As Redondas convértese esta fin de semana na capital do fútbol base coa XVI edición do Torneo do Cabana SD.

O campo municipal de As Redondas volve vestir as súas mellores galas para acoller un dos eventos máis agardados e prestixiosos do fútbol base da Costa da Morte. O XVI Torneo de Fútbol Base do Cabana SD reúne durante esta fin de semana a centos de rapaces e rapazas, familias e afeccionados nunha cita xa consolidada dentro do calendario futbolístico estival galego.

A competición arrinca hoxe sábado coa participación das categorías Alevín e Cadete, mentres que o domingo será a quenda dos equipos Benxamín e Infantil, nun programa que promete dous días de fútbol, convivencia e moito ambiente nas bancadas de As Redondas.

Desde o Cabana SD destacan a ilusión coa que afrontan unha nova edición do torneo:

“Hoxe, As Redondas énchese de ilusión, fútbol e emoción coa celebración da XVI edición do Torneo de Fútbol Base do Cabana SD. Nesta primeira xornada será a quenda das categorías Alevín e Cadete, que saltarán ao terreo de xogo para demostrar que o futuro do fútbol está máis vivo ca nunca.”

O club tamén fai un chamamento á participación de toda a comarca para vivir unha auténtica festa do deporte:

“Convidamos a toda a afección, familias e amigos a achegarse a As Redondas para animar, compartir e disfrutar dunha auténtica festa do deporte, onde o compañeirismo, o respecto e a ilusión serán os grandes protagonistas.”

Ao longo de dezaseis edicións, o torneo organizado polo Cabana SD converteuse nun referente do fútbol formativo na Costa da Morte e en Galicia, reunindo cada ano a canteiras de numerosos clubs e ofrecendo unha excelente oportunidade para ver en acción ás futuras promesas do fútbol galego.

Ademais dos encontros deportivos, o recinto contará con servizo de cantina, churrasco, bocadillos e diferentes opcións para que xogadores, acompañantes e visitantes poidan gozar dunha xornada completa nun ambiente familiar e festivo.

Durante dous días, As Redondas volverá ser o epicentro do fútbol base galego, nun torneo no que os resultados pasan a un segundo plano para deixar todo o protagonismo aos valores que transmite o deporte: compañeirismo, esforzo, respecto e diversión.

AVISO IMPORTANTE

“Nesta época estival tan só iremos poñendo os torneos, renovacións, fichaxes, amistosos, etc, que os orgañizadors, clubes, afeccionados, socios, etc…nos envíen, tal e como xa vimos facendo nos derradeiros anos, para evitar o de que se poñemos uns e outros non.

Podedes mandarnos a información, fotos, vídeos, etc, o noso Whatsapp : 626 72 00 47 ou polas canles que temos na parte de abaxio da web en calquer noticia ou na portada”.

-Cartel e información : Cabana SD

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”