Carmen Llaría conquista o bronce no Campionato de España e confirma o gran momento do CDM Piragüismo Dumbría.

O CDM Piragüismo Dumbría continúa levando o nome da Costa da Morte aos principais escenarios do piragüismo estatal e internacional. O club dumbriés, auténtico estandarte deste deporte na comarca, puxo o broche á tempada nacional de augas bravas cunha destacada participación no Campionato de España de Novas Promesas de Slalom, disputado esta pasada fin de semana en Ponts (Lleida), onde Carmen Llaría Traba conseguiu unha brillante medalla de bronce.

A competición, celebrada nas augas do río Segre, estivo marcada polas altas temperaturas e por un dos percorridos máis técnicos e esixentes do calendario estatal, obrigando aos mozos deportistas a ofrecer a súa mellor versión.

Carmen Llaría durante a proba.

A gran protagonista da expedición dumbriesa foi Carmen Llaría Traba, que se subiu ao terceiro chanzo do podio na categoría C1 Infantil Feminino, un resultado de enorme mérito ao tratarse do seu primeiro ano nesta categoría. A deportista confirma así a progresión que vén demostrando ao longo de toda a campaña, situándose xa entre as mellores especialistas do país.

A nota negativa chegou coa ausencia de Clara Mancebo Landeira, unha das grandes aspirantes ás medallas. A palista viaxou con toda a expedición ata Lleida, pero unha lesión no ombreiro, sufrida durante un adestramento coa Selección Galega poucos días antes do campionato, impediulle tomar a saída. A súa baixa privou ao club dunha das súas principais opcións de podio, despois da magnífica tempada que asinara na Copa de España.

Yeray Omar nun treito complicado.

Na competición masculina tamén deixaron unha boa imaxe José María Ferrer Cardona, Yerai Omar Guene Gómez e Iván Llaría Traba, un trio que deu guerra ata o final.

Iván Llaría en plena acción en Pons.

Os rapaces completaron un campionato serio, adquirindo experiencia nunha cita do máximo nivel nacional e contribuíndo ademais con importantes puntos para o club.

Saida do Slalom Cross.

Bo papel tamén no Slalom Cross

A fin de semana completouse o domingo coa disputa do Campionato de España de Slalom Cross, disciplina olímpica que continúa gañando peso dentro do panorama internacional.

Unha vez máis, Carmen Llaría volveu destacar, superando dúas eliminatorias consecutivas ata clasificarse para as semifinais. Quedou ás portas da loita polas medallas, pero pechou unha actuación sobresaliente que confirma o seu enorme potencial.

José Mª Ferrer en plena acción na proba.

Pola súa banda, José María Ferrer e Yerai Guene tamén lograron acceder ás eliminatorias finais, aínda que quedaron eliminados nos seus primeiros enfrontamentos directos.

Unha canteira que non deixa de medrar

Con este Campionato de España péchase a tempada nacional de Novas Promesas, na que o CDM Piragüismo Dumbría volveu demostrar que segue sendo unha das grandes referencias do slalom galego e español.

O bronce nacional de Carmen Llaría únese ao excelente oitavo posto por clubs conseguido recentemente na Copa de España de Sort e ás boas prestacións do resto da expedición, confirmando o magnífico traballo de formación que a entidade vén realizando desde hai anos co respaldo do Concello de Dumbría.

Uns resultados que permiten afrontar con enorme optimismo o futuro dun club que continúa formando deportistas capaces de competir con éxito nos ámbitos galego, estatal e tamén internacional, levando con orgullo o nome de Dumbría e da Costa da Morte por todas as canles.

-Información e fotos : Prensa CDM Piragüismo Dumbría

-Texto : Xosé Búa “Pirata”