AS SELECCIÓNS GALEGAS SUB 16 E SUB 19 MASCULINAS DE FUTSAL TEÑEN UNHA CITA COA GLORIA ESTA FIN DE SEMANA EN MADRID

As seleccións galegas chegan a Madrid tras unha excelente primeira fase.

As Seleccións Galegas Sub 16 e Sub 19 Masculinas de Fútbol Sala disputarán esta fin de semana no pavillón da Cidade do Fútbol de Las Rozas a Fase Final do Campionato de España.

O porteiro Yerai Espiñeira na Sub 16 e Álex Naranjo na Sub 19 non poderán estar na gran cita por lesión

Isto non para. Despois da brillante clasificación para a Fase Final da Copa das Rexións UEFA da Selección Galega de Afeccionados despois de derrotar ao País Vasco en Las Rozas, outra expedición Irmandiña desembarcará nas próximas horas na capital de España cun único obxectivo: facerse co trono nacional.

As Seleccións Galegas Sub 16 e Sub 19 Masculinas de Fútbol Sala completaron a súa particular fin de semana fantástica en Estremadura no pasado mes de xaneiro e acabaron rubricando a clasificación para a Fase Final do Campionato de España. O pavillón da Cidade Deportiva da RFEF xa agarda aos nosos esta fin de semana, 15 e 16 de febreiro. O pavillón da Cidade do Fútbol de Las Rozas coroará aos novos campións de España.

O elenco Sub 16 que dirixe Pachi Fernández enfrontarase na semifinal a Castela e León. No outro cruzamento mediranse Baleares e Cataluña. Galicia chegará a esta cita coa gloria cunha baixa moi importante, a do porteiro Yerai Espiñeira, lesionado de gravidade.

Na categoría Sub 19, pola súa banda, Galicia xogarase o pase á final ante Madrid, mentres que os outros dous equipos que estarán presentes nesta Fase Final son Andalucía e Valencia. Madrid fixo os deberes na última xornada ante Navarra, Andalucía clasificouse tras derrotar a Murcia na quenda de penaltis e Valencia aproveitou a derrota de Cataluña ante Castela A Mancha. 

O elenco que prepara Roberto Testa tamén chega a Madrid cun contratempo importante de última hora. Álex Naranjo, xogador do Noia FS, non poderá estar na loita polo ouro por outra lesión. No canto de Naranjo entra na convocatoria final Diego Fernández, das Escolas Deportivas Municipais Concello de Guitiriz.

Horarios da Fase Final na categoría SUB 16

XORNADA   DÍA PAVILLÓN   HORA  PARTIDO 
 1ª Semifinal  15  Pavillón Ciudad del Fútbol   10:30   BALEARES – CATALUÑA 
 2ª Semifinal  15  Pavillón Ciudad del Fútbol  12:30  CASTELA E LEÓN – GALICIA 
 Final  16  Pavillón Ciudad del Fútbol  10:30  Gañadores das semifinais

 

 

 

Horarios da Fase Final na categoría SUB 19

XORNADA   DÍA PAVILLÓN  HORA  PARTIDO 
 1ª Semifinal  15  Pavillón Ciudad del Fútbol   16:30   ANDALUCÍA – VALENCIA
 2ª Semifinal  15  Pavillón Ciudad del Fútbol  18:30  MADRID – GALICIA
 Final  16  Pavillón Ciudad del Fútbol  13:00  Gañadores das semifinais

 

Retransmisión en directo

Os partidos desta Fase Final do Campionato de España serán retransmitidos por streaming a través da nosa páxina web ou na canle de Youtube da RFEF.

–Texto e Foto : Óscar Méndez/RFGF

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es