COMUNICADO DA RFGF SOBRE A SUSPENSIÓN DAS COMPETICIÓNS AUTONÓMICAS QUE AFECTA AS QUE ESTABAN EN MARCHA E AS QUE ÍAN COMEZAR :

 

COMUNICADO RFGF

A Xunta de Galicia informou este martes 19 de xaneiro da decisión de suspender as competicións do deporte federado de ámbito autonómico, quedando excluídas as de ámbito estatal. Unha decisión que foi detallada pola Secretaría Xeral para o Deporte nunha xuntanza de urxencia celebrada esta mesma tarde con todas as Federacións Deportivas Galegas. A partir das 00.00 horas do xoves as competicións federadas de nivel autonómico quedan suspendidas, mentres que os adestramentos só estarán permitidos a nivel individual ou cun máximo de catro persoas. En todos os casos, estes deberán adaptarse ao peche perimetral de cada localidade e ao toque de queda ás 22 horas.

Esta suspensión obriga á Real Federación Galega de Fútbol a redefinir a súa folla de ruta paralizando ata novo aviso todas as competicións autonómicas de fútbol e fútbol sala que foran activadas unha vez aprobado o protocolo pola Xunta de Galicia o 14 de decembro: Preferente, Primeira Galega Feminina, Liga Galega Xuvenil, Liga Galega Cadete e Liga Galega Infantil e División de Honra Cadete en fútbol, e Preferente Feminina e Liga Galega Xuvenil, Liga Galega Cadete, Liga Galega Infantil e Liga Galega Alevín en fútbol sala.

Dada esta situación, a RFGF quere manifestar o seguinte:

  1. A RFGF, como sempre fixo desde o minuto 1 desde o inicio desta pandemia, continuará colaborando estreitamente coas autoridades sanitarias na loita contra o Covid-19 e asumirá e executará todas as medidas que adopten en cada momento as autoridades competentes. A RFGF optou en todo momento pola prudencia, sempre da man das autoridades sanitarias, sendo unha das poucas Federacións territoriais sen ter iniciadas as competicións de ámbito autonómico.
  1. A posta en marcha das competicións foi unha decisión que se adoptou tras a aprobación, por parte da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, dun protocolo perfectamente ben deseñado e estruturado no que tamén interviñeron profesionais do sector sanitario. Por iso, non foi ata este mes de xaneiro cando se activou o fútbol autonómico logo dunha gran consulta cos clubs a modo de inscrición. Unha iniciativa que se levou a cabo unha vez que a propia Xunta de Galicia aprobase un protocolo específico para a volta do fútbol con contacto. En todas as reunións cos clubs, o presidente da RFGF, Rafael Louzán, deixou claro que a Federación iría sempre da man das autoridades sanitarias. Cando estas deron vía libre para as competicións autonómicas a Federación propuxo a activación das principais ligas galegas, contando co respaldo maioritario dos clubs.
  1. Agora, as mesmas autoridades entenden que a situación sanitaria é o suficientemente preocupante e delicada como para suspender o deporte federado. Unha decisión que desde a RFGF respectamos totalmente e, por suposto, acatamos. Desde a chegada deste fatídico virus a RFGF púxose a disposición das autoridades. Primeiro suspendendo as competicións en marzo e xa na tempada actual axudando aos clubs a aplicar todos os protocolos nas categorías de ámbito estatal. Posteriormente, elaborando un protocolo que cumprise con todas as esixencias da Xunta de Galicia e activando as competicións unha vez que tiñamos o permiso para elo, cumprindo así coas funcións que a Secretaría Xeral para o Deporte ten delegadas na Federación. Unha colaboración que, por suposto, mantemos agora tomando unha decisión acorde coa decisión anunciada hoxe polas autoridades.
  1. A RFGF continúa defendendo que a práctica do fútbol, cumprindo escrupulosamente todos os puntos que figuran no devandito protocolo, é segura, como así o demostran os resultados dos máis de 10.000 test que desde a propia Federación dispensáronse aos clubs de categoría autonómica.
  1. A RFGF ten moi claro que o máis importante é a saúde e seguirá loitando e traballando a carón de todos os clubs para que o fútbol poida regresar canto antes.

Sorteo dos calendarios

A decisión de paralizar o inicio das competicións provoca tamén que se suspenda o sorteo dos calendarios que estaban previstos. O da Preferente Galicia íase sortear este mércores e os das ligas galegas a próxima semana. Todos eles quedan agora en suspenso ata novo aviso.

Categorías nacionais

As competicións nacionais que xa están en marcha non se ven afectadas por estas novas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia, como é o caso da Terceira División, a División de Honra Xuvenil e a Liga Nacional Xuvenil en fútbol, e a Primeira División (masculina e femenina), Segunda División (masculina e femenina), a Segunda División B, Terceira División e a División de Honra Xuvenil no caso do fútbol sala.

No caso destas competicións, os deportistas estarán suxeitos ás mesmas restricións de peche perimetral e toque de queda que a actividade laboral, é dicir, poden saltarllo para adestrar ou disputar partidos, iso si, teñen que finalizar a súa actividade respectando o horario do toque de queda.

 

-Foto : piratasdemuxia

-Texto : RFGF