As malas noticias continúan no Deportivo. Pierre-Emerick Aubameyang será operado este xoves en Madrid polo traumatólogo Manuel Leyes, despois de sufrir unha lesión no menisco externo do xeonllo dereito durante o partido ante o Betis. Súmase así o gabonés a Casadó que se lesionaba fai uns días ante o Sevilla e era operado da clavícula convertindo esta nunha “Semana negra” para o noso equipo.
O dianteiro será sometido previsiblemente a unha artroscopia, unha intervención minimamente invasiva que permite reparar o menisco ou retirar a parte danada. A operación adoita durar aproximadamente entre 30 minutos e unha hora, aínda que o tempo pode variar segundo a gravidade da lesión e o procedemento realizado.
Se todo transcorre con normalidade, Aubameyang recibirá a alta hospitalaria o mesmo día e regresará á Coruña para iniciar a recuperación. Nos primeiros días será habitual controlar a dor e a inflamación e recuperar progresivamente a mobilidade do xeonllo.
Posteriormente comezará un proceso de fisioterapia e fortalecemento muscular, antes de introducir a carreira e, máis adiante, exercicios específicos de fútbol. O regreso aos adestramentos será progresivo e dependerá de como responda o xeonllo ás distintas cargas.
Os tempos de recuperación poden variar considerablemente. Se se realiza unha meniscectomía parcial, a volta á actividade deportiva pode ser relativamente rápida, regreso aos adestramentos en aproximadamente 2-4 semanas e á competición en 4-6 semanas, se a evolución é boa. Se se realiza unha reparación do menisco require habitualmente máis tempo para permitir a súa cicatrización. O regreso progresivo aos adestramentos arredor das 6-12 semanas, mentres que a volta á competición pode situarse aproximadamente entre 3 e 4 meses, dependendo da lesión e da súa cicatrización.
Antes de regresar á competición, Aubameyang deberá recuperar completamente a mobilidade, forza e estabilidade do xeonllo e ser capaz de realizar sen molestias accións propias do fútbol, como aceleracións, freadas e cambios de dirección.
Parte médico
O RC Deportivo informou da lesión do xogador gabonés e da intervención do xoves no Centro Olympia de Madrid por parte do doutor Manuel Leyes, traumatólogo e cirurxián ortopédico especializado en lesións deportivas, e sinalou no parte médico que será a evolución do xogador a que determine cando poderá volver aos adestramentos co grupo e, posteriormente, á competición.
O parón sae como mal mellor
Tanto para Auba como para Casadó no medio do malo, o parón axudará a que se perdan menos encontros dado que a liga non volta ata o 10 de outubro polos encontros das seleccións nacionais.
A nosa impresión tras velo entrar tralo encontro no seu Ferrari é que podería ser un problema que xa ven de días atrás, pois non amosaba síntoma ningún de rixidez no xeonllo, (para o que tería que ir con muletas), nen nada que denotase estar lesionado no mesmo, polo que sería posible o da artroscopia…crucemos os dedos.
–
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Foto : RC Deportivo
–
