COMUNICADO RFGF
A Xunta de Galicia informou este martes 19 de xaneiro da decisión de suspender as competicións do deporte federado de ámbito autonómico, quedando excluídas as de ámbito estatal. Unha decisión que foi detallada pola Secretaría Xeral para o Deporte nunha xuntanza de urxencia celebrada esta mesma tarde con todas as Federacións Deportivas Galegas. A partir das 00.00 horas do xoves as competicións federadas de nivel autonómico quedan suspendidas, mentres que os adestramentos só estarán permitidos a nivel individual ou cun máximo de catro persoas. En todos os casos, estes deberán adaptarse ao peche perimetral de cada localidade e ao toque de queda ás 22 horas.
Esta suspensión obriga á Real Federación Galega de Fútbol a redefinir a súa folla de ruta paralizando ata novo aviso todas as competicións autonómicas de fútbol e fútbol sala que foran activadas unha vez aprobado o protocolo pola Xunta de Galicia o 14 de decembro: Preferente, Primeira Galega Feminina, Liga Galega Xuvenil, Liga Galega Cadete e Liga Galega Infantil e División de Honra Cadete en fútbol, e Preferente Feminina e Liga Galega Xuvenil, Liga Galega Cadete, Liga Galega Infantil e Liga Galega Alevín en fútbol sala.
Dada esta situación, a RFGF quere manifestar o seguinte:
Sorteo dos calendarios
A decisión de paralizar o inicio das competicións provoca tamén que se suspenda o sorteo dos calendarios que estaban previstos. O da Preferente Galicia íase sortear este mércores e os das ligas galegas a próxima semana. Todos eles quedan agora en suspenso ata novo aviso.
Categorías nacionais
As competicións nacionais que xa están en marcha non se ven afectadas por estas novas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia, como é o caso da Terceira División, a División de Honra Xuvenil e a Liga Nacional Xuvenil en fútbol, e a Primeira División (masculina e femenina), Segunda División (masculina e femenina), a Segunda División B, Terceira División e a División de Honra Xuvenil no caso do fútbol sala.
No caso destas competicións, os deportistas estarán suxeitos ás mesmas restricións de peche perimetral e toque de queda que a actividade laboral, é dicir, poden saltarllo para adestrar ou disputar partidos, iso si, teñen que finalizar a súa actividade respectando o horario do toque de queda.
-Foto : piratasdemuxia
-Texto : RFGF
Teléfono
+34 626 72 00 47
Email
admin@piratasdemuxia.es
Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.
ACEPTAR