Chouri fala claro: “Traballo, compromiso e equipo por riba de todo”.

 

Zakaria Eddahchouri, para nós “Chouri”, compareceu este martes en rolda de prensa cun discurso sereno, moi medido e cunha idea repetida de principio a fin: o colectivo está por riba de calquera logro individual. A curiosidade da comparecencia estivo no formato, xa que o dianteiro contou con tradutora para formular as preguntas, mais decidiu responder sempre en castelán, amosando seguridade e comodidade á hora de expresarse.

O atacante restou protagonismo ao seu regreso ao gol e puxo o foco no traballo diario do equipo. Para el, marcar é importante, pero non determinante se non vai acompañado do cumprimento do plan de partido. Insistiu en que o fútbol actual esixe moito máis aos dianteiros e que o labor defensivo é xa unha responsabilidade compartida, tamén para os homes de ataque.

Chouri deixou claro que as rotacións na dianteira non lle supoñen ningún problema. Asumiu con naturalidade o rol que lle toque en cada partido e lembrou que a decisión final sempre corresponde ao adestrador. A súa prioridade, segundo explicou, é render cada día nos adestramentos e estar preparado cando lle toque xogar, sexa con quen sexa no once.

Outro dos temas tratados foi o Ramadán. O futbolista asegurou sentirse perfectamente preparado, apoiándose na experiencia acumulada desde moi novo e nunha planificación coidada da alimentación e da hidratación durante a noite. Destacou tamén o apoio constante do corpo médico e dos especialistas do club, fundamentais para manter o rendemento durante este período.

No plano colectivo, Chouri describiu o momento do equipo como un proceso de crecemento continuo. Recoñeceu a dureza da competición e incidiu en que cada partido debe afrontarse como unha final, con preparación semanal e máxima concentración para lograr bos resultados.

O dianteiro tamén subliñou o bo ambiente no vestiario, cun grupo unido e nun momento anímico positivo, algo que considera clave para manter a liña de traballo actual.

Pensando xa no próximo compromiso, advertiu das dificultades do rival, un equipo novo, dinámico e competitivo. Aínda así, mostrou confianza na preparación do equipo e na súa capacidade para competir e loitar polos tres puntos.

Un discurso sen estridencias, directo e coherente, no que Chouri deixou claro que a súa folla de ruta pasa polo esforzo, a constancia e o compromiso co escudo, fale quen fale e xogue quen xogue.