Carlos de Dido tivo no Camelle-Muxía “B” a despedida soñada tras 16 tempadas no equipo do seu corazón.

Carlos de Dido unha despedida soñada

Hai futbolistas que deixan títulos, outros deixan goles. E despois están os que deixan pegada. Dos que un día marchan e todo un campo sabe que non se vai despedir só dun xogador, senón que dun familiar, dun amigo, dunha maneira de entender o fútbol. Iso foi o que pasou no Rodeiro coa retirada de Carlos Tajes Mas, (Camelle-07/07/1986), máis coñecido co alias familiar de “Carlos de Dido”.

O capitán do SD Camelle puxo punto final á súa traxectoria da mellor maneira posible, diante da súa xente, cunha goleada por 7-3 sobre o CF Muxía B e, por se faltaba algo, marcando catro goles, (marcou 13 nesta tempada), nunha tarde desas que quedan gardadas para sempre na memoria do fútbol costeiro.

Pero seguramente os goles foron o de menos. Porque o realmente importante foi todo o que se viviu arredor deles. Cada balón tocado por Carlos era celebrado, cada carreira aplaudida e cada acción acompañada por unha bancada entregada a un dos seus. O Rodeiro converteuse durante noventa minutos nunha homenaxe continua a un xogador que leva media vida embarrándose polo escudo do seu pobo.

E precisamente aí está a clave. Porque cando fala do que significa xogar no Camelle, Carlos non fala de categorías nin de resultados. Fala de pertenza. Do cariño da xente. Do recoñecemento ao esforzo de quen pasa a dureza climática da Costa da Morte a hora de xogar, e domingos enteiros defendendo unhas cores sen pedir nada a cambio.

Para el, o Fútbol da Costa é un sentimento. Un lugar onde gañes ou perdas, a xente valora que o deas todo. Onde despois de tantos anos aínda che saúdan nos campos rivais e te respectan polo vivido. Un fútbol no que os nomes importan menos que as historias.

E a súa é unha das grandes historias recentes do fútbol costeiro.

Porque Carlos de Dido nas 16 tempadas no Camelle, tras xogar na base do veciño Camariña, foi evolucionando co paso dos anos igual que o fan eses veteranos que coñecen cada recuncho do campo. Ocupou tódas posicións posibles nun campo. Comezou atrás, como defensa, acabou converténdose nun dianteiro incómodo, deses que viven do choque, da loita e do xogo aéreo, e con gol. Case por necesidade, foi adaptándose ao que precisaba o equipo. Medio cando facía falta meter peito e pé. Dianteiro cando faltaban goles. Porteiro cando había unha emerxencia. O comodín definitivo do Camelle.

Nese espírito de sacrificio é onde seguramente máis se recoñece a súa figura. Porque Carlos, (querido por todos os que sinten o Camelle e o fútbol de antes), representa esa xeración de xogadores que nunca preguntan onde lles toca xogar. Simplemente poñen a camiseta e saen ao campo caia o que caia.

Dido primeiro pola dereita arriba coa plantida do último ascenso.

Dous intres felices no equipo do seu corazón foron dous ascensos á Liga da Costa, especialmente aquel segundo, (choraba de emoción como un neno, rodeado de nenos), construído desde o traballo e a unión dun grupo que sen ser o máis talentoso acabou sendo o que máis ánimos daba nos intres difíciles. Un equipo feito a base de entrenos, compromiso e compañeirismo. Moi ao estilo do que sempre foi o Camelle, “unha familia”.

Agora chega o tempo de descansar, (nós non o creemos). De volver ter domingos libres. De estar coa sua xente. Pero como bo camellán será difícil desligarse do todo. Porque hai futbolistas que, mesmo cando colgan as botas, seguen pertencendo para sempre ao seu club.

E de maneira indiscutible iso foi o que realmente coreou o Rodeiro durante toda a tarde do pasado sábado 16 de maio do 2026, non os catro goles que marcou.

Senón o privilexio de ter visto xogar durante tantos anos a un dos seus. O Camelle no post-encontro ante o Muxía “B”, nun choque no que había moitos amigos e excompañeiros en ambos equipos, fixo unha churrascada e sesión con Dj, da que disfrutaron tanto os xogadores da plantilla camellana, como os que quixeron quedar do Muxía, como os socios e afeccionados, cun gran protagonista…Carlos de Dido : “O Gran Capitán”.

Valga esto como a nosa homenaxe a un mítico da costa e a un amigo.