mostran pola nosa cultura e
identidade.

E xa non falemos do respecto aos nosos maiores. Eses que fixeron que
esteamos aquí e ben orgullosos de ser quen somos e vivir no lugar que vivimos
e de ser xentes do mar. Ese mar que da tanta vida e que tamén a quita porque
é moi duro, pero leva séculos aguantando do noso país. Estes maiores, como o
sr. Juan que pasou por épocas ben duras no seu secadoiro pero aguantou
firme como as propias cabrias, vai ter que ver agora como o seu legado vai a
pique por unhas normas que se ditan nun despacho ao que non chega o
salitre?.

Claro que hai que atopar forma de axuntar modernidade e tradición. Nesa
loita están os rapaces que rexentan os dous secadoiros de Muxía. Mozos que
respectan o legado familiar e que non renegan da súa tradición mariñeira,
que están a formarse porque queren facer as cousas ben. Non llo poñamos
máis difícil do que xa é loitar para manter un produto así na economía global
e capitalista. Deberían ser as propias Administracións quen atoparan saídas
para ese reto. Deberían poñerse a traballar para ver alternativas de
mantemento destes monumentos da cultura do mar.

Hai que entender dende Sanidade con que estamos tratando. Non falamos
dunhas prácticas mal feitas, falamos dun secado ao aire que ten que ser así
porque é a forma tradicional de curar o peixe, unha técnica como foi o
afumado e o salgado cando non tiñamos conxeladores. E como algo especial
debe tratarse. Como patrimonio material e inmaterial. E as cabrias deben
permanecer en pé porque son uns prodixios de arquitectura rural, construídos
nas propias pedras. En terreo de todos, como están os percebes que se crían
na pedra; e que non veña Sanidade a dicirlle ao percebe que non pode estar aí
porque é terreo exterior!

Hai que poñerse a traballar xa para facer que os dous únicos secadoiros de
congro en pé sexan apreciados como o que son, un ben cultural e etnográfico
ademais do medio de vida de familias.

Hai que ter sensibilidade á hora de falar do que da de comer á xente, pero
sobre todo do que forma parte do noso ADN, da nosa identidade e que non
imos deixar que morra. Porque llo debemos aos centos e centos de homes e
mulleres que suaron lañando o congro para que Muxía seguira adiante. Non
imos quedar quedos ante esta desfeita.

Iago Toba Campaña,
Alcalde do Concello de Muxía

-Foto : Miguel Castro

-Texto : Prensa Concello de Muxía