Fernando Soriano, director deportivo do RC Deportivo, lanzou unha mensaxe de realismo e paciencia durante a presentación do novo central Arnau Comas. O dirixente tras presentar a Arnau e deixalo as expensas das preguntas dos xornalistas, pasou él mesmo a recibir as preguntas e recoñeceu que lle gustaría ter o plantel completo canto antes, pero lembrou que o mercado de verán está cheo de variables que escapan ao control do club.
“Se fora por min, teríamos a plantilla pechada hoxe mesmo. Pero en moitas situacións hai que agardar. Non depende só do Dépor nin do xogador. Ás veces hai que deixar que o tempo faga o seu traballo”, afirmou.
A dirección deportiva traballa con varias opcións enriba da mesa. Non existe un único camiño, especialmente para clubs cun orzamento máis limitado, que deben xestionar diferentes alternativas.
“Houbo xogadores que queriamos e foron a outros equipos. Outros aínda están decidindo, e algúns directamente buscan xogar en Primeira e non se plantexan vir a Segunda. É unha situación con moitos matices”.
A configuración definitiva do cadro tamén dependerá das saídas que poidan producirse, sobre todo na dianteira. O perfil de atacante que busca o adestrador está ben definido.
“Ao míster gústalle un dianteiro con mobilidade, e se non o temos xa no equipo, imos buscalo. A medida que avanza o mercado, as opcións redúcense e o que necesitas vólvese moito máis específico”.
Soriano puxo en valor a pretempada como un período clave na toma de decisións. O comportamento dos xogadores nestas semanas pode facer cambiar os plans iniciais.
“O míster coñece os xogadores, pero necesita velos na pretempada. Ese período ten máis importancia da que moitos pensan. Neste mes e medio tómanse moitas decisións”.
En canto ás baixas, algunhas xa están definidas, pero outras dependerán da evolución do mercado. Unha das posicións que o club pretende reforzar é o centro do campo, sempre condicionado polas saídas.
“Temos algunhas saídas decididas, pero outras dependen de como evolucione o mercado. O normal é que acudamos ao mercado para reforzar o centro do campo”.
O futuro de rapaces como Chacón tamén está sobre a mesa. Soriano deixou claro que todos deben gañarse o posto, independentemente do seu nome ou traxectoria.
“A de Chacón é unha opción moi real para continuar connosco. Todos teñen que gañarse o posto, tamén os que teñen máis prestixio”.
Outro aspecto que destacou Soriano foi a importancia de diferenciar entre traspasos e cesións, xa que estas últimas están limitadas.
“É importante diferenciar entre traspaso e cesión. Traspasos podes facer os que queiras, cesións só tres”.
Neste contexto, a sinerxia co Penafiel, club portugués vinculado ao Dépor, aparece como unha ferramenta estratéxica para o desenvolvemento de xogadores.
“A sinerxia vai ser moi importante. As decisións tomaránse dende Penafiel en colaboración coa nosa dirección. Levabamos meses seguindo a liga portuguesa, agora imos competila de xeito directo. A nivel de progresión de xogadores pode ser importante”.
“De momento, os movementos limítanse a xogadores que xa estaban na rampa de saída, pero todo apunta a que o Penafiel será unha alternativa real para moitos futbolistas con menos protagonismo, así como unha plataforma de crecemento que podería acelerar procesos que en Segunda serían máis longos ou difíciles de garantir”.
-Foto e vídeo : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”