Onte comezou a Fase II da Ampliación de Capital Social do Real Club Deportivo de La Coruña, SAD.
A Ampliación de Capital está dirixida, nas súas dúas primeiras fases, aos actuais accionistas do Real Club Deportivo de La Coruña, SAD, que teñen deste xeito garantido o exercicio do seu dereito de subscrición preferente. Nesta Fase II só poderán participar aqueles accionistas que participaron na Fase I (entre o 1 de agosto e o 4 de setembro) comprando, polo menos, unha acción.
Após ser aprobada na Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas do pasado martes 28 e comezar o sábado 1 de agosto, a Ampliación de Capital mediante achega dineraria pode alcanzar un importe máximo de 35.000.016,30€. O importe máximo a subscribir nesta Fase II é a contía resultante da diferenza entre esa cantidade e o importe de capital social efectivamente subscrito polos Accionistas do Club en exercicio do dereito de subscrición preferente na Fase I pechada esta medianoite.
Para comprar as accións, o Real Club Deportivo, habilitou tres vías:
– Online: a través da páxina: www.rcdeportivo.es/tempodeaccion, onde o accionista, calquera día e a calquera hora poderá completar a xestión da compra de accións.
– Presencialmente: na Oficina de Atención ao Deportivista do Estadio ABANCA-RIAZOR (avenida de La Habana s/n) en horario de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00 h.
– Mediante transferencia bancaria: á conta ES25 2080 0012 3030 4005 2532, remitindo por correo electrónico a accionistas@rcdeportivo.es a copia do DNI e o xustificante da transferencia.
Nota: Os Deportivistas que na campaña de compensación de Abonos do Dépor 19-20 escolleron a Opción 3 (Moedeiro Dépor Ampliación de Capital) deberán facer efectiva a súa compra coa devolución acumulada na Oficina de Atención ao Deportivista na Fase da Ampliación que lle corresponda.
A Fase III, destinada a terceiros non accionistas, desenvolverase desde o día 20 de setembro até o día 4 de outubro, ambos inclusive e será de carácter totalmente aberto, exclusivamente para quen non sexan accionistas do Club e en virtude da cal calquera terceiro non accionista poderá converterse en accionista da Entidade. En calquera caso, existirán os seguintes límites de subscrición por parte dos terceiros non accionistas:
• Un límite mínimo de investimento por persoa física ou xurídica de dúas (2) novas accións, isto é de 120,20€.
• Un límite máximo de investimento por persoa física ou xurídica de 4.500 novas accións, isto é, a cantidade de 270.450€
Toda a información sobre a Ampliación de Capital do Real Club Deportivo está dispoñible en www.rcdeportivo.es/tempodeaccion e as consultas poden realizarse a través do correo accionistas@rcdeportivo.es ou no 981 259 500 en horario de apertura da OAD, tamén dispoñible para atender a todos os accionistas do Dépor.
-Foto e Texto : RC Deportivo