CARTA DOS CLUBES DA COSTA A RAFAEL LOUZÁN PRESIDENTE DA RFGF E A JULIO GARCÍA CONSELLEIRO DE SANIDADE DA XUNTA DE GALICIA.

 

Os ……… clubes abaixo firmantes representamos o ………% dos clubes de 1ª, 2ª e 3ª rexional da Subdelegación de A Costa e, aínda que, de seguro esta porcentaxe se pode extrapolar a calquera das subdelegacións da FGF, por medio do presente escrito, queremos facerlle chegar a nosa posición respecto á proposta da FGF de comezar as ligas rexionais o vindeiro 1 de novembro, permitir adestramentos con contacto dende outubro e sobre a viabilidade dun posible protocolo de actuación debido á COVID-19.

1.- Co actual estado da pandemia (máis de 4.000 infectados en Galicia, levamos case un mes practicamente con algunha morte diaria, seguen incrementándose as persoas ingresadas nas UCI e os hospitalizados, etc) e sen tan sequera ter rematado o verán, consideramos unha irresponsabilidade comezar as ligas de fútbol rexional (non profesional) en novembro, e adestramentos con contacto en outubro, sen saber como se vai a comportar o virus na época de frío coincidindo con outras enfermidades como a gripe, por exemplo.

Esa consellería non autorizou o deporte de contacto no mes de xuño, cando apenas había contaxios e tiñamos todo o verán por diante. Que sentido ten autorizar o deporte de contacto nas portas do inverno cando nos atopamos nun situación epidemiolóxica moitísimo peor.

2.- Somos clubes de fútbol afeccionado, non somos profesionais, e polo tanto non supoñemos unha actividade económica. Ningún dos xogadores das ligas rexionais dependen economicamente do fútbol. Todo o contrario, o fútbol é unha afición, un hobbie, estes xogadores dependen de outros traballos (en empresas que son necesarias para a recuperación económica) ou son estudantes. Na maior parte dos supostos, o fútbol supón máis gastos e sacrificios que ingresos ou beneficios.

Polo tanto cremos que non ten sentido comezar unhas ligas que non aportan economicamente nada mentres no país temos unha serie de actividades económicas con bastantes restricións e outras, coma o ocio nocturno, verbenas, etc continúan pechados.

3.- Os clubes consideramos inasumible tanto por parte dos directivos coma dos xogadores asumir o risco de contaxiar a terceiras persoas. Moitos deles conviven cos avós, pais, persoas de risco, etc. Cre vostede necesario que estas persoas se expoñan ao contaxio por imperativo da FGF?

Dende as directivas dos clubes non queremos vivir co cargo de conciencia de que algún dos nosos xogadores poida perder a súa propia vida ou a un ser querido por xogar nunha liga rexional, ou poida perder o seu posto de traballo por verse sometido a unha ou varias corentenas durante a tempada de fútbol.

4.- No protocolo vanse a incluír unha serie de condicionantes e requisitos no uso dos vestiarios. Tal e como están a maioría das instalacións deportivas, os clubes nos veríamos na obriga de non poder utilizar os vestiarios, pola imposibilidade de cumprir a distancia de seguridade entre os xogadores mentres se cambian ou mentres os adestradores dan as indicacións.

Isto conleva a que, en pleno inverno, con choiva, con temperaturas baixas, os xogadores teñan que ir de volta nos coches para a casa sen ducharse nin cambiarse, con desprazamentos de preto dunha hora. Con esta medida o único que estamos é pondo en risco a saúde dos nosos xogadores, posto que o feito de non poder ducharse no campo despois dunha actividade física intensa vai favorecer que haxa máis casos de resfriados, febres e gripes. En consecuencia, máis síntomas compatibles coa COVID-19, polo tanto máis corentenas e máis PCRs, cun sobrecuste económico e social innecesario.

5.- O protocolo que se estableza vai esixir uns sobrecostes que son inasumibles por estes clubes modestos, que ven mermados os seus ingresos pola actual crise económica (menos empresas e polo tanto menos patrocinadores) e porque non poden realizar outras actividades coma a venta de entradas, cantina, colaboración en festas, verbenas… que lles reportaban a maior parte do orzamento.

6.- Non ten sentido o fútbol rexional a porta pechada ou con aforos limitados. Segundo o protocolo tódolos aficionados que asistan ao campo teñen que estar sentados e con distanciamento de 1,5 metros. Non sei se vostede coñece os campos destas categorías e as dimensións das gradas (cando as hai) pero, nun día de choiva, a cuberto, a penas collerían 10 persoas. En realidade cre vostede que todo isto é necesario?

7.- A FGF non pode descargar a responsabilidade dun posible brote nun encontro de fútbol rexional na figura do chamado ‘’responsable de protocolo e hixiene’’ que será o responsable último de que se cumpran os protocolos, distanciamento, aforo, uso de máscaras, desinfección, etc. Como ben dixemos antes, estes clubes son totalmente sen ánimo de lucro e, por tanto, consideramos que non é de recibo que toda esa gran responsabilidade recaia sobre ningún membro do clube, se non que tiña que recaer na propia FGF que é a que nos OBRIGA a xogar baixo ameaza de descenso de categoría.

8.- Non pode ser, que nos pretendan cargar os costes dos test serolóxicos para tódolos xogadores, adestradores e delegado, porque a FGF non está disposta a asumir este custe, e a sanidade pública non pode nin debe facelo. Nos ofreceron a posibilidade da realización dun test rápido ao inicio da competición e a partir dese momento todos os contactos estreitos sen máscara, durante os adestramentos e partidos, non van ter ningún tipo de control sanitario salvo que aparezan síntomas compatibles coa COVID-19. Se no protocolo se obriga á realización dos test, a 60€ o test, supón uns 2.000€ para cada clube cada vez que se repitan as probas. Isto é inviable economicamente.

9.- Non é posible que a consellería de sanidade mire para outro lado, e permita que todas as semanas, en cada partido de fútbol, se xunten 22 persoas como mínimo, que non son da mesma unidade de convivencia para realizar un deporte de contacto ao aire libre e baixo as inclemencias meteorolóxicas. Estas persoas, como dixemos antes, non van a ter ningún control sanitario salvo que teñan síntomas, o que significa que todo o traballo que se está a facer dende a Consellería de Sanidade para aflorar os casos asintomáticos, se ve condicionado polo interese da FGF de activar as competicións de fútbol a calquera custe.

10.- Recoméndase o uso de máscaras, pero neste deporte é imposible xogar con elas, porque se ve reducida a capacidade respiratoria, móllanse polo suor ou a choiva, e como se trata dun deporte de contacto en calquera momento pode ser desprazada, arrincada… E xogar sen elas é romper con todas as recomendacións sanitarias que existen en calquera outro eido neste nova normalidade que nos toca vivir.

Por todo o anteriormente exposto, rogamos que se aplique o sentido común, se lle dea prioridade á saúde da xente, á economía e que os centros educativos se poidan desenrolar con normalidade.

Non tiremos co traballo e sacrificio feito dende o 14 de marzo, teñamos un pouco de consideración co persoal sanitario que segue ao pé do canón combatendo o virus mentres que outros pensan en xogar ao fútbol.

O FÚTBOL REXIONAL PODE AGARDAR UN ANO MÁIS, A SAÚDE NON

-Texto : Clubes da Costa

-Foto : piratasdemuxia


Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies