O pavillón municipal de Cee vivirá unha intensa fin de semana de fútbol sala coa celebración de tres competicións que reunirán a equipos de toda a Costa da Morte, tanto en categorías de base como sénior. O sábado 16 e o domingo 17 de maio de 2026, a vila ceense converterase nun dos grandes epicentros deportivos da comarca grazas á organización das fases finais comarcais benxamín e alevín, así como da Copa Sénior de Cee.
A programación arrancará o sábado coa disputa da fase comarcal “play off” de fútbol sala base, organizada dentro do programa Xogade. O torneo reunirá aos 4 mellores conxuntos da Ligas de Futsal de Base “Costa da Morte” das categorías benxamín e alevín nunha xornada que de seguro, estará chea de emoción e ambiente nas bancadas.
Na categoría benxamín, as semifinais comezarán ás 14:00 horas co duelo entre o F.S.F. Villa de Cee e o E.M.F. Camariñas, mentres que ás 15:00 horas medirán forzas a E.F. Fisterra e o C.P.R. Manuela Rial. A gran final disputarase ás 18:00 horas.
Xa na categoría alevín, o C.P.R. Manuela Rial enfrontarase á E.F. Fisterra ás 16:00 horas, mentres que o E.D.M. Ponteceso xogará contra o F.S.F. Villa de Cee ás 17:00 horas. A final está prevista para as 19:00 horas. A entrega de trofeos realizarase ao remate de cada final. Os campións de cada categoría terán praza na Intercomarcal.
Pero o fútbol sala non rematará aí. O mesmo sábado pola noite arrancará tamén a Copa da Liga Sénior de Cee, organizada polo F.S.F. Villa de Cee, cun cartel que reúne aos máis destacados equipos da Liga de Futsal de Cee, con equipos ceense así coma da bisbarra e arredores.
Os cuartos de final abriranse ás 21:00 horas co encontro entre La Fontana de Fisterra e Panadería Pichín de Brens. Ás 22:00 horas será a quenda do choque entre Nueva María Teresa de Sardiñeiro e Batifondo de Corcubión. Xa de madrugada disputaranse os outros dous cruces: Altamira F.S. de Corcubión contra Buen Camino, ás 00:00 horas, e Wash & Relax F.S. fronte ao Atlético Raíces de Cee, á 01:00 horas.
As semifinais xogaranse tamén durante a madrugada do sábado ao domingo, ás 01:00 e 02:00 horas, mentres que a gran final queda reservada para o domingo 17 ás 21:00 horas no pavillón municipal ceense.
O evento conta coa colaboración do Concello de Cee e do Servizo Municipal de Deportes, ademais do apoio de numerosas empresas da comarca, nunha cita que promete reunir a centos de afeccionados ao fútbol sala ao longo de toda a fin de semana.
–
-Información e cadros : Javi Marroko
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”

