BREVES DO RC DEPORTIVO : PASAMENTO DE CARLOS TORRES…O DEPOR FEMININO ANTE O SEVILLA EN RIAZOR…

Carlos Torres nos seus tempos de adestrador deportivista.

 

Carlos Torres Barallobre, xogador e adestrador tanto do Fabril como do Deportivo nos anos 50, 60 e 70, faleceu hoxe na Coruña aos 86 anos de idade.

Nacido o 17 de xaneiro de 1934 na Coruña, Carlos Torres levaba o deportivismo nas veas, pois o seu pai era Pepe Torres, histórico xogador do Deportivo (1928-1934) que tamén foi adestrador (1933-1936) e directivo (1945-1952) branquiazul e presidente do Fabril (1954-1956).

Carlos Torres comezou a xogar ao fútbol no Cantábrico, un equipo infantil da praza de Santa Catalina. Posteriormente militou no Alameda e na SD Sin Querer, de onde foi fichado polo CD Juvenil, filial deportivista, en 1950, antes de pasar ao Fabril, tamén asociado ao Deportivo, ao curso seguinte.

Despois de pasar por Vigo, Málaga, Barcelona, (Español), e Sarria, volveu a Coruña a piques de cumprir os 30 anos, para reforzar ao Deportivo de cara ao seu regreso a Primeira na Temporada 1964-65. Naquel curso, o seu único como xogador do primeiro cadro branquiazul, Carlos Torres xogou 10 partidos (8 de Liga e 2 de Copa) nos que non converteu ningún gol.

Como adestrador, Carlos Torres dirixiu ao Galicia de Caracas, á selección galega xuvenil e á SD Compostela, antes de converterse en peza importante do fútbol formativo do Deportivo. Na canteira branquiazul dirixiu primeiro aos Xuvenís e logo ao Fabril, do que tamén foi segundo adestrador, durante un breve período de tempo (9 partidos), ao comezo da Temporada 1973-1974, antes de asumir a dirección do primeiro equipo, tamén durante un breve espazo (10 encontros) no curso que acabou co descenso a Terceira División.

O velorio de Carlos Torres ten lugar no tanatorio Servisa (sala número 7).

O noso máis sentido pésame, D.E.P.

 

 

O Deportivo Feminino xogará ante o Sevilla FC en Riazor

O Real Club Deportivo fixou xa data, hora e lugar para o partido da 6ª xornada de Primera Iberdrola que lle enfronta en casa ao Sevilla FC. Por primeira vez esta temporada, #asnosas xogarán como locais no Estadio ABANCA-RIAZOR, no que a pasada temporada tan só puideron disputar un partido de Copa da Raiña fronte á Valencia CF.

O debut en #anosacasa está fixado para o domingo 8 de novembro ás 19:00 h. As condicións de acceso ao Estadio quedan pendentes de fixar a próxima semana en función da situación epidemiolóxica e as medidas sanitarias e sociais que determinen as autoridades.

-Foto : RC Deportivo

-Texto : RC Deportivo/piratasdemuxia

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies