Bronce para a muxiana de Merexo, Lucía Pazos e quinto posto para a coristanquesa Aroa Blanco, neste inicio de tempada.
O pasado sábado en Ourense, na Copa de España A, o xudo da Costa da Morte tivo motivos para sorrir. As dúas representantes do Club Bergantiños, Lucía Pazos e Aroa Blanco, deixaron claro que chegan á nova tempada con ambición e boas sensacións.
A noticia máis esperada foi o regreso á competición da muxiana Lucía Pazos, que levaba afastada dos tatamis desde o pasado 29 de marzo, cando sufriu unha lesión de xeonllo no Campionato de España. A súa volta xeraba inquedanza, sobre todo polo comportamento do xeonllo despois de tantos meses de recuperación, pero a de Merexo disipou todas as dúbidas: non só competiu, senón que o fixo a gran nivel, acadando un meritorio bronce. Ademais, fíxoo estreando categoría, pois deixou atrás os –57 kg para dar o salto aos –63 kg, onde demostrou adaptación e confianza.
A súa compañeira de equipo, Aroa Blanco, tamén asinou unha excelente actuación. En –63 kg, rubricou un moi traballado quinto posto, quedándose ás portas do podio pero confirmando que está preparada para loitar cos mellores nomes do panorama estatal.
Este dobre resultado confirma que as judokas do Bergantiños arrincan a tempada con forza e ilusión, deixando atrás lesións e mostrando progresión nun peso moi esixente. O bronce de Lucía e o quinto posto de Aroa son só o inicio dunha campaña que promete moito para o club e para o xudo da comarca.
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Foto : Pedro Pazos
