BARCELONA 3-4 DEPORTIVO LICEO : GOLPE ENRIBA DA MESA DO LICEO.

 

 

O Deportivo Liceo segue contando os seus partidos por vitorias, pero ás veces son algo máis. Ganarlle ao Barcelona no Palau (3-4) supera a palabra, e a maneira de facelo xa é outro nivel. Ilusión, compromiso e heroicidade para firmar territorio conquistado.

O partido era de élite e o seu ritmo e intensidade fixéronlle honra. Aos tres minutos, o local Pau Bargalló viu cartón azul e permitiu que o Liceo gozara dunha primeira superioridade numérica temporal, e é que a falta directa foito da acción -executada por un destacado Jordi Adroher– foi xenialmente desviada por Sergi Fernández. Non foi a única acción de mérito do meta do Barcelona, que anulou calquer acercamento derivado da superioridade de efectivos dos de Juan Copa. Quen se adiantou foi o equipo culé por obra de João Rodrigues, que firmou o primeiro gol no rexeite dun riguroso penalti.

Tampouco estivo acertado Adroher con outra falta directa, que trouxo un segundo cartón azul para o Barça (esta vez para Hélder Nunes). Si o estivo o Mago a once minutos do descanso, cando fusilou desde lonxe a Sergi cun lanzamento académico. Significou o terceiro partido consecutivo con anotación do veterán e talentoso Adroher, un dos xogadores máis dinámicos do Deportivo Liceo. Os verdes alternaron ataques precipitados con finalizacións perigosas, varias delas ao pao da portería dos de Edu Castro. Foi Pau Bargalló quen replicou esta acción segundos antes do descanso, tras mandar ao longueiro un potente disparo lonxano.

Unha segunda metade de máis ritmo e momentos críticos

Se a primeira metade foi frenética, a segunda non quedou atrás. Roby Di Benedetto viu o azul, pero Carles Grau (imperial durante todo o partido) detivo a falta directa de Pau Bargalló e provocou que o Liceo tivera que afrontar a súa primeira desvantaxe numérica. Salvárona ben os de Juan Copa, igual de intensos que ao inicio, pero que se atoparon cun Barcelona moito máis sólido defensivamente. O equipo catalán foi superior no primeiro tramo da reanudación.

A falta de trece minutos, o Deportivo Liceo viviu un momento crítico. Outra dudosa pena máxima a favor do Barcelona foi detida por dúas veces por Carles Grau, tras ser determinada a repetición do primeiro intento. Foi replicada pouco despois, tras outra excelente parada de Sergi á terceira falta directa de Jordi Adroher.

E apareceu Roberto Di Benedetto. ¿Quen se non? O autor de seis goles contra o Taradell firmou o seu sétimo da tempada e estableceu o 1-2, tras unha xogada individual de gran calidade. Gañouse o perdón de Maxi Oruste, sen marca para unha posible asistencia. O Liceo estaba por diante no marcador en todo un Palau, pero a cousa non rematara aí. César Carballeira transformou ese 1-2 en 1-3 tras outro auténtico misil que Sergi viu na escadra esquerda en cuestión de décimas de segundo. O Liceo era efectivo, de paixón e por momentos heroico. Todo a pesar de encaixar o segundo, obra do culé Hélder, pero Adroher marcou o terceiro dos verdes a 90 segundos do final cunha excelente falta directa. Hélder anotou outro a falta de segundos, pero o Liceo xa firmara a machada.

Tres vitorias de tres para o Liceo, nove puntos de nove e a ilusión polas nubes. A Juan Copa e os seus tocaralles continuar o sono o domingo 18 ás 12:00h, coa visita do Mataró ao Pazo.

FICHA TÉCNICA

FC BARCELONA: Sergi Fernández, Pau Bargalló, Ignacio Alabart, Sergi Panadero, João Rodrigues (cinco inicial), Matías Pascual, Hélder Nunes, Nil Roca, Pablo Álvarez.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Jordi Adroher (cinco inicial), Marc Grau, Roberto Di Benedetto, Maxi Oruste.

GOLES: 1-0 (João Rodrigues, min. 7). 1-1 (Jordi Adroher, min. 13). 1-2 (Di Benedetto, min. 43). 1-3 (César Carballeira, min. 45). 2-3 (Hélder Nunes, min. 46). 2-4 (Adroher, min. 48). 3-4 (Hélder Nunes, min. 49).

ÁRBITROS: Sergi Mayor Oliván e David Cantos Bonales. Sinalaron cartón vermello a Antón Baldomir (corpo técnico do Liceo) e Jordi Roca (corpo técnico do Barcelona). Tamén mostraron cartón azul aos locais Pau Bargalló (3’, 48’) e Hélder Nunes (11’). Por parte do Deportivo Liceo viuna Roberto Di Benedetto (26’).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 3 da OK Liga 20/21. Palau Blaugrana, 100 espectadores.

-Crónica e Foto : Deportivo Liceo