CRÓNICA, RESUMO E MANIFESTACIÓNS DO DEPOR 2-1 CEUTA : “3 SUFRIDOS PUNTOS QUE TAMÉN VALEN”.

 

Depor 2-1 Ceuta
O Deportivo afrontou esta temporada o seu primeiro encontro programado para a franxa do domingo ás 14:00, e fixoo con bo resultado: triunfo por 2-1 fronte ao AD Ceuta FC nun duelo que, como advertiu Antonio Hidalgo, “non ía ser doado” nunha categoría “na que ninguén regala nada”.

O choque era apenas a segunda visita do cadro ceutí a a Riazor en competición ligueira. O precedente databa da campaña 2022-23, cando un gol de Quiles decidiu a favor dos coruñeses.

Cos tres puntos sumados, o Dépor sobe ata os 29 e recupera o liderado, igualado coa UD Las Palmas. O UD Almería queda a un de distancia, pendente de completar a segunda metade do duelo ante o propio Ceuta no que marchaba 1-1.

O equipo branquiazul chegou ao partido moi condicionado polas baixas: Ximo Navarro, Escudero e Daniel Bachmann seguían fóra por lesión, e Chouri caeu pouco antes de comezar por un proceso vírico, polo que Mulattieri ocupou o seu posto. Ademais, no último intre houbo un novo contratempo: Arnau Comas, previsto inicialmente como titular, tamén presentou síntomas febrís. Dani Barcia entrou no seu lugar.

Na lista entraron Samu, Bil e Quique Teijo, representantes de da nosa canteira.

O Ceuta, con dous vellos coñecidos de Riazor como Zalazar e Rubén Díez, comezou máis fresco, buscando a área de Germán con transicións rápidas polos dous costados. Konrad tivo a primeira clara aos once minutos, nun disparo que o porteiro deportivista neutralizou en dous tempos.

A igualdade dominou a primeira media hora e, cando o partido aínda non ofrecera ocasións claras, chegou a lesión de Lucas Noubi, que caeu mal sobre o ombreiro. Tras ser atendido, tivo que abandonar o terreo de xogo, entrando Comas e movendo Hidalgo as pezas para recolocar a Loureiro na dereita.

A mellor opción do Dépor antes do descanso chegou nun cabezazo de Mulattieri tras un centro medido de Yeremay, pero Vallejo sacou unha man salvadora. Só uns minutos despois chegou o 1-0: Yeremay botou un córner ao primeiro pau e o seu centro envenenado acabou entrando tras tocar en Carlos Hernández.

O conxunto coruñés puido ampliar a distancia antes do intermedio nunha transición na que Soriano encarou só o porteiro, pero Vallejo gañou o duelo. O rexeite rematou en Luismi, que estrelou o balón no largueiro, e a continuación nin Yeremay nin Mulattieri acertaron a empuxar o balón sobre a liña.

O descanso chegou co 1-0.

Tras o paso polos vestiarios, o Dépor axustou posicións e gañou claridade. Villares obrigou de novo a intervenir a Vallejo e Jose Ángel probou dende fóra da área nun disparo que lameteu o traveseiro. A continuación Hidalgo deu entrada a Stoichkov e Mella por Mulattieri e Luismi Cruz, este último con molestias nos isquiotibiais.

Foi precisamente Stoichkov quen asinou o 2-0 no minuto 63, definindo con sutileza tras un gran envío en profundidade de Barcia. A sensación era de partido controlado, pero o Ceuta reaccionou axiña.

Marcos avisou cun remate ás mans de Germán, e pouco despois obrigou de novo ao gardameta a unha intervención complicada. A presión visitante foi medrando, e no 76 chegou o 2-1: Anuar gañou liña de fondo e serviu un pase franco ao segundo pau que Marcos empurrou sen oposición.

A recta final converteuse nun exercicio de sufrimento. Vallejo abortou o terceiro nun man a man con Yeremay no 86, e xa no engadido Diego González rozou o empate nun cabezazo que marchou por centímetros.

Finalmente, o Dépor aguantou e certificou unha vitoria valiosa que lle devolve o liderato e mantén a boa dinámica en Riazor.

Depor : Germán; Noubi (Arnau Comas, 33’), Loureiro, Barcia, Quagliata; Villares, Jose Ángel (Patiño, 80’); Luismi Cruz (Mella, 59’), Mario Soriano (Cristian Herrera, 80’), Yeremay; Mulattieri (Stoichkov, 59’).

Árbitro: Gorka Etayo (comité vasco). Amoestou a Lucas Noubi (28’), Cristian Herrera (89’) e Villares (90’), ademais do segundo adestrador Ignasi Salafranca (13’). Obviou un penalti sobre Mulattieri na primeira metade cun claro derribo.

Goles: 1-0 Yeremay (40’); 2-0 Stoichkov (63’); 2-1 Marcos (76’).

Incidencias: encontro correspondentes á 15ª xornada de LaLiga Hypermotion, con 20.315 espectadores en Riazor. Gardouse un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista.

MANIFESTACIÓNS