O CF Muxía Feminino continúa dando forma ao seu proxecto para afrontar a histórica tempada 2026/27 na Primeira Galega Feminina (Grupo 1). Despois do anuncio da incorporación da nova adestradora, Ana Rodríguez, o conxunto muxián confirmou agora a chegada da defensa Claudia González, que se converte na segunda fichaxe do verán.
Natural de Mazaricos e nacida no ano 2004, Claudia chega procedente do Orillamar SD, onde continuou a súa formación futbolística. Trátase dunha xogadora nova que reforzará a parcela defensiva do equipo, aportando xuventude, compromiso e marxe de crecemento de cara a unha campaña que se presenta moi esixente.
Desde o club deron a benvida á futbolista cunha mensaxe nas súas redes sociais:
“Dámoslle a benvida a Claudia González (Mazaricos, 2004), que se incorpora ao noso equipo para reforzar a parcela defensiva. Procedente do Orillamar SD, Claudia aporta xuventude, compromiso e moitas ganas de seguir medrando sobre o terreo de xogo. Desexámosche moita sorte nesta nova etapa e estamos seguros de que xuntos viviremos grandes momentos. Benvida á túa nova casa, Claudia!”
A incorporación da xogadora chega nun momento especialmente ilusionante para a entidade muxiá, que vivirá a súa cuarta tempada de existencia tras asinar un curso para a historia. O equipo feminino conseguiu o ascenso á Primeira Galega logo de proclamarse campión da Segunda Galega, un éxito que se suma a en tan só eses 3 anos o ascenso a Segunda e o subcampionato da Copa da Costa feminina de fai un par de tempadas.
Tres logros que consolidan o excelente momento deportivo dun club, que non deixa de medrar tanto dentro como fóra dos terreos de xogo.
A dirección deportiva continúa así configurando un cadro de xogadoras competitivo para afrontar con garantías o salto de categoría. A chegada de Claudia González reforza unha defensa que será unha das claves para competir nunha liga de maior nivel, mentres o club segue traballando nas renovacións e en novas incorporacións que permitan manter a ilusión dunha afección que vive un dos momentos máis doces da súa curta historia.
–
AVISO IMPORTANTE
“Nesta época estival tan só iremos poñendo os torneos, renovacións, fichaxes, amistosos, etc, que os orgañizadors, clubes, afeccionados, socios, etc…nos envíen, tal e como xa vimos facendo nos derradeiros anos, para evitar o de que se poñemos uns e outros non.
Podedes mandarnos a información, fotos, vídeos, etc, o noso Whatsapp : 626 72 00 47 ou polas canles que temos na parte de abaxio da web en calquer noticia ou na portada”.
–
-Foto e información : Prensa CF Muxía
-Texto : Xosé Búa “Pirata